Mancomun.org

Distribuir contido Mancomún: Últimas novas
Últimas novas de Mancomún
Actualizado: fai 15 horas 35 min

Xornada demostradora de Ephesoft: Captura Intelixente de Documentos con software libre

Xov, 16/05/2013 - 09:20

O vindeiro día 28 de maio, o Centro Demostrador TIC acolle a xornada demostradora, organizada por Queres Tecnoloxías, “Ephesoft: Captura Intelixente de Documentos con software libre”.

O obxectivo desta xornada é presentar aos asistentes a primeira solución open source de dixitalización e captura intelixente de documentación e a súa integración co Sistema de Xestión Documental Alfresco. Destacar que Queres é partner oficial de ambos produtos, Alfresco e Ephesoft.

A captura intelixente de documentos vai máis alá do simple escaneado e conversión de documentos en papel a un formato dixital. Un sistema de captura intelixente, engade a esta función básica de dixitalización a capacidade de extracción de datos e clasificación automática dos documentos para poñelos a disposición doutros sistemas de información da empresa.

Dende Queres aseguran que tanto dende empresas de servizos financeiros como dende as administracións públicas, cada día aumenta máis a demanda de alternativas aos contornos de captura propietarios existentes, non só polo aforro económico que supón eliminar a necesidade de pagar licenzas de uso, senón tamén pola flexibilidade e posibilidade de adaptación deste tipo de sistemas con licenza libre.

...

Preséntase Aula AGASOL, onde atopar formación eLearning en software libre á vosa medida

Mér, 15/05/2013 - 13:00
  • AGASOL presenta a súa Plataforma de Teleformación, cunha ampla oferta formativa da man das diferentes empresas especializadas en eLearning de AGASOL
  • Para AGASOL, "este é un exemplo da calidade e proxección que está a ter o software libre galego"
  • A través da súa marca, Libres para aprender, libres para crear, queren ofrecer unha teleformación e unha oferta de contidos de calidade

AGASOL vén de anunciar a posta en marcha da Aula AGASOL, unha plataforma de teleformación sobre tecnoloxías e plataformas libres avalada pola experiencia e bo facer das empresas especializadas nesta materia da asociación.

Dentro dun contexto no que as plataformas de Software Libre como Moodle e os estándares abertos estanse a converter na referencia, dende AGASOL apostan por poñer a súa andaina profesional ao servizo de todas as persoas e entidades interesadas en poñer en marcha a teleformación para os seus negocios, para o aproveitamento persoal, para a creación de contidos, etc.

Queren ofrecerlles a posibilidade de mellorar a súa relación coas ferramentas libres, dunha forma sinxela e atractiva. Cun obxectivo claro: aumentar a súa competitividade, permitirte aforrar recursos e aproveitar todas as potencialidades da informática no seu traballo ou o seu negocio.

...

Galicia ascende ao posto número dous no Ranking de Universidades en Software Libre

Mér, 15/05/2013 - 10:07
  • Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior compromiso pola difusión do software libre nas universidades
  • A UDC ocupa a terceira posición do Ranking de Universidades en Software Libre, a USC a sexta e a Uvigo a novena praza

PortalProgramas.com fai público hoxe o segundo Ranking de Universidades en Software Libre (RuSL, 2013) grazas ao que podemos coñecer cales son as universidades que máis difunden o software libre, en que aspectos destaca cada universidades así como cales son os factores que inflúen no seu uso.

Unha vez máis é a Universidade de Granada quen lidera este clasificación seguida pola Universidade das Palmas de Gran Canaria en segunda posición e a Universidade da Coruña en terceira posición. As outras dúas universidades galegas ocupan tamén moi boas posicións, estando a Universidade de Santiago de Compostela no sexto posto e a Universidade de Vigo no noveno.

Esta escalada de postos das nosas universidades converten a Galicia na segunda comunidade autónoma con maior compromiso pola difusión do software libre nas universidades, fronte ao cuarto posto acadado o pasado ano.

Para levar a cabo esta clasificación, este ano empregáronse 67 criterios agrupados en 11 dimensións, fronte ás 37 variables en 7 dimensións empregadas o pasado ano, o que segundo os responsables deste estudo, permite ofrecer mellores e máis fiables resultados.

 

...

OpenMediaVault, sistema de almacenamento en rede baseado en Debian

Lun, 13/05/2013 - 17:33

Se a semana pasada falabamos de ownCloud, un software para montar o noso clon de Dropbox, hoxe tócalle a quenda a unha distribución Linux para montar un sistema de almacenamento en rede ou NAS - network attached storage - polas súas siglas en inglés: OpenMediaVault .

Trátase dunha distribución Linux baseada en Debian pensada para instalar facilmente nun ordenador un sistema de almacenamento en rede con servizos como ssh, sftp, smb/cifs, rsync e moitos outros. Ademais grazas ao seu deseño completamente modular pódese mellorar a través de complementos ou plugins. OpenMediaVault está dispoñible integramente en galego, sendo un dos pouco máis de 15 idiomas aos que está traducido, grazas ao traballo de Miguel Bouzada, membro do proxecto Trasno.

OpenMediaVault é simple e doado de empregar e permite que calquera poida instalar e administrar un dispositivo NAS sen necesidade de ser un experto. Está deseñado para ser empregado tanto en pequenas e medianas empresas como en entorno doméstico, aínda que non está limitado a estes escenarios.

...

A AMTEGA promoverá máis de 50 actividades de formación e difusión de software libre en colaboración coas asociacións de usuarios e coas 3 universidades galegas

Lun, 13/05/2013 - 10:25
  • A AMTEGA achega a estas entidades 110.000 euros para o impulso do Software Libre a través de convenios de colaboración enmarcados nas actuacións do Plan de Software Libre da Xunta para o ano 2013
  • En conxunto desenvolveranse máis de 50 actividades comprendendo a organización de xornadas, cursos, obradoiros, o desenvolvemento de proxectos ou a elaboración de material formativo sobre Software Libre.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) colaborará co Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG), integrado polas tres universidades galegas, e con cinco Asociacións de Usuarios de Software Libre de Galicia (AGUSL) para impulsar a promoción e fomento do uso de software libre entre a cidadanía. As AGUSL que participan nesta iniciativa son GALPon, Ghandalf, GPUL, Melisa e Asociación Cultural Proxecto Trasno.

En total, a Amtega achegará a estas entidades 110.000 euros, a través de convenios de colaboración, para o desenvolvemento de máis de 50 actividades que abranguen a organización de xornadas, cursos, obradoiros, o desenvolvemento de proxectos, a elaboración de material formativo e a tradución ao galego do software libre.

...

Xornada de desenvolvemento de aplicacións para Firefox OS o sábado no XGN

Ven, 10/05/2013 - 09:00

Firefox OS App Day Santiago de Compostela

Dende Mozilla convidan a todos os interesados en aprender, hackear e desfrutar de Firefox OS , o novo sistema operativo libre para móbiles, a asistir a esta xornada e que terá lugar dende as 11:00 ata as 19:00 horas, cunha primeira parte durante a mañá para a introdución a Firefox OS e ao desenvolvemento de aplicativos para o mesmo e unha segunda parte pola tarde adicada a poñer mans á obra.

Non é preciso estar inscrito na XGN pero si é necesario inscribirse nesta xornada na web de Mozilla.

Non se trata dunha competición senón da oportunidade para iniciarse na creación de aplicativos móbiles para o Firefox Marketplace e o próximo dispositivo Firefox OS. Tamén é unha grande oportunidade para amosar o teu proxecto a unha boa audiencia de compañeiros, así como a líderes tecnolóxicos e innovadores. Así durante a xornada tratarase de que os asistentes creen aplicativos web abertos, que funcionen ben en dispositivos móbiles para FirefoxOS e en Firefox para Android. Aínda que tamén é posible levar unha aplicación HTML5 para continuala, finalizala, pulila ou simplemente presentala.

...

OwnCloud: Monta o teu propio clon de Dropbox con software libre

Ven, 10/05/2013 - 08:00

O pasado mes de marzo publicouse a versión 5 de OwnCloud, un dos máis populares aplicativos de creación de nubes persoais ou privadas; é dicir, para a creación dun servizo de almacenamento e compartición segura de ficheiros na nubw, ou para entendernos, un clon de Dropbox. OwnCloud é software libre e está dispoñible integramente en galego.

OwnCloud permite que dende un usuario doméstico ata unha gran empresa poidan dispoñer do seu propio servizo onde almacenar, controlar, sincronizar os seus ficheiros entre múltiples dispositivos e e compartilos cos seus compañeiros, amigos, ... e todo elo baixo os seus propios criterios de privacidade, seguridade, políticas de uso, monitorización... Unha das maiores vantaxes de dispoñer dunha nube persoal é que non estamos a ceder o control dos nosos ficheiros e datos persoais a grandes organizacións (como Dropbox, Google Drive, ...) cos seus particulares termos de servizo, os seus intereses comerciais, e mesmo estar suxeitos á “Patriot act” pola que as autoridades dos Estados Unidos poderían solicitar acceder aos nosos datos.

Un claro exemplo da importancia da protección dos nosos datos persoais nos servizos na nube, é, segundo recolle o OSIMGA, a recente publicación por parte da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) dunha Guía para clientes que contraten servizos Cloud Computing e de Orientacións para prestadores de servizos Cloud Computing. A AEPD recoñece que a seguridade e as garantías da protección de datos “na nube” son factores condicionantes na toma de decisións dos usuarios, das empresas e das administracións públicas.

 

...

Publicada Debian 7.0 Wheezy

Mar, 07/05/2013 - 12:29

Logo de dous anos de constante desenvolvemento, o proxecto Debian presentou o pasado día 4 de maio a nova versión estable Debian 7.0 Wheezy.

A nova versión de Debian inclúe interesantes características como:

  • Compatibilidade multi-arquitectura, que permitirá aos usuarios instalar nun mesmo equipo paquetes de distintas arquitecturas, por exemplo software de 32 e de 64 bits resolvendo automaticamente todas as dependencias.
  • Ferramentas específicas para despregar nubes privadas, tendo dispoñibles paquetes de OpenStack e de Xen Cloud Platform (XCP).
  • Un sistema de instalación mellorado, que permite instalar Debian usando software de síntese de voz, útil por exemplo para persoas con discapacidade visual que non empregan dispositivos Braille. Estes sistema de instalación co software de síntese de voz está dispoñible en máis dunha ducia de idiomas, sendo 73 os idiomas nos que está dispoñible o sistema de instalación tradicional, sendo o galego un deles. Ademais, por primeira vez, Debian permite a instalación e arranque usando UEFI para PCs novos de 64 bits (amd64), aínda que non é posible empregar polo momento o "arranque seguro".
  • Ademais incorpora un conxunto completo de códecs multimedia e interfaces que eliminan a necesidade de empregar repositorios de terceiros.
Galeguizando Debian

Segundo nos informan dende Trasno, existe un pequeno equipo galego de tradución de Debian, actualmente coordinado por Jorge Barreiro e composto fundamentalmente por trasnegos que están facendo todo o posible por elevar o nivel de cobertura do galego.

...

Seminario sobre virtualización e alta dispoñibilidade en Linux

Mar, 07/05/2013 - 09:50

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) da Consellería de Traballo e Benestar organiza un seminario sobre virtualización e alta dispoñibilidade en Linux para o vindeiro luns 23 de maio de 9:30 a 13:30 horas que terá lugar nas instalacións do CNTG.

O seminario trasladará aos asistentes conceptos relativos á virtualización e alta dispoñibilidade: implantación de solucións de virtualización, balanceo de carga, xestión de recursos etc. É preciso inscribirse para poder asistir ao evento. A inscrición está aberta ata o día antes do seminario, o 22 de maio.

A xornada vai dirixida preferentemente a administradores/as e técnicos/as de sistemas e, en xeral, profesionais con coñecementos previos do sistema operativo Linux con interese en virtualización e alta dispoñibilidade.

...

IEBS lanza o primeiro Master especializado en Software Libre de Xestión e ERP Estendido

Lun, 29/04/2013 - 10:33

A escola de negocios IEBS vén de anunciar o lanzamento do primeiro master do mercado que aborda a xestión do software empresarial apoiado en ferramentas con licenza libre. Trátase do Master en Software Libre de Xestión: Open Source ERP II. O Master está dirixido a profesionais, emprendedores e recentemente titulados que aspiren a liderar os procesos de transformación e innovación das empresas do século XXI.

Os ERP (ou Enterprise Resource Planning, polas súas siglas en inglés) son sistemas de información utilizados para xestionar e automatizar os principais procesos de negocio empresariais. Na actualidade, estes sistemas evolucionaron cara a unha integración de procesos e funcións e o seu uso está a xeneralizarse en todo tipo de organizacións, en parte, grazas á irrupción de novas e innovadoras propostas en software libre.

O programa responde ás necesidades formativas de novos perfís profesionais, nunha era na que o software libre é unha realidade cada vez máis demandada no mundo empresarial, pero na que resulta difícil atopar a profesionais preparados capaces de implantalo con éxito.

...

Día internacional das rapazas nas TIC

Xov, 25/04/2013 - 11:23
  • Hoxe é o Día Internacional das Rapazas nas TIC (Girls in ICT)
  • O CESGA acolle un acto para conmemorar este día, no marco do proxecto europeo que coordina ICT-go-Girls
  • GNOME ofrece un programa de bolsas de colaboración en proxectos de software libre dirixido a mulleres: Outreach Program for Women internships

Hoxe 25 de abril é o Día Internacional das "Rapazas nas TIC" (Girls in ICT), promovido e coordinado pola ITU (International Telecommunications Union), da que España é membro, para crear unha contorna global que promova e apoie ás rapazas para que consideren carreiras no campo das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (Tics). Este ano este evento é coordinado pola Comisión Europea, Parlamento europeo e a ITU.

A Comisión Europea resalta que na actualidade só o 30% do sector TIC está formado por mulleres, e sofren de infrarrepresentación en todos os niveis neste sector, sobre todo nos máis decisivos, a pesar do rápido crecemento que experimenta o sector a nivel europeo, con preto de 120.000 novas ofertas laborais anuais.

Neste contexto, é necesario que as mulleres sexan parte activa na creación, non só no consumo, das tecnoloxías que marcan as nosas vidas. E a solución para que isto suceda o curto prazo non é sinxela, porque as decisións sobre a orientación académica no ámbito do TIC é algo que vén desde a educación secundaria.



...

Seminario sobre axustes de rendemento en contornos Red Hat. Red Hat Performance Tuning.

Xov, 25/04/2013 - 09:39

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) da Consellería de Traballo e Benestar organiza un seminario sobre axustes de rendemento Red Hat para o vindeiro luns 29 de abril de 16:30 a 20:00 horas que terá lugar nas instalacións do CNTG.

Durante o desenvolvemento da xornada trataranse os conceptos xerais e os fundamentos de “Red Hat performance tuning”, as ferramentas de medición e comprobación de optimizacións, tuning de CPU, de memoria, de rede, de almacenamento etc ...

A xornada vai dirixida preferentemente a administradores/as e técnicos/as de sistemas e, en xeral, profesionais con coñecementos previos do sistema operativo Linux con interese en coñecer as metodoloxías de axuste de rendemento nun contorno Red Hat Linux.

...

Liberado o código fonte da plataforma datos.gob.es

Xov, 25/04/2013 - 09:28

Datos.gob.es é o portal estatal no que se organiza e xestiona o catálogo de Información Pública, o punto único de acceso ao conxuntos de datos da Administración Xeral do Estado. O seu obxectivo prioritario é promover a publicación, mellorar o acceso e favorecer a reutilización da información pública correspondente á Administración Xeral do Estado. É a iniciativa estatal equivalente ao noso portal @bertos.

En coherencia coa política de reutilización da información pública e estendendo esta mesma política á reutilización do software, veñen de liberar, en colaboración con CENATIC, o código do proxecto no que se sustenta dita plataforma. A disposición de forma aberta deste desenvolvemento permite a calquera cidadán, organismo ou empresa facer duso el e crear así un espazo propio dedicado a Datos Abertos.

...

GALPon organiza o ciclo de obradoiros "Sábados libres" na Residencia Altamar en Vigo

Lun, 22/04/2013 - 10:33

A asociación GALPon, en colaboración coa asociación Xuvenil Altamar, da Residencia Altamar (As Travesas) dependente da Xunta de Galicia, organiza un pequeno ciclo de obradoiros ao que deron en chamar «Sábados libres na Altamar» que se impartirán nos locais da propia Residencia.

Os obradoiros programados celebraranse o último sábado de cada mes, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 19:00 horas, dende o vindeiro mes de maio ata novembro, agás os meses de verán.

A participación e asistencia a estes obradoiros é de carácter gratuíto, e está aberta ao público en xeral.

Nestes obradoiros traballarase sobre temas de actualidade como Arduino, ou a creación de NAS ou centro multimedia con Raspberry Pi e OpenMediaVault ou OpenElec respectivamente.

...

Tegnix abre un proceso de selección de ata 13 profesionais para ampliación de negocio

Mar, 16/04/2013 - 09:48

Tegnix é unha empresa galega que vén desenvolvendo a súa actividade como consultora altamente especializada en Software Libre dende o ano 2004, despregando proxectos tecnolóxicos como realizando accións formativas a través de Aula Tegnix con calidade certificada.

Agora mesmo está implicada nun proceso de ampliación de negocio na liña de formación en software libre para o que busca cubrir ata 13 prazas; un perfil de desenvolvemento de negocio e 12 docentes especializados en software libre.

Todas as persoas interesadas en algún dos postos deberán enviar o seu curriculum por correo electrónico en formato estándar ISO, como pode ser ODF ou PDF, ao enderezo rrhh@tegnix.com ou ben ao enderezo postal de Tegnix:


...

Dispoñible o programa definitivo das XII Xornadas Libres na UDC

Lun, 15/04/2013 - 12:50

Os vindeiros días 24 e 25 de abril , de 16:00 a 20:00 horas celebraranse na aula de graos da Facultade de Informática de A Coruña as XII Xornadas Libres organizadas por GPUL.

A asistencia a estas xornadas está aberta a calquera persoa con interese en achegarse ao software libre, hardware libre ou cultura libre en xeral.

A asistencia é de balde e todos aqueles interesados deberán inscribirse previamente a través do formulario habilitado aos efectos.

O programa das xornadas é o seguinte:

 

Mércores 24 de abril

  • 16:00 - Como colaborar cun proxecto de SL , José Millán Soto (GPUL) . Nesta charla comentarase como colaborar cun proxecto de Software Libre, poñendo como exemplo principal a KDE.
  • 17:00 - Pon unha licencia ó teu Software... sobre todo se é Libre, Chema Casanova (GPUL). Falarase sobre a importancia de poñer unha licenza ao Software, tipos de licencias libres, limitacións e compatibilidades, xestión da propiedade intelectual e control de dependencias e contidos complementarios.
  • 18:00 - Google Summer of Code: charla divulgativa, Valentín Barros (FIC) , Santiago Munín (FIC). Dous participantes de edicións previas do GSoC e alumnos da FIC falarán da súa experiencia e darán unha serie de consellos para aqueles que queiran intentalo este ano.
...

O software libre contribúe ao crecemento da economía europea

Ven, 12/04/2013 - 12:09
  • CENATIC publica un informe sobre o Impacto da reutilización do software de fontes abertas na Economía
  • O trinta e cinco por cento de todo o código das aplicacións informáticas en Europa xa é software libre reutilizado.
  • Reutilizar software de fontes abertas na Administración Pública non só xera importantes aforros, senón tamén maior colaboración e independencia tecnolóxica.
  • Gobernos como os de Galicia e Comunitat Valenciana xa informaron de importantes aforros pola reutilización e uso de software libre.

No día de onte publicouse o informe "Impacto da reutilización do software de fontes abertas na Economía" elaborado polo experto internacional Carlo Daffara en colaboración con investigadores de CENATIC, o Centro Nacional de Aplicación das TIC baseadas en Fontes Abertas, e que mostra por vez primeira en España os resultados da metodoloxía de análise sobre o impacto económico da reutilización de software.

En concreto, o informe mostra o impacto económico inmediato en termos de aforro e produtividade que se obtén ao reutilizar código aberto por parte da Administración Pública, e xestionar o seu mantemento e evolución a través de comunidades. Unha estimación á baixa destes efectos arroxa un resultado de 114.000 millóns de euros ao ano en aforros en Europa grazas a efectos como o aforro directo, a redución da taxa de fracaso nos proxectos, á melora dos custos de mantemento (que equivale ao 30% do mercado global de software e servizos), e o feito de que ao reverter estes aforros de forma interna en tecnoloxía, créase unha mellora en términos de produtividade e eficiencia de polo menos 342.000 millóns de euros anuais, o que constitúe unha contribución decisiva ao crecemento da economía europea.

...

A asociación Melisa organiza un festival de instalación de software libre en Melide

Mér, 10/04/2013 - 16:12

Segundo informan dende a asociación, o vindeiro sábado 20 de abril terá lugar o Festival de Instalación de Software Libre  en Melide.

Trátase dun evento de divulgación do Software Libre, no cal se farán instalacións gratuítas e legais de aplicativos libres nos equipos dos participantes.

As persoas interesadas poden asistir ao evento co seu equipo informático, e os voluntarios de Melisa axudarán no proceso de instalación dos programas libres.
Non é obrigatorio instalar un sistema operativo GNU/Linux, tamén se poden instalar diferentes programas libres sobre o sistema operativo actual do equipo do usuario, coma por exemplo, LibreOffice, Mozilla Firefox, Gimp, Thunderbird, etc. De tódolos xeitos é recomendable realizar previamente un respaldo de seguridade dos ficheiros persoais.

...

A empresa galega Sdweb estará presente no Drupal Executive Meetup de Cornellà

Mér, 10/04/2013 - 15:41

Segundo informa a propia Sdweb - Solucións Dixitais, o Drupal Executive Meetup chega á súa terceira edición que se celebrará o xoves 11 e venres 12 de abril na cidade de Cornellà.

Este encontro reúne ás principais empresas europeas cun alto nivel de especialización no desenvolvemento de aplicacións e módulos no CMS ou xestor de contidos Drupal.

Trátase dun evento centrado en artellar a rede europea de desenvolvedores da comunidade Drupal, é dicir, un encontro anual para establecer sinerxías entre aquelas empresas e profesionais que participan activamente neste comunidade aportando e desenvolvendo código fonte.

Os responsables da empresa Sdweb – Solucións Dixitais destacan o espírito colaborativo da iniciativa e o seu alcance europeo “A filosofía do encontro é totalmente colaborativa con reunións permanentes o que facilita establecer moitas liñas de traballo en conxunto con outras empresas europeas fortemente especializadas en Drupal e poder presentar a nosa oferta a proxectos máis grandes así como a desenvolver productos e servizos especializados”.

...

Aproximadamente oito de cada dez empresas galegas empregan software libre nos seus equipos

Mér, 10/04/2013 - 09:13

Coincidindo coa presentación do Plan de Software Libre para o ano 2013 o pasado luns 8 de abril, o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OISMGA) publicou os informes sobre o nivel de implantación do “http://www.osimga.org/gl/actualidade/noticias/20130408_swl_pemes.htmlSoftware Libre nas pequenas e medianas empresas de Galicia” e do “Software Libre nas empresas informáticas de Galicia” correspondentes ao ano 2012.

Un dos principais obxectivos desta análise ademais de comprobar a evolución da oferta e da demanda de solucións libres nas empresas de Galicia, é detectar cales son as necesidades das empresas neste eido a fin de aliñar as actuacións que a administración pública inclúe no Plan de acción en materia de Software Libre dirixidas ao ámbito empresarial co obxectivo de incrementar a eficiencia e produtividade do sector grazas ás TIC e particularmente ao Software Libre.

Uso do software libre nas empresas galegas

Os resultados obtidos nos estudos demostran que a tendencia no uso do software libre continúa a ser moi positiva tanto nas empresas informáticas como nas do resto de sectores produtivos.

Un 82% das empresas informáticas de Galicia utiliza solucións tecnolóxicas libres nos seus equipos. Un 73,9% das empresas do resto de sectores produtivos, de 10 a 249 empregados, que non son persoas físicas, empregan Software Libre o que supón que o grao de penetración nestas empresas alcanza xa un nivel case parello ao das empresas informáticas.

Podemos dicir de forma global que aproximadamente oito de cada dez empresas galegas empregan Software Libre nos seus equipos.

...