5.2.3.1 Algo de historia

Os servicios son o novo blanco de tiro do capitalismo. Xa sexa a través da incursión en novas áreas territoriais ou pola aplicación das leis de mercado en espacios onde antes non operaba, o capitalismo, na súa necesidade existencial de busca do máximo beneficio e a ampliación a novos mercados, declarou a súa guerra preventiva contra os servicios, e para elo dispúxose a recorrer a todo un armamento de alta tecnoloxía e última definición. E é que parece que "o capitalismo nunca estivo tan de moda".

Unha das primeiras ofensivas, despois da Segunda Guerra Mundial, centrouse no comercio de mercancías e a reducción progresiva de aranceis entre países coa creación en 1947 do Acordo Xeral sobre Aranceis e Comercio (General Agreement on Tariffs and Trade, GATT). Desde ese primeiro ataque producíronse oito máis: o sétimo, coñecido como a Ronda Tokio, coincidíu coa aparición do Consenso de Washington, modelo económico global baseado nos principios de privatización, libre comercio e desregulación; o oitavo, entre 1986 e 1994, concluíu coa Ronda Uruguay e a creación da Organización Mundial de Comercio (OMC). A Ronda Uruguay abríuse en Punta del Este, Uruguay, en 1986. Esta ronda concluíu en Marraquech o 15 de decembro de 1993, cando 117 países asinaron o Acordo Xeral sobre o Comercio de Servicios (AXCS), que foi finalmente aprobado por Estados Unidos e rubricado polo presidente Clinton o 8 de decembro de 1994. Unha cláusula do acordo contemplaba a conversión do GATT na OMC. A OMC foi formalmente inaugurada o 1 de xaneiro de 1995, e ata xullo integráronse nela máis de cen países. Non houbo únicamente unha intensificación e ampliación do campo de actuación, senón que tamén deuse un progreso "tecnolóxico": mentres o GATT era un contrato de negocios, á OMC foille atribuída persoalidade legal, dotándoa dun corpo de intervención máis efectivo para os seus obxectivos.

O AXCS é un dos acordos esenciais da OMC, tendo unha gran trascendencia económica e social, pero que apenas sí é coñecido pola poboación. De feito, as negociacións lévanse a cabo con gran secretismo e ocultando deliberadamente as consecuencias que a súa posta en marcha vai ocasionar sobre o benestar e o progreso das nacións. O AXCS pretende, en resumidas contas, alcanzar un gran acordo entre gobernos para reducir ou eliminar todas as trabas gubernamentais que poidan impedir que os servicios se poidan suministrar libremente por riba das fronteiras nacionais. Dito así, parece que se trata de adoptar medidas simplemente favorecedoras do comercio que poideran repercutir favorablemente no abaratamento ou no maior acceso aos servicios. Ese é o discurso oficial, pero detrás del pódense descubrir facilmente, como veremos, as verdadeiras pretensións do Acordo.

O AXCS é un acordo multilateral que define as restriccións impostas a un amplo conxunto de medidas dos poderes públicos que son susceptibles de ter repercusións sobre o comercio de servicios. Tales restriccións son obrigatorias e poden ser sostidas por sancións comerciais impostas pola OMC.

O AXCS inclúe doce sectores xerais obxecto de regulación: administración, computación, comunicacións, construcción, distribución, educación, ambientais, financeiros, saúde, turismo, cultura, transporte e outros non incluídos. O mercado da educación (como o denomina a OMC) está dividido en cinco categorías: educación primaria, secundaria, superior, para adultos e outros servicios de educación. (Páxinas da OMC referidas aos Servicios de Ensinanza).

O AXCS avanza a través de rondas de negociación que buscan a liberalización dos sectores. Cada país determina as súas posibilidades de apertura e fixa os seus compromisos na materia. A negociación é complexa, porque nela interveñen non só os intereses e posturas de cada país senón, principalmente, as definicións asumidas no marco de acordos multilaterais como a Unión Europea, o Mercosur, ou o Tratado de Libre Comercio de América del Norte (TLCAN) de México, Canadá e Estados Unidos.

Despois do fracaso de Seattle en 1999, no marco do programa de traballo establecido, os membros da OMC recibiron o mandato de relanzar as negociacións sobre o AXCS no 2000, co fin de continuar coa liberalización do comercio de servicios. En febreiro do ano 2000 lanzáronse negociacións de gran amplitude que tiveron por finalidade estender o alcance do AXCS orixinal.

Na reunión ministerial da OMC que tivo lugar en Doha (Qatar) no outono de 2001, os países membros estableceron unha axenda de negociación sobre o AXCS con datas precisas, engadindo materias novas e continuando coas anteriores. O 30 de xuño de 2002, todos os países membros poideron presentar as demandas para compromisos específicos aos outros países, invitándolles a liberalizar sectores específicos. Ata o 31 de marzo de 2003, os países aos que foron dirixidas esas demandas poideron presentar as súas ofertas de apertura do seu mercado en determinados sectores de servicios. Entre o 10 e o 14 de setembro de 2003, a Conferencia Ministerial da OMC reuníuse en Cancún para facer unha análise das liñas de seguemento do AXCS. Prevese que estas negociacións rematarán en xaneiro de 2005.

Nalgúns sectores, os acordos van moi adiantados. Noutros, como enerxía e educación, houbo reticencias e críticas para a súa negociación no convenio xeral. É máis, a Educación Superior como tal non figuraba nos capítulos do AXCS; pero en novembro de 2001, os países da OMC acordaron a súa inclusión. Ademáis, en varios tratados multilaterais de comercio a educación comenza a aparecer como tema de regulación. A maioría dos países da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) subscribiron compromisos, aínda que aínda son poucos os países fora dese ámbito que fixeron o propio. Ata a data, só 42 asinaron algún compromiso de comercio educativo, únicamente 32 algún compromiso no capítulo de Educación Superior; e deles só 22 conviñeron acordos de tratamento nacional asimilables aos modos de suministro considerados no AXCS.