Galicia: A oposición avisa que o novo plan non soluciona os problemas económicos das universidades

Galicia: A oposición avisa que o novo plan non soluciona os problemas económicos das universidades

O modelo proposto vai supoñer que no 2010 as institucións galegas teñan "o mesmo nivel respecto do PIB ca no 2000", advertiu Carlos Pajares dende o PSdeG. Lourenzo Fernández Prieto, representante no consello de universidades a proposta do BNG, criticou un proxecto "insuficiente para preparar ás universidades para asumir os criterios de calidade que esixe a converxencia universitaria europea".

"Despóis de 10 anos estaremos no mesmo punto, por debaixo da media nacional", denunciou Carlos Pajares, secretario de Educación e Cultura da Comisión Executiva Nacional Galega do PsdeG-PSOE. O responsábel socialista precisou que durante o período 2000-2004 o financiamento da Xunta para as universidades "ten baixado en termos porcentuais un 0,15 por cento respecto do PIB". Di Pajares que os recursos adicados á investigación por criterios competitivos das universidades directamente "non chegan ao 3% de subvención total, o cal non vai favorecer a implantación nas universidades dunha dinámica de calidade" e subliñou que "na actualidade a subvención por alumno universitario en Galicia é moi parecida á subvención por alumno non universitario e segue a estar moi lonxe da media española".

Por outra banda, o representante do BNG, destacaba tamén a inexistencia dunha Lei de Universidades, "que deixa o financiamento dos campus galegos a expensas dos Orzamentos autonómicos e dos vaivéns que poidan sufrir as contas públicas" e a "ausencia dun modelo universitario" que esté contido no plano. Lourenzo Fernández Prieto definiu o proxecto coma "un traxe novo, pero estreito, cuxas costuras empezarán a romperse no momento en que teña que afrontar o reto máis importante no futuro inmediato: mellorar a calidade do ensino universitario galego para adaptalo ao Espazo Europeo de Educación Superior e Investigación". "Non podemos fiarnos dun Goberno e dunha Consellería de Educación que foron os responsábeis de afogar económicamente ás universidades", laiouse.

Vieiros, 30/11/04