Lourenzo Fernández Prieto: Investigación, universidade, sociedade

Lourenzo Fernández Prieto: Investigación, universidade, sociedade

NO ÁMBITO universitario hispánico imponse nos últimos tempos unha idea deformada do que debe ser a relación da universidade coa sociedade. Esa vella arela que deu lugar a algúns dos millores froitos do traballo académico no pasado e no presente. Das diferentes formas de entender tal relación estase impondo, ao meu xuizo, a versión menos afortunada. O asunto é especialmente relevante nesta sociedade do coñecemento, na que a capacidade innovadora lígase a sistemas de innovación ben deseñados e dotados e na que o cambio tecnolóxico identificase como principal vector do desenvolvemento e da converxencia/diverxencia entre traxectorias económicas.

Como lembraba nestas páxinas Roxelio Conde, na Galiza as universidades son a cerna do sistema de innovación. A investigación na Universidade non pode estar desligada das demandas e necesidades sociais. A escala nacional e mundial. O problema é saber quen e como se definen e identifican as prioridades. Vaise asentando a idea de que só é adecuada a investigación dictada polo mercado, como se o mercado fose sempre un regulador correcto das prioridades investigadoras e, o que resulta máis dificil, tivese capacidade historicamente demostrada para definir a investigación de calidade. Decote, a precariedade financeira da universidade pública e a súa necesidade de obter fondos convírtea en subsidiaria de intereses particulares que, aínda por riba, marcan as prioridades da investigación coa abenzon das autoridades académicas.

A investigación é unha actividade que só rende a longo prazo porque esixe de grande acumulación de formación cualificada, volume de datos empíricos, análises demoradas e independencia de criterio. As viraxes nas liñas de investigación ao son das demandas son posibeis e necesarias mais incríbeis no curto prazo e atoladamente. Atender ás demandas sociais hoxe na Galiza é, por exemplo, investigar sobre o monte, veciñal ou privado, no pasado e no presente, para contribuir a definir estratexias de xestión dunha inmensa porción do noso territorio. Mais dubido que fora misión da Universidade constituirse en empresa de servizos para dictarlle aos empresarios forestais o que queren escoitar e xustificar as súas decisións con aval universitario. Un supoñer.

Unha universidade ao servicio da sociedade é a que é capaz de identificar demandas históricas e darlles resposta, a partir das súas propias e consolidadas capacidades. A investigación é competitiva se é capaz de atender a demandas reais e existe unha comunidade científica capaz de sancionar o carácter competitivo desa investigación. A cualidade e a competencia da investigación ven definida dende a comunidade científica xuntamente coa sociedade. Nunca debera selo por particulares que requiran servizos baratos dunha universidade mal financiada. Servizos que muitas veces eles mesmos ou o mercado poderían atender co capital humano formado nas universidades. Ningunha comunidade científica produce así os seus premios Nobel, dos que, por certo, a universidade española é unha completa indixente. É un vello debate do século XX que aquí vimos de encetar.

La Voz de Galicia, 30/11/04