Pierre Bourdieu: A esencia do neoliberalismo
Pierre Bourdieu: A esencia do neoliberalismo
O mundo económico ¿é realmente, como pretende a teoría dominante, un orden puro e perfecto, que desenvolve de maneira implacable a lóxica das súas consecuencias previsibles, e disposto a reprimir todas as transgresións coas sancións que inflixe, ben de forma automática ou ben - máis excepcionalmente- por mediación dos seus brazos armados, o FMI ou a OCDE, e das políticas que estes impoñen: reducción do custo da man de obra, restricción do gasto público e flexibilización do mercado de traballo? ¿E se se tratara, en realidade, da verificación dunha utopía, o neoliberalismo, convertida dese modo en programa político, pero unha utopía que, coa axuda da teoría económica coa que se identifica, chega a pensarse como a descrición científica do real?
Esta teoría tutelar é unha pura ficción matemática baseada, desde a súa mesma orixe, nunha formidable abstracción, que, en nome dunha concepción tan estreita da racionalidade, identificada coa racionalidade individual, consiste en poñer entre parénteses as condicións económicas e sociais respecto ás normas racionais e as estructuras económicas e sociais que son a condición do seu exercizo.
Para percibir a dimensión destes aspectos omitidos, basta pensar no sistema de ensinanza, que xamáis se tivo en conta en tanto que tal nun momento no que desempeña un papel determinante na producción de bens e servizos, así como na producción dos productores. Desta especie de pecado orixinal, inscrito no mito walrasiano (1) da "teoría pura", derivan todas as carencias e as ausencias da disciplina económica, e a obstinación fatal coa que se pega á oposición arbitraria á que da lugar, pola súa sóa existencia entre a lóxica propiamente económica, baseada na competencia e portadora de eficacia, e a lóxica social, sometida á regla da equidade.
Dito esto, esta "teoría" orixinariamente desocializada e "deshistorizada" ten hoxe máis que nunca os medios de converterse en verdade, empíricamente verificable. En efecto, o discurso neoliberal non é un discurso coma os outros. Á maneira do discurso psiquiátrico no sanatorio, segundo Erving Goffman (2), é un "discurso forte", que se é tan forte e tan difícil de combater é porque dispón de todas as forzas dun mundo de relacións de forza que el contribúe a facer tal e como é, sobre todo orientando as opcións económicas dos que dominan as relacións económicas e sumando así a súa propia forza, propiamente simbólica, a esas relacións de forza. En nome dese programa científico de coñecemento, convertido en programa político de acción, lévase a cabo un inmenso traballo político (negado en tanto que é, en aparencia, puramente negativo) que trata de crear as condicións de realización e de funcionamento da "teoría"; un programa de destrucción metódica dos colectivos.
O xiro cara a utopía neoliberal dun mercado puro e perfecto, posibilitado pola política de desregulamento financeiro, realízase a través da acción transformadora e, hai que dicilo moi claro, destructora de todas as medidas políticas (a máis recente destas é o A.M.I., Acordo Multilateral de Inversións, destinado a protexer ás empresas estranxeiras e as súas inversións contra os Estados nacionais), tendentes a poñer en tela de xuizo todas as estruturas colectivas capaces de obstaculizar a lóxica do mercado puro: a nación, cuxo marxe de manobra non deixa de diminuír; os grupos de traballo con, por exemplo, a individualización dos salarios e das carreiras en función das competencias individuais e a atomización dos traballadores, sindicatos, asociacións, cooperativas; incluso a familia, que, a través da constitución de mercados por "clases de idade", perde unha parte do seu control sobre o consumo.
O programa neoliberal, que extrae a súa forza social da forza político-económica de aqueles cuxos intereses expresa (accionistas, operadores financeiros, industriais, políticos conservadores ou socialdemócratas convertidos á deriva cómoda do laissez-faire, altos executivos das finanzas, tanto máis empecinados en impoñer unha política que predica o seu propio ocaso canto que, a diferencia dos técnicos superiores das empresas, non corren o perigo de pagar, eventualmente, as súas consecuencias), tende a favorecer globalmente o desfase entre as economías e as realidades sociais, e a construír deste modo, na realidade, un sistema económico axustado á descrición teórica, é dicir, unha especie de máquina lóxica, que se presenta como unha cadea de restricións que obrigan ós axentes económicos.
A mundialización dos mercados financeiros, xunto ó progreso das técnicas de información, garante unha mobilidade sen precedentes de capitais e proporciona ós inversores, preocupados pola rendibilidade a curto prazo das súas inversións, a posibilidade de comparar de maneira permanente a rendibilidade das máis grandes empresas e de sancionar en consecuencia os fracasos relativos. As propias empresas, colocadas baixo semellante ameaza permanente, deben de axustarse de forma máis ou menos rápida ás esixencias dos mercados, so pena, como se dixo, de "perder a confianza dos mercados", e, ao mesmo tempo, o apoio dos accionistas que, preocupados por unha rendibilidade a curto prazo, son cada vez máis capaces de impoñer a súa vontade aos managers, fixarlles normas (a través das direccións financeiras) e de orientar as súas políticas en materia de contratación, de emprego e de salarios.
Deste modo instáurase o reino absoluto da flexibilidade, coa extensión dos contratos temporais o os interinatos, e os "plans sociais" reiterados e, no propio seo da empresa, a competencia entre filiais autónomas, entre equipos empurrados á polivalencia e, en definitiva, entre individuos, a través da individualización da relación salarial: fixación de obxectivos individuais; entrevistas individuais de avaliación; avaliación permanente; subas individualizadas de salarios ou concesión de primas en función da competencia e do mérito individuais; carreiras individualizadas; estratexias de "responsabilización" tendentes a asegurar a autoexplotación dalgúns técnicos superiores que, meros asalariados baixo forte dependencia xerárquica, son considerados á vez responsables das súas vendas, dos seus productos, da súa sucursal, do seu almacén, etc., como se foran "independentes"; esixencia de "autocontrol" que extende a "implicación" dos asalariados, segundo as técnicas da "xestión participativa", moito máis aló dos empregos de técnicos superiores. Técnicas todas elas de dominación racional que, mediante a imposición da superinversión no traballo a destallo, concítanse para debilitar ou abolir as referencias e as solidaridades colectivas (3).
A institución práctica dun mundo darwinista de loita de todos contra todos, en todos os niveis da xerarquía, que atopa os resortes da adhesión á tarefa e á empresa na inseguridade, o sufrimento e o stress, non podería trunfar tan completamente, sen dúbida, de non contar coa complicidade das disposicións precarizadas que produce a inseguridade e a existencia - en todos os niveis da xerarquía, ata nos niveis máis elevados, especialmente entre os técnicos superiores - dun exército de reserva de man de obra domeñada pola precarización e pola ameaza permanente do paro. En efecto, o fundamento último de todo este orden económico situado baixo o signo da liberdade, é a violencia estrutural do paro, da precariedade e da ameaza de despido que implica: a condición do funcionamento "armonioso"do modelo micro-económico individualista é un fenómeno de masas, a existencia do exército de reserva dos parados.
Os efectos visibles do modelo
Esta violencia estrutural pesa tamén sobre o que chamamos o contrato de traballo (sabiamente racionalizado e desrealizado pola "teoría dos contratos"). O discurso de empresa nunca falara tanto de confianza, de cooperación, de lealdade e de cultura de empresa como nunha época na que se obtén a adhesión de cada instante facendo desaparecer todas as garantías temporais (as tres cuartas partes dos contratos son temporais, non cesa de medrar a parte de empregos precarios e o despido individual tende a non estar xa sometido a ningunha restrición).
Vemos así como a utopía neoliberal tende a encarnarse na realidade dunha especie de máquina infernal, cuxa necesidade imponse aos propios dominadores. Esta utopía - como o marxismo noutros tempos, co cal, desde este plantexamento, ten moitos puntos en común - suscita unha formidable crencia, a free trade faith (a fe no librecambio), non só entre os que viven dela materialmente, como os financeiros, os patronos das grandes empresas, etc., senón tamén entre os que extraen dela a súa razón de existir, como os altos executivos e os políticos, que sacralizan o poder dos mercados, en nome da eficacia económica, que esixen o levantamento das barreiras administrativas ou políticas susceptibles de importunar aos detentadores de capitais na busca puramente individual da maximización do beneficio individual, instituída en modelo de racionalidade, que queren bancos centrais independentes, que predican a subordinación dos Estados nacionais ás esixencias da liberdade económica para os amos da economía, coa supresión de todas as regulamentacións en todos os mercados, empezando polo mercado de traballo, a prohibición dos déficits e da inflación, a privatización xeralizada dos servicios públicos e a reducción do gasto público e do gasto social.
Os economistas vinculados ao neoliberalismo, sen compartir necesariamente os intereses económicos e sociais como verdadeiros crentes, teñen os suficientes intereses específicos no campo da ciencia económica como para aportar unha contribución decisiva, calesquera que sexan as súas impresións respecto dos efectos económicos e sociais da utopía que visten de razón matemática, na produción e na reprodución da crencia na utopía neoliberal. Como están separados ao longo de toda a súa existencia e, sobre todo, pola súa formación intelectual, case sempre puramente abstracta, libresca e teoricista, do mundo económico e social tal como é, amósanse particularmente inclinados a confundir as cousas da lóxica coa lóxica das cousas.
Participan e colaboran nun formidable cambio social e económico - confiando en modelos que tunca tiveron a oportunidade de someter á proba da verificación experimental, propensos a mirar desde arriba os logros das outras ciencias históricas, nas que non recoñecen a pureza e a transparencia cristalina dos seus xogos matemáticos, e cuxa fonda necesidade e a súa capacidade adoitan ser incapaces de comprender - que, pese a que algunhas das súas consecuencias lles causan horror (poden cotizar para o Partido Socialista e dar meditados consellos aos seus representantes nas instancias de poder), non pode disgustarlles xa que, aínda a risco dalgúns fallos, imputables ao que eles chaman as veces "burbullas especulativas", tende a facer realidade a utopía ultraconsecuente (como certas formas de loucura) á que consagran a súa vida.
E, sen embargo, o mundo está aí, cos efectos inmediatamente visibles da posta en práctica da gran utopía neoliberal: non só a miseria cada vez maior das sociedades máis avanzadas economicamente, o crecemento extraordinario das diferencias entre as rendas, a desaparición progresiva dos universos autónomos de produción cultural, cine, edición, etc., pola imposición intrusista dos valores comerciais, senón tamén e sobre todo a destrución de todas as instancias colectivas capaces de contrapesar os efectos da máquina infernal, á cabeza das cales está o Estado, depositario de todos os valores universais asociados á idea de público, e a imposición, xeralizada, nas altas esferas da economía e do Estado, o no seo das empresas, desta especie de darwinismo moral que, co culto do "trunfador", formado esencialmente nas matemáticas superiores, instaura como normas de todas as prácticas a loita de todos contra todos e o cinismo.
¿Cabe esperar que o volume extraordinario de sufrimento que produce semellante rexime político-económico chegue un día a ser a orixe dun movemento capaz de parar a carreira cara ao abismo? De feito, atopámonos aquí ante un extraordinario paradoxo: en tanto que os obstáculos atopados reiteradamente no camiño da realización doutro orden - o do individuo só, pero libre - considéranse hoxe imputables a rixideces e a arcaísmos, e mentras que calquera intervención directa e consciente, alomenos cando ven do Estado, é desacreditada de antemán, é dicir, conminada a desaparecer en beneficio dun mecanismo puro e anónimo, o mercado (esquecemos con frecuencia que éste é tamén o ámbito do exercicio dos intereses), en realidade, a permanencia ou a supervivencia das institucións e dos axentes do orden antigo a punto de ser desmantelado, e todo o traballo de todos os niveis de traballadores sociais, e tamén todas as solidaridades sociais, familiares e moitas máis, é o que fai que o orden social non se funda no caos a pesar do volume crecente da poboación precarizada.
O paso ao "liberalismo" realizouse de maneira insensible, ou sexa imperceptible, como a deriva dos continentes, ocultando así ás miradas os seus máis terribles efectos a longo prazo. Efectos que, paradoxalmente, tamén son disimulados polas resistencias que suscita xa por parte dos que defenden o orden antigo bebendo nas fontes que encerraba, nas solidaridades antigas, nas reservas de capital social que protexen toda unha parte do orden social presente da súa caída na anomía. (Capital que se non se renova, nin se reproduce, está abocado á súa depauperación, pero cuxo esgotamento non é para mañá).
Pero esas mesmas forzas de "conservación", ás que no é tan doado tratar como forzas conservadoras, son tamén, baixo outra relación, forzas de resistencia contra a instauración do orden novo, que poden terminar sendo forzas subversivas. E se, por conseguinte, podemos gardar algunha esperanza razoable, é porque aínda existe, nas institucións estatais e tamén nas disposicións dos axentes (en especial, os máis vinculados a esas institucións, como a pequena aristocracia funcionarial), de tales forzas que, baixo a aparencia de defender simplemente - como se lles reprochará en seguida -un orden desaparecido e os "privilexios" correspondentes, deben certamente (para resistir a proba) afanarse en inventar e construír un orden social que non teña por única lei a búsqueda do interese egoísta e a pasión individual do beneficio, que prepare o camiño a colectivos orientados á consecución racional de fins colectivamente elaborados e aprobados.
¿Como non facer un sitio especial, entre estes colectivos, asociacións, sindicatos, partidos, ao Estado, Estado nacional ou, mellor aínda, supranacional, é dicir, europeo (etapa cara a un Estado mundial), capaz de controlar e de impoñer eficazmente os beneficios obtidos nos mercados financeiros e, sobre todo, de contrapesar a acción destrutora que estes últimos exercen sobre o mercado de traballo, organizando, coa axuda dos sindicatos, a elaboración e a defensa do interese público que, se queira ou non, non sairá nunca, nin siquera ao prezo dalgúns erros na escritura matemática, da visión de contable (noutra época diríase "de tendeiro") que a nova crenza presenta como a forma suprema da realización humana.
Notas
(1) NDLR: en referencia a Auguste Walras (1800-1866), economista francés, autor de De la nature da richesse et de l'origine de la valeur (1848); foi un dos primeiros que intentou aplicar as matemáticas ao estudio económico.
(2) Erving Goffman, Asiles, Etudes sur la condition sociale des malades mentaux, Editions de Minuit, Paris, 1968
(3) Sobre todo esto, cabe remitirse aos dous números das "Actes de la recherche en sciences sociales" dedicadas ás "Nouvelles formes de domination dans le travail" (1 e 2), n°114, setembro de 1996, e n°115, decembro de 1996, e moi especialmente á introdución de Gabrielle Balazs e Michel Piatoux, "Crise du travail et crise du politique", n°114.
Le Monde Diplomatique, marzo 1998
- Inicie sesión ou rexístrese para enviar comentarios
- 15171 lecturas

