Alfonso García Tobío e Juan Carlos Pardo Pérez: Desmantelamento e empresarialización da Universidade

Alfonso García Tobío e Juan Carlos Pardo Pérez: Desmantelamento e empresarialización da Universidade

(Versión en español)

Desde hai aproximadamente dous anos, vimos utilizando fírgoa con propósitos de documentación, avaliación e reflexión de e sobre a Universidade. Da abundante e variada documentación recollida, fírgoa traslada unha imaxe, desde a súa propia óptica, da situación pola que atravesa a Universidade.

Existe unha cantidade abrumadora de información sobre a situación de crise pola que atravesan as Universidades en todo o mundo. Sobre todo crise financeira, aínda que, como veremos, non só financeira. A información recollida en fírgoa fala ben ás claras: existen problemas financeiros nas universidades de Galicia, de Asturias, de Andalucía, de Canarias, de Madrid, de Valencia... en todas as universidades españolas, sen excepción. Pero fora de España, tamén dan conta de problemas de financiamento as universidades de México, de Arxentina, de Chile, de Ecuador, de Paraguay... E en Europa, en Asia ou en África. En todos os continentes e países, as universidades enfrontan unha situación de penuria financeira.

¿E isto unha mera casualidade? ¿Foron mal xestionadas todas as universidades, e todas ao mesmo tempo? ¿Ou se trata dos resultados dunha política intencional decidida a facer das Universidades outra cousa distinta do que son? Nós cremos que se trata desto último, de crises intencionalmente inducidas dende presupostos neoliberais. Os problemas de financiamento, actualmente comúns a todas as Universidades, pretenden ilas obrigando a converterse en empresas: no mundo do mercado, a empresa é o modelo de organización por excelencia, o modelo a seguir. As empresas obteñen os seus recursos no mercado vendendo productos, servizos ou imaxe, marca. E iso é o que debe de facer a Universidade: obter o seu financiamento no mercado, vendendo servizos, productos, imaxe. A Universidade ten que empresaliarizarse, e se ten que sobrevivir, será en condicións de competencia no mercado.

Para prepararse para as condicións de mercado, a Universidade debe desenvolver "políticas de calidade", é dicir, debe ser quen de situar a súa oferta en condicións de competir no "libre mercado" con outras ofertas máis ou menos equivalentes. Para iso desenvólvense o que, con unhas ou outras etiquetas, ultimamente veñen denominándose "procesos de planificación estratéxica"; básicamente, do que se trata é de que as universidades, como calquera outra empresa, analice cales son as súas vantaxes de mercado e cales as dos seus competidores, a fin de poder mellorar as súas vendas e, por conseguinte, os seus beneficios.

Sábese que o comportamento no mercado dun producto non depende só, nin tan sequera principalmente, das características do producto en sí mesmo, senón da súa imaxe: publicidade, márketing, marca son conceptos que fan referencia ao mesmo ámbito semántico. Un producto véndese ben se se empaqueta adecuadamente. E a isto é ao que responde á recente e explosiva proliferación de instancias de acreditación da calidade, da industria da calidade: empresas, axencias, estándares, protocolos, métodos, asesorías, "especialistas"... A Universidade debe de reunir o maior número de acreditacións, de selos de calidade, a fin de presentar competitivamente o seu producto no mercado.

Un producto é competitivo se xera beneficios económicos, é dicir, se o seu prezo no mercado e maior que os custos de producción. A lóxica empresarial impón que, en condicións de crise financeira, as universidades se sometan a procesos de reconversión dirixidos a abaratar custos, e os custos máis importantes sitúanse na man de obra. A supresión da tenure, do "emprego de por vida", do carácter funcionarial do persoal, é unha condición necesaria para proceder a regulacións de emprego que permitan "dimensionar adecuadamente" os cadros de persoal.

A empresarialización da Universidade pretende modificar a súa cultura. Non só se trata de subcontratar a empresas que realicen servizos  que desenvolve ou desenvolvía a Universidade. Ou de crear empresas desde e dentro da Universidade. Ou de primar ou favorecer a aquela parte do persoal da Universidade que destaque na súa faceta empresarial, na súa capacidade comercial. Trátase tamén de impactar directamente na súa cultura promovendo o espírito empresarial (baixo a denominación eufemística de "cultura emprendedora")  por medio da construcción dun discurso e a aplicación dunhas prácticas de gran poder de penetración.

¿Debe a Universidade ser una empresa? Resulta obvio que a esta pregunta moitas persoas e instancias non só responden que si, senón que son extraordinariamente activas no desenvolvemento e na potenciación do proceso de empresarialización: a Organización Mundial de Comercio, o Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional, a OCDE, a European Round Table, a Comisión Europea... En España, os gobernos do Partido Popular, tanto centrais como autonómicos, foron ou son os seus activos promotores, en sintonía co seu ideario "liberalizador". Tamén dentro da Universidade existe, sen dúbida, unha poderosa corrente favorable á empresarialización, en moitos casos tan dominante como para chegar a ocupar todos os postos e os espacios de decisión relevantes.

Algúns de nós, sen embargo, pensamos que é necesario dar a batalla por manter o sustantivo da cultura universitaria: o seu carácter de servizo público. Entendemos que a educación, incluída a superior, é un dereito que, como todos os dereitos, hai que garantir; que o coñecemento é, e debe seguir a ser, un ben común que debe estar libremente a disposición de todos; e que por iso non poden converterse en obxectos de negocio. Dende fírgoa facemos un chamamento, urxente e esperanzado, á defensa da Universidade como servizo público.

Alfonso García Tobío
Juan Carlos Pardo Pérez