O pasado día 27 de abril, Xosé Luís Axeitos e Francisco Pillado facían un chamamento á participación nun acto en solidaridade cos traballadores do Instituto Galego de Información que terá lugar hoxe 8 de maio ás 18 horas na sede do Instituto. Non atopo mellor maneira de expresarlles o meu apoio que engadindo o seu comunicado ao texto da convocatoria:
A Coruña 27 de abril de 2007
Benqueridas amigas e estimados amigos:
De seguro que tedes noticia da situación pola que están a pasar os traballadores do I.G.I. (Instituto Galego de Información - Sargadelos, de Santiago) que entran no terceiro mes sen percibir o seu salario.
Ante esta situación anómala e indigna, toda vez que non é derivada de problemas de liquidez económica senón que responde a unha estratexia de acoso contra o anterior xerente da empresa, queremos manifestarlle o noso apoio a unhas persoas que, ademais de desenvolver exemplarmente o seu traballo, levan moitos anos loitando conscientemente pola construción do país.
Consideramos, xa que logo, que non debemos ficar indiferentes e pregamos a asistencia a un acto reivindicativo, acompañando aos afectados, que terá lugar no I.G.I. (San Marcos s/n, Santiago de Compostela) o día 8 de maio ás 18 horas.
Un saúdo cordial de,
F. Pillado
X.L. Axeitos