Lourenzo Fernández Prieto: Europeísmo

Lourenzo Fernández Prieto: Europeísmo

¡EUROPEOS todos! Así debeu empezar o seu discurso en Lugo o señor Borrell para contarnos esas verdades que ninguén nega. Porque nestes días os do si, os do non, os do si pero non e os do non pero si, preséntanse como campeóns do europeísmo. O ex-ministro de Obras Públicas, con pouco seny e menos xaveta, acusou de ignorantes aos críticos coa actual Constitución. Dende a súa distancia ilustrada vinculou aos críticos que na Galiza haxa con quen dixera no seu día «que as autovías eran unha navallada». Descoñece que a famosa frase inventouse cando a autoestrada e que ninguén rexeitou as autovías que uniron Galiza coa Meseta pero non aínda con Europa polo directo camiño do Cantábrico. Ignora que os autores da expresión foran precisamente ilustres correlixionarios seus. Esquece que, cando el era ministro, todos por estas terras reclamáronlle non quedar á marxe daqueles planos de autovías e ferroviarios pagos con diñeiro europeo e que se concluíron aquí dez anos máis tarde que no resto do Estado. Tampouco reparou en que viaxou en avión porque o tren segue sendo lento.

Non hai antieuropeos declarados porque iso por fortuna non ten crédito. Pero habelos hainos. Dende Alberto Ullastres, hai corenta anos, Europa é unha querencia tecnocrática no discurso oficial español. Pero nin o franquismo nin o aznarismo aceptaban as consecuencias políticas da Europa unida. Aquel porque lle esixía democracia, algo que sempre teremos que agradecer a aquela CEE que só era aínda unión aduaneira máis memoria do antifascismo. Este porque foi incapaz de aceptar os custes que o camiño da unión política ten para ese españolismo vixiante de vellas soberanías e aduaneiro de fronteiras esvaídas. A alianza incondicional cos Estados Unidos no 2003 foi precisamente unha forma de antieuropeísmo, na liña británica, que enlazaba cos acordos España-EE.?UU. de 1953. Daquela como agora advertiron que o imperio era pouco intervencionista en política interior mentres se lle garantira submisión na exterior.

A Unión foi en orixe só económica e así o segue sendo. Esta Constitución é precisamente o primeiro intento -convincente pero limitado- de avanzar na unión política. Diríase que, aceptando un marxismo groso, intelectuais, políticos e empresarios entenderon que a economía, o control dos territorios e dos seus recursos, era a causa última das catro guerras intraeuropeas dende Napoleón e por iso encetaron a Comunidade do Carbón e do Aceiro que desembocou no Mercado Común. A Unión Europea é un proceso, unha vocación e, sobre todo, como reflicte o texto, unha política económica que ten afectado negativamente economías como a galega. Pero mesmo á unión económica póñenselle límites dende a ideoloxía dos Estados. Hai só uns meses, unha entidade financeira cobraba custes por cambio de moeda na cobranza dun cheque emitido do outro lado do Miño. Os antieuropeístas están por todas partes, aínda que voten si. Máis Europa constrúese na sociedade civil, no mundo das ideas, no das universidades. Sen permiso dos gobernos nin de Borrell. Polo si ou polo non, Europa é a solución, máis que pese ao despotismo ilustrado dos Estados.

La Voz de Galicia, 15/02/05