Monografías fírgoa nº 5: Acceso Aberto (Open Access)

Monografías fírgoa nº 5 IAcceso Aberto (Open Access)

 

PLoS cartoon 003No contexto das políticas neoliberais actualmente hexemónicas, estase a producir un intenso proceso de mercantilización da sociedade. E o coñecemento, a ciencia, é un ámbito no que cada vez máis se pretende que non se sustraiga á lóxica do mercado. Así, se trata de convertir ás universidades en empresas que compitan no mercado liberalizado con outras ofertas de investigación e de formación que se xeren desde ámbitos propiamente empresariais (é dicir, orientados polo beneficio económico). A creación do mercado da investigación e da educación, e moi especialmente da educación superior, é unha tarefa que desde múltiples frontes se acomete con ardor, con premura e incluso con pasión, colaborando a ela moitas persoas e institucións das que se esperaría que opuxeran algunha caste de resistencia.

Un importante apartado deste proceso de mercantilización do coñecemento o constitúe o enorme negocio editorial montado sobre a investigación científica financiada, na súa maior parte, con fondos públicos. Como se sabe, a investigación científica ten como principal vía de difusión a publicación de artigos científicos en revistas especializadas. Durante moito tempo e en moitos lugares, as revistas foron xestionadas por organizacións científicas e académicas, e iso aínda é hoxe así en moitos casos. Nos últimos anos, esta actividade editorial foise empresarializando, pasando cada vez máis as revistas a ser xestionadas por grandes editoriais tales como as seguintes:

  • Reed Elsevier Group plc é líder mundial en edición e provisión de información. Está participada ao 50% polas súas dúas empresas matrices, Reed Elsevier PLC e Reed Elsevier NV. Estas empresas cotizan nos mercados bursátis de Londres, Ámsterdam e New York. En 2003, Reed Elsevier obtivo uns beneficios axustados antes de impostos de 1.010 millóns de libras esterlinas (1.465 millóns de euros) cunha cifra de negocio de 4.925 millóns de libras (7.141 millóns de euros). O grupo conta con 35.000 traballadores, dos cales aproximadamente 21.000 traballan en América do Norte. Publica máis de 10.000 periódicos, libros e CDs, case 3.000 sitios web e portais de Internet, e organiza máis de 430 feiras comerciais ao ano (Fonte: Babylon). Reed Elsevier Ventures inviste nas áreas de tecnoloxía e actividades relacionadas con Internet.
  • Wolters Kluwer é unha compañía presente en 25 países que desenvolve a súa actividade no campo das publicacións educativass, legais, médicas, científicas, formativas, etc.Cotiza na Bolsa de Amsterdam, tén unhas vendas mundiais anuais superiores a 4.000 millóns de euros e conta con 20.000 empregados. O Grupo  conta en España con marcas como Praxis, CISS, LA LEY, ECOIURIS, A3 Software e Especial Directivos. (Fonte: Yahoo Finance)
  • Blackwell Publishing Group publica case 750 revistas e 600 libros anualmente, nun amplo rango de temas académicos, medicos e profesionais. No ano 2003 facturou 174 millóns de libras (310 millóns de dólares). Dispón de 923 empregados. (Fonte: Blackwell).
  • Wiley no ano 2004 tivo uns ingresos de 923 millóns de dólares (Fonte: Wiley). Publica case 400 revistas e 2000 libros ao ano. Dispón de 3.500 empregados. (Company Profile) (Ver tamén Yahoo Finance)
  • Taylor and Francis Group facturou, no ano 2003, 173,7 millóns de libras (Annual Report for the Year Ended 31 December 2003). Publica preto de 180 revistas.

Estas e outras empresas editoriais encárganse da selección, revisión e edición dos artigos enviados polos investigadores, para posteriormente comercializar as revistas a través das bibliotecas das institucións académicas, de xeito que poidan ser consultadas pola comunidade científica. Esta forma de funcionamiento foi aceptada por toda a comunidade científica ata hai aproximadamente dez anos, momento no que, coincidindo coa aparición de Internet e as súas posibilidades revolucionarias na difusión do coñecemento, se empeza a poñer seriamente en cuestión. A argumentación é a seguinte: os científicos producen investigación que, na súa maioría, está financiada con fondos públicos. Os resultados da investigación son ofrecidos gratuítamente a empresas privadas, as editoriais, que os publican en revistas científicas da súa propiedade. Os autores non só non reciben ningunha retribución por parte da editorial, senón que ademáis deben cederlle os dereitos de autor. Para manterse ao día nos avances do seu campo, os investigadores (ou as biblioteca da institución á que pertencen) deben suscribirse á revista, de xeito que non só non cobran, senón que contribúen ao soporte financeiro do sistema de comunicación científica. Debido ás prácticas monopolísticas das editoriais, as suscricións son cada vez máis caras, polo que moitas institucións están reducindo drásticamente o número de suscricións por non poder asumir os custos. De tal xeito, dase o paradoxo de que os científicos que están publicando, e polo tanto alimentando as revistas, non poden acceder aos seus contidos por carecer de fondos as súas institucións. Pero, ademáis, o negocio da edición depende do prestixio das revistas, que á súa vez depende da calidade do que publican, algo que non se sustenta en esforzos das editoriais, senón dos mesmos científicos que actúan como revisores, e que non reciben tampouco retribución económica por esta tarefa.

Sen dúbida, o negocio montado arrededor dos artigos científicos é un dos factores decisivos para a emerxencia do problema. Na actualidade publícanse no mundo unhas 24.000 revistas que sacan á luz uns 2.500.000 de artigos ao ano. Non todas as revistas custan o mesmo, pero a suscrición dalgunhas, como Brain Research, alcanza os 20.000 € por ano, aínda que o valor medio hai que situalo en 1.500 € ao ano. En conxunto trátase dun negocio duns dez mil millóns de € ao ano, e ao que se lle calculan marxes de beneficio próximos ao 30%. Elsevier, o maior emporio editorial, ten no seu catálogo unhas 2.000 revistas, o que lle supón beneficios de ata 600 millóns de €. As cifras son significativas, porque ata as institucións ricas teñen problemas para abordar estes gastos. A Universidade de California, por exemplo, paga anualmente por suscricións a revistas 30 millóns de € (dos que o 15 por cento é para Elsevier) (Fontes: Scripta Nova, Lafuente).

O Acceso Aberto (Open Access, OA) é un movemento que, por medio de Internet, pretende romper o monopolio dos grandes grupos editoriais na difusión da información científica. A Budapest Open Access Iniciative (BOAI, 2002; versión en galego) define o OA como a "disponibilidade gratuíta na Internet pública, para que calquera usuario a poida ler, descargar, copiar, distribuír, imprimir, coa posibilidade de buscar ou enlazar todos os textos destes artigos, percorrelos para indexación exhaustiva, usalos como datos para software, ou utilizalos para calquera PLoS cartoon 001 outro propósito legal, sen barreiras financeiras, legais ou técnicas, distintas da fundamental de dispor de acceso á propia Internet".

De acordo coa Declaración de Berlín sobre Open Access ("Acceso Aberto ao Coñecemento en Ciencias e Humanidades") de Outubro de 2003:

"As contribucións de acceso aberto deben satisfacer dúas condicións:

1. O (s) autor(é) e depositario(s) da propiedade intelectual de tales contribucións deben garantir a todos os usuarios por igual, o dereito gratuíto, irrevocable e mundial de acceder a un traballo erudito, o mesmo que licencia para copialo, usalo, distribuílo, transmitilo e exhibilo publicamente, e para facer e distribuír traballos derivativos, en calquera medio dixital para calquera propósito responsable, todo suxeito ao recoñecemento apropiado de autoría (os estándares da comunidade continuarán proveendo os mecanismos para facer cumprir o recoñecemento apropiado e uso responsable das obras publicadas, como afora se fai), o mesmo que o dereito de efectuar copias impresas en pequeno número para o seu uso persoal.

2. Unha versión completa do traballo e todos os seus materiais complementarios, que inclúa unha copia do permiso do que se fala arriba, nun conveniente formato electrónico estándar, se deposita (e así é publicado) en polo menos un repositorio en liña, que utilice estándares técnicos aceptables (tales como as definicións do Acceso Aberto), que sexa apoiado e mantido por unha institución académica, sociedade erudita, axencia gubernamental, ou unha ben establecida organización que busque implementar o acceso aberto, distribución irrestricta, interoperabilidade e capacidade arquivística a longo prazo".

A BOAI inclúe tamén a recomendación de que o autor conserve o maior control posible sobre a integridade do seu traballo, un privilexio que, sen embargo, non recomenda a posterior Bethesda Statement on Open Access Publishing (2003) para evitar futuras restriccións a calquera uso ou distribución da totalidade ou de algún fragmento do orixinal publicado. O asunto foi obxecto de discusións apasionadas que alcanzaron o seu cénit con motivo da proposta do demócrata Martin Sabo da Public Access to Science Act (2003) para prohibir a concesión de dereitos de propiedade sobre calquera coñecemento obtido total ou parcialmente con fondos públicos. A lei non se limita a recoñecer o dereito dos científicos, senón que o extende a toda a cidadanía, lexitimando así a viabilidade da participación en ciencia dos chamados expert-citizen que emerxen de entre os colectivos de afectados (como os enfermos de SIDA), os activistas de diversa procedencia (do tipo ecoloxistas) e os partidarios do sofware libre (comunidades hackers). A tendencia errónea a confundir gratuidade con Open Access foi un dos principais temas de enfrontamento, pois se banalizan os temas cando todo o problema se limita á mera reducción da factura por suscricións --ou, no Terceiro Mundo, o baixo ou nulo custo, como sucede con iniciativas do tipo AGORA (Access to Global OnLine Research in Agriculture) ou HINARI (The Health InterNetwork Access to Research Iniciative), ignorando outros obstáculos como os que poideran introducirse segundo a tecnoloxía de acceso e as ferramentas de busca autómatica, ou os derivados das políticas de mantemento en liña do documento ou de recoñecemento de dereitos de propiedade intelectual sobre o conxunto ou unha parte do texto. Falamos entón de problemas de extrema complexidade e que conectan os problemas do open acess cos do GPL ou copyleft e o open source software.

O movemento non deixa de medrar todos os días. Preto de 34.000 científicos de 183 países asinaron a Carta Aberta da Public Library of Science (PLoS), que promove o boicot ás editoriais que restrinxan o acceso aos seus fondos. A World Summit of Information Society (2003), organizada pola ONU, e a Berlin Declaration on Open Access to Knowledge in the Sciences and Humanities, promovida entre outras pola Max Planck Society, o CNRS, o INSERN, a Wellcome Trust e a Academia de Ciencias de China, adquiriron fortes compromisos na dirección do Acceso Aberto. E non só poden reseñarse boas intencións. Ademáis das 1440 revistas en liña rexistradas no Directory of Open Access Journals que promove a Biblioteca da Universidad de Lund, moitas institucións de moi diferente carácter suministran ferramentas open source para facilitar a tarefa do tránsito cara ao coñecemento aberto. A lista é longa: SciDevNet, HighWire, Citebase, BioMed Central, Hinari, OAIster, Creative Commons, eScholarship Repository, Eprints software, Project Sherpa, OpenCourseWare, CDSWare,...

O 30 de xaneiro de 2004 os ministros de ciencia e tecnoloxía de 34 estados membros da OCDE fixeron pública en París unha Declaración (Science, Technology and Innovation for the 21st Century. Meeting of the OECD Committee for Scientific and Technological Policy at Ministerial Level, 29-30 January 2004) que deixa pouco espazo para as dúbidas, conminando aos seus gobernos a "buscar a transparencia nas regulamentacións e políticas ligadas aos servizos de información, de informática e de comunicacións que afectan á circulación internacional de datos para a investigación, e reducir os obstáculos inútiles para o intercambio internacional de tales datos". O 31 de decembro de 2003 o consello editorial do Journal of Algorithms (Elsevier), tras dimitir en pleno, difunde unha Declaración de Independencia e anuncia o lanzamento de ACM Transactions on Algorithms. O alto prezo, segundo se explica na carta de demisión, foi tamén a causa de que os editores de Machine Learning Journal abandonara Kluwer para pasar a convertirse no Journal of Machine Learning Research. Son moitos os casos: European Economic Review (Elsevier) transformouse no Journal of European Economic Association, Labor History (Taylor & Francis) é agora Labor e Molecules (Springer Verlag) séguese a chamar Molecules, pero agora é publicada en acceso aberto por Molecular Diversity Preservation International (MDPI). En todos os casos, os editores redactan unha Declaration of Independence e solicitan aos autores que confiaban na versión comercial da revista que envíen os seus traballos para ser difundidos na modalidade de Acceso Aberto.

Non todo o mundo está de acordo co Acceso Aberto. Algunhas corporacións poderosas manifestaron a súa inquietude por unha deriva que, na súa opinión, ameaza con liquidar a excelencia científica. O dereito á reproducción sen límites xurídicos ou técnicos conducirá, segundo a Federation of American Societies for Experimental Biology (FASEB), a un descomunal incremento da piratería, reducindo tamén os estímulos á producción orixinal. A Association of American Universities (AAU) advirte da ameaza que pesa sobre o sistema de financiamento privado da investigación. Os científicos, en cambio, parecen moi satisfeitos. Todo indica que a publicación en open access multiplica a visibilidade dos textos, é dicir o seu índice de impacto. Como lectores está probado que os investigadores, cando poden elexir, prefiren descargarse o paper ao seu PC antes que desprazarse á biblioteca do centro de traballo. Sen embargo, a resistencia a publicar nas novas revistas decrece a un ritmo máis lento que o previsto ou, quizás debera dicirse, do esperado. Todo indica que ninguén quere publicar nunha revista cuxos mecanismos de control de calidade estean en regresión. Os científicos aliméntanse de prestixio e a súa bulimia non coñece límite. Parece claro que, en termos xerais, o open access vese como unha opción profesional e éticamente moi recomendable para os demáis, pero a maioría dubida sobre os perxuizos que se poidan derivar para a carreira persoal. ¿Está xustificada semellante preocupación? ¿Representa o open acces unha ameaza para a ciencia? Todo indica que non, aínda cando se trata dun debate aberto.

Hai tres mecanismos principais de dar acceso ao público. O primeiro é crear revistas libres e facer recaer os custos de mantemento, incluídos os derivados do sistema de referee e edición, sobre os autores. Esto implica cambiar a mentalidade actual e considerar a publicación dos traballos como unha parte sustancial da investigación mesma e, ao igual que se adquiren reactivos, se organizan coloquios ou se pagan viaxes, habería que presupostar tamén o custo da publicación, ben entendido que sería sen ceder á revista, nin manter para ningún membro do laboratorio, dereito algún de propiedade. Sabemos que agora se paga por publicar en moitas revistas, e que co sistema que aquí se está describindo se reducen notablemente os custos. A plataforma BioMed Central, pioneira neste campo e que federa máis de cen revistas, cobra 1.500 US$. A operación no seu conxunto demanda solucións como as que está promovendo Creative Commons, un movemento que está dando solucións aos conflictos que implica a alternativa Open Knowledge en todos os campos do saber, desde o software á música, pasando pola ciencia e a literatura.

O segundo procedemento é menos radical, e agrupa un conxunto variado de alternativas que combinan a vella fórmula do acceso pagado coa máis novidosa do acceso libre. Hai revistas que despois dun certo tempo (entre 6 meses e un ano) abren o contido dos seus índices, outras regalan o acceso para institucións situadas no Terceiro Mundo. As menos cobran pola versión en papel e regalan a versión electrónica. E neste punto hai unha mala experiencia que lembrar, pois sabemos que o British Medical Journal, despois de 10 anos de ofrecer acceso libre, regresará á fórmula do acceso restrinxido a algúns dos seus contidos a partir do ano próximo. Aínda que só o 12% dos ingresos procedía de suscricións e o resto da publicidade, parece que unha reducción do 9%, unida a outros factores, obrigaron a BMJ a cambiar tan exemplar política.

A terceira modalidade recomendada polos partidarios do open acess foi o autoarquivo. O procedemento é moi simple, e conta con miles de apoios entusiastas. Os autores son animados a enviar os seus papers (eprints) a repositorios que cumpren os requisitos da OAI antes de ser sometidos ao control de calidade (peer review). Tras a revisión o autor pode negociar coa revista a publicación do contido completo na forma postreview. Se os editores non aceptaran, entón o autor pode legalmente incluír as reformas introducidas no texto inicial (prereview) na forma dun arquivo adxunto como corrigenda. Sen dúbida estamos ante un procedemento que pode avanzar máis deprisa que os dous anteriormente citados. Pronto serán multitude as institucións, e moi especialmente as asociacións e academias de carácter profesional, que se decidirán a ter unha iniciativa que facilite e estimule a práctica do autoarquivo. Recentemente o goberno de Canadá decidíu poñer en liña todas as teses defendidas no país, UNESCO e toda a súa rede académica (IAP, ICSU, ALLEA e FASAS, entre outros organismos) xa están abogando polo OAI. A Royal Society impulsou en 2003 o informe Keeping Science Open, o MIT lanzou DSpace, unha plataforma open source para arquivar eprints. O goberno holandés lanzou DARE, a Universidade de California impulsa o proxecto California Digital Library e o CERN ofrece CDSWare, outro sitio baseado en open source que pode actuar como servidor de documentos.

Son moitas as iniciativas, pero sería inxusto non mencionar a primeira: arXiv.org, promovida desde 1991 por Los Alamos National Laboratory (as veces chamada xxx, debido a que o seu servidor era xxx.lanl.gov) e desde 2001 trasladada a Cornell University. ArXiv recibe cada día unhas 150.000 visitas e conta cuns 260.000 textos de física, matemáticas e demáis especialidades afíns. Outros repositorios parecidos son cogPrints (ciencias cognitivas, neuroloxía, psicoloxía, lingüística,...) e PubMed Central (medicina, bioloxía). É imposible concluír esta parte sen facer unha pequena mención aos problemas asociados coas tecnoloxías necesarias para asegurar a creación e mantemento do arquivo, como tamén para garantir o acceso e/ou a busca de información libre na rede. É dificil esaxerar a importancia deste aspecto e loxicamente son moitas as páginas web dedicadas a facilitar desde o punto de vista do software a viabilidade global do proxecto open access. Entre elas citaremos GNUPrints que proporciona ferramentas open source para a publicación en liña, os buscadores ARC, Citebase e CrossRef, e o xestor de metadatos METAe, ademáis da revista D-Lib dedicada enteiramente á investigación sobre as bibliotecas dixitais.

Todo indica que o movemento open access non é unha moda pasaxeira e que a medio prazo será moi dificil xustificar o feito de que o coñecemento, pagado, producido e validado con recursos públicos, poida acabar sendo propiedade dunhas empresas que non só lle negan o acceso aos cidadáns, senón aos mesmos científicos. Hai outro aspecto que só tocamos tanxencialmente e que está implícito en toda a discusión. Falamos da dimensión ética do asunto, pois nada parece tan razonable como admitir que o coñecemento debería ser patrimonio de todos, un ben común que legaremos ás xeracións futuras da mesma forma na que nós recibimos as leis da gravitación de Newton, as de circulación do sangue de Harvey, a Teoría da Relatividade de Einstein, o principio de Arquímedes ou o mapa do xenoma humano. O certo é que coa chegada das novas tecnoloxías da información os problemas adquiriron unha magnitude portentosa e as alarmas saltaron por todos os rincóns. Negar o acceso á información científica aos cidadáns, xa sexa pola súa condición de supostos iletrados, xa sexa porque a súa familia, institución ou país non dispón de recursos suficientes, é unha opción por completo inaceptable que retrasa o avance da ciencia e cuestiona os fundamentos mesmos da democracia. (Ver Lafuente, Antonio: Bien común y Open Access).

Pequena historia do Movemento OA

Como sinala Peter Suber na súa extensa e detallada cronoloxía do movemento polo OA, o seu inicio sitúase no ano 1966 con dous feitos fundacionais: O lanzamento de ERIC (Educational Resources Information Center ) polo Departamento de Educación en USA e o lanzamento do Medline pola Biblioteca Nacional de Medicina (aínda que non estivo na rede con acceso libre ata 1997). Desta forma, os inicios do movemento polo OA á literatura científica revisada por pares entronca coa historia mesma de Internet.

En xuño de 1994, Stevan Harnad, profesor de ciencia cognitiva,  enviou o que el mesmo denominou unha "proposta subversiva" á lista de correo de Electronic Journals, do Virginia Polytechnic Institute. A proposta de Harnad era simple e radical: dado que o único interese dos investigadores ao publicar é compartir as súas ideas con tantos colegas como fora posible, o custo da suscrición ás revistas non só impón unha restricción non desexable ás posibilidades de compartir, senón que, ademáis, na era de Internet, xa non era necesario pagalo. En consecuencia, concluía, os investigadores deberían comezar inmediatamente a "autoarquivar" os seus artigos en Internet, maximizando de tal xeito o impacto das súas ideas. A proposta de Harnad dou inicio a un debate en liña, convertíndose inmediatamente no manifesto de facto do embrionario movemento sobre o Acceso Aberto.(Ver Harnad, S. 2003: For Whom the Gate Tolls? - How and Why to Free the Refereed Research Literature Online Through Author/Institution Self-Archiving, Now). Hoxe, desde a University of Southampton, Harnad continúa un activismo infatigable ao que podemos asistir a través do foro do movemento: o Foro de Setembro (American Scientist September Forum). En 1997 lanza CogPrints, o primeiro repositorio de artigos de investigación nas áreas de psicoloxía, neurociencias, lingüística, así como áreas de filosofía e ciencias da computación.

Unha década despois, o Acceso Aberto ameaza á poderosa industria da edición académica, poñéndoa contra as cordas. Así, a comezos de 2004, o CEO (Chief Executive Officer) da editorial Reed Elsevier foi obrigado a aparecer ignominiosamente diante dos políticos británicos para explicar as razóns polas que el cría que resultaba aceptable que as editorias tiveran un 34% de beneficios da venda de investigación financiada publicamente, a costa das persoas e as institucións que a aportaban gratuítamente.

Pero, como medrou o movemento OA dende unha mensaxe a unha lista de correo para pasar a constituírse como a poderosa forza de cambio que hoxe representa?

Por suposto, Harnad non foi o primeiro en ver o potencial que Internet ten para abrir novas vías para compartir o coñecemento. Deixando á marxe a personaxes como Ted Nelson ou o creador da Web Tim Berners-Lee, o físico Paul Ginsparg foi quen fundou arXiv, o primeiro servizo de preprints en Internet, tres anos antes da mensaxe de Harnad, en Agosto de 1991. Creado co obxectivo de permitir que os físicos compartiran as súas ideas con máis rapidez do que permitía o lento e prolongado proceso de publicación, arXiv tiña 20.000 usuarios no momento en que Harnad fixo a súa "proposta subversiva", recibindo 35.000 hits por día. Definido dunha forma sinxela polo seu creador, non é outra cousa que "un sistema de distribución automática para artigos de investigación, sen as operacións editoriais asociadas á revisión por pares". Abarca os campos da física, matemáticas e ciencias da computación. Os artigos son depositados polos autores antes da súa remisión ás revistas especializadas, onde sufren o proceso de revisión por pares.

Tampouco foi Harnad o primeiro en sinalar as barreiras de acceso que impoñían as suscricións ás revistas. Charles Oppenheim, profesor de ciencias da información na Loughborough University, sinala que os bibliotecarios estiveran moito tempo "dándolle voltas ao tema dos elevados custos de suscrición das revistas publicadas por editores comerciais". A medida que os custos se incrementaban, as bibliotecas tiñan que cancelar suscricións, privando aos profesores do acceso a elas. Por iso, moitos autores sitúan as raíces do movemento OA no crecente activismo dos bibliotecarios que, en busca de remedios ao cada vez maior problema da inflación do prezo das revistas, fundaron en 1992 a Association of Research Libraries (ARL), e a Scholarly Publishing and Academic Resources Coalition (SPARC) en 1998, celebrando a súa primeira reunión en torno a Scholarly Publishing on the Electronic Networks: Visions and Opportunities in Not-for-Profit Publishing.

Pero mentras que o interese inicial de SPARC era buscar alternativas que supuxeran unha diminución dos custos das revistas, e arXiv era un repositorio central de preprints focalizado na física, Harnad buscaba que a totalidade da literatura académica estivera libremente disponible en Internet, meta que consideraba que podería ser alcanzada se os investigadores, ao tempo que continuaban publicando en revistas tradicionais, autoarquivaban os seus artigos localmente. Así, aínda que non se pode dicir que Harnad inventara o movemento OA, si se pode afirmar que é o seu arquitecto xefe.

1993 é un ano trascendental que desborda o marco destas iniciativas: o CERN anuncia que calquera pode utilizar a tecnoloxía WWW sen cargo ningún. Esta institución xoga un papel fundamental no entramado de apoio ao movemento desde todos os ángulos: poñendo a disposición do mesmo software libre, servindo repositorios cos seus servidores aos artigos de investigación e aloxando as iniciativas europeas.

1997, ademáis de ser o ano do inicio do acceso libre ao Medline a través do Pubmed, é tamén o ano do lanzamento da iniciativa dos decanos universitarios en USA (University Provosts' Initiative), na que se sinala a desexabilidade do acceso libre aos resultados da investigación científica en todos os campos.

A partir de 1998 o curso dos acontecementos acelérase. Prodúcense diversos movementos en revistas científicas na dirección de consellos editoriais que rompen coa casa editora comercial polas serias diverxencias en canto á visibilidade das mesmas a través da rede. En torno a estes movementos, SPARC lanza a súa Declaración de Independencia para asisitir á comunidade académica na creación de revistas controladas polo mesmo colectivo. Tamén se pode destacar, ademáis de pola súa importancia, por ser a irrupción do mundo hispano no movemento, a declaración de San José (Costa Rica) polos delegados do Sistema de Información en Ciencias da Saúde de Latinoamérica e o Caribe (Bireme). Precisamente esta institución é a fundadora do Pubmed central hispano Scielo.

Moitos outros "descubriron independentemente" a lóxica autoevidente do OA. A necesidade de infraestructura que apoiase a iniciativa fomenta a aparición da Open Archives Initiative (OAI) en 1999, destinada a permitir que os diversos sistemas de arquivo e publicación sexan interoperables a través da súa catalogación mediante un sistema de metadatos consensuado. Con menor impacto, pero a destacar pola importancia da institución que a emite, é a Declaration on Science and the Use of Scientific Knowledge por parte da UNESCO. No mesmo ano, o premio Nobel - e daquela director do National Institutes of Health (NIH) - Harold Varmus propuxo un novo servidor de literatura de investigación biomédica denominado E-Biomed, parecía asumir que só era necesario solicitarlles aos editores que abriran ao público os seus contidos ata entón pechados. Modelado a partir de arXiv, E-Biomed creouse como "unha biblioteca electrónica pública de medicina e outras ciencias da vida", e consistía nun repositorio xeral, completamente rastreable, de artigos de investigación a texto completo, incluíndo tanto textos preprint como postprint. No momento en que se lanzou como PubMed Central en febreiro de 2000, sen embargo, o proxecto era unha pálida sombra do concepto inicial de Varmus. A pesar do amplo apoio dos científicos, os editores e as sociedades académicas montaron unha agresiva campaña de oposición a E-Biomed. Como consecuencia, elimináronse os preprints e se introduciron prazos de demora entre a publicación do artigo e o seu envío ao arquivo. E dado que as editoriais de forma rutineira adquiren o copyright dos artigos que publican, PubMed Central dependía da cooperación dos editores. Por iso, non é sorprendente que, catro anos despois do seu lanzamento, só 161 revistas (a maior parte das cales están libremente disponibles noutros sitios da Web) están actualmente arquivadas en PubMed Central.

Varmus decidíu dar un paso adiante, e en Novembro de 2000 fundou, xunto a  Michael Eisen e Patrick Brown, a Public Library of Science (PLoS). O obxectivo era convencer aos colegas científicos de que asinaran unha carta aberta pola que se comprometían a deixar de enviar artigos a calquera revista que se negara a que os artigos de investigación que publicara estiveran "disponibles en bibliotecas públicas da ciencia tales como PubMed Central" 6 meses despois da súa publicación. A carta foi asinada por preto de 34,000 científicos de 180 países. Pero mentras uns poucos editores accederon, a maioría ignoraron a carta aberta de PLoS. E o que foi pior, moitos científicos que asinaran a carta esquecéronse da súa propia petición e continuaron publicando nas mesmas revistas que fixeron oídos xordos á súa solicitude. O que Varmus e os seus colegas de PLoS valoraron inadecuadamente foi que os editores están máis dispostos a dar a batalla que a cooperar en calquera esquema que ameace os seus beneficios. De forma máis realista, Harnad considerou sempre que, máis que ir da man cos editores, os investigadores debían simplemente "liberar a literatura académica por si mesmos". Hoxe PLoS deu lugar á creación de publicacións no campo da bioloxía e da medicina

Tamén no 2000 prodúcese o lanzamento da primeira iniciativa dun editor privado na dirección do acceso aberto: nace BiomedCentral, que na actualidade edita un importante número de revistas accesibles a texto completo e que pon en marcha un sistema de financiamento que parece que se vai xeralizar: son os propios autores os que pagan unha cuota por artigo publicado na revista (500 $ no caso USA). Tamén neste ano, a Universidade de Southampton lanza Eprints, un sistema de publicación e repositorio de arquivos dixitais, de código aberto e libre, para a creación de repositorios de literatura científica.

No ano 2003 fíxose pública a Declaración de Berlín (Berlin Declaration on Open Access to Knowledge in the Sciences and Humanities) suscrita por diferentes representantes e científicos de países europeos. Nela, explicitamente se pon de manifesto as grandes posibilidades que brinda Internet e o seu papel na difusión do coñecemento. A declaración asume o espírito da Declaración do Budapest Open Access Institute (BOAI), da European Cultural Heritage Online (ECHO, 2003) e da Declaración de Bethesda (2003). Ademáis das vías clásicas de difusión, avala o paradigma de AccesoAberto a través de Internet.

No ano 2004 a OCDE publicou un documento no que insta aos países asinantes a promover o libre acceso á documentación científica xerada a partir da investigación financiada con fondos públicos. En Xullo, a Cámara dos Comúns británica aproba o informe Scientific Publications: Free for All?, no que recomenda desenvolver o Acceso Aberto. Prodúcense innumerables pronunciamentos de adhesión á Declaración de Berlín.

(Esta monografía é derivación e ampliación do artigo de Antonio Lafuente: Bien común y Open Access)



Enlaces relacionados

Declaracións

Iniciativas

Documentos

Reunións

Foros

Novas


Repositorios

  • Arxiv.org
    Considerado como o pioneiro de arquivos e-prints (prepublicacións electrónicas), posteriormente evolucionou para incluír artigos publicados en revistas tradicionais. Foi fundado no ano 1991.
  • Biblioteca Virtual en Salud (BVS)
    A BVS é unha base de datos do coñecemento científico e técnico en saúde organizado e almacenado en formato electrónico, accesible de forma universal a través de Internet. Inclúe información sobre literatura científica, localizador de información en saúde, terminoloxía, observatorio tecnolóxico, directorio de eventos, documentación e catálogo de productos.
  • BioMed Central
    BioMed Central é unha iniciativa da revista British Medical Journal que ofrece acceso libre e gratuíto a artigos revisados por pares e borradores de investigacións biomédicas. Recolle artigos a texto completo de revistas especializadas en medicina e ciencias da vida.
  • Caltech Collection of Open Digital Archives (CODA)
  • CiteBase
    Recurso que facilita a busca a través de tres repositorios de eprint (prepublicacións electrónicas) gratuítos (arXiv, CogPrints e Biomed Central). Proporciona o texto completo dos documentos, presentando ademáis os resultados ordenados por múltiples criterios. Informa tamén do factor de impacto dos artigos indexados.
  • CogPrints
    CogPrints é un arquivo electrónico para artigos de todas as áreas da Psicoloxía, as Neurociencias e a Lingüística e de aspectos relacionados con éstas e campos afins como a Computación, a Filosofía, a Bioloxía, a Medicina, a Antropoloxía, etc.
  • Directory of Open Access Journals (DOAJ)
    O Directory of Open Access Journals, promovido pola Universidade de Lund, está dedicado á promoción de revistas electrónicas de acceso aberto en Internet. A día de hoxe (14/02/2005) pódense consultar artigos en texto completo de 1441 títulos de revistas científicas que cubren a maioría das áreas de investigación. A meta do DOAJ é cubrir todas as revistas científicas e académicas de acceso aberto que usan un sistema de control de calidade que garanta o seu contido.
  • Documents in Information Science (DoIS)
    Base de datos e repositorio de documentos electrónicos sobre Ciencias da Documentación e as Tecnoloxías da Información.
  • EPrints.org
    Páxina web dedicada a abrir o acceso á literatura de investigación en liña a través do auto-arquivo por parte dos autores e institucións. Ofrece software gratuíto para a xestión de revistas electrónicas.
  • European Cultural Heritage Online (ECHO) - Open Access Infrastructure for a Future Web of Culture and Science
  • Free Medical Journals
    Free Medical Journals está dedicado á promoción do acceso libre a revistas médicas a texto completo a través de Internet.
  • Genamics JournalSeek
    Amplo listado de revistas científicas disponibles en Internet. A base de datos contén uns 67.000 títulos.
  • HighWire Press
    Hemeroteca impulsada pola Universidade de Stanford e dirixida por Michael Keller, que nas súas orixes mantén unha especialización orientada cara ás ciencias experimentais, medicina e tecnoloxía, pero que recentemente ampliouse a outros ámbitos científicos como as ciencias sociais.
  • HINARI-Health InterNetwork Access to Research Initiative
    Rede de Información de Saúde ofrece a profesionais da saúde pública, investigadores e deseñadores de políticas públicas acceso sen custo a unha das coleccións máis importantes de literatura biomédica. Esta rede busca identificar e ofrecer contidos de relevancia nacional valiosos para o desenvolvemento de programas de saúde pública en países en desenvolvemento.
  • Internet Public Library (IPL)
    Iniciativa educativa da Facultade de Sistemas de Información da Universidade de Michigan. Mantén unha colección de traballos de referencia en liña, responde a consultas sobre referencias, crea recursos en Internet, avalía e categoriza recursos en Internet, e prové un espazo para exhibicións virtuais.
  • Networked Computer Science Technical Reference Library (NCSTRL)
    Networked Computer Science Technical Reference Library (NCSTRL) é unha colección internacional de informes e artigos de investigación en informática realizada para uso non comercial por diversas institucións participantes na súa edición.
  • Networked Digital Library of Theses and Dissertations (NDLTD)
    The Networked Digital Library of Theses and Dissertations é unha organización internacional dedicada a promover a adopción, a creación, o uso, a diseminación e a preservación de teses e disertacións en formato electrónico.
  • Public Library of Science (PLoS)
  • PubMed
    PubMed é un servizo da National Library of Medicine (NLM) que se desenvolveu en colaboración con editores de revistas biomédicas, para servir de ferramenta de acceso a preto de 11 millóns de rexistros de Medline e outras revistas dedicadas ás ciencias da vida. Pubmed inclúe enlaces a diversos sitios que conteñen artigos a texto completo e a outros recursos relacionados. Os editores que participan en PubMed envían á National Library of Medicine as referencias dos documentos no momento no que estes van ser publicados nas revistas ou incluso antes da súa publicación. Se o editor posúe un sitio en Internet no que ofrece o texto completo das súas revistas, PubMed crea enlaces a ese sitio de Internet. En cada referencia bibliográfica aparece, ademáis, a conexión de esta con artigos relacionados con ela. Medline é a base de datos principal da National Library of Medicine de Estados Unidos, e cubre as áreas de medicina, enfermería, odontoloxía, veterinaria, sistemas de saúde e ciencias preclínicas. Contén referencias bibliográficas e resumos de autor de máis de 4.000 revistas biomédicas publicadas nos Estados Unidos e en máis de 70 países. PubMed ofrece ademáis un servizo chamado Journal Browser, que permite a busca de revistas proporcionando o nome completo das mesmas, a súa abreviatura e ISSN de aquelas incluídas no sistema de PubMed
  • PubMed Central (PMC)
  • RePEc
    RePEc (Research Papers in Economics) é unha colección extensa de documentos de traballo, artigos de revistas e compoñentes de software en Economía. A base de datos contén máis de 220.000 rexistros e é accesible en liña. A busca pódese realizar a través da base de datos ou de diferentes seccións utilizando os códigos do Journal of Economic Literature (JEL).
  • SciELO - Scientific electronic library en liña
    SciELO - Scientific Electronic Library Online (Biblioteca Científica Electrónica en Liña) é un modelo para a publicación electrónica cooperativa de revistas científicas en Internet. Especialmente desenvolvido para responder ás necesidades da comunicación científica nos países en desenvolvemnto, e particularmente de América Latina e o Caribe. No momento actual, dispón de coleccións de revistas de Brasil, Chile, Cuba, España e de Saúde Pública, estando en desenvolvemento as seguintes: Brasil Proceedings, Brasil Teses, Colombia, Costa Rica, México, Perú e Venezuela
  • Tecnociencia: e-Revistas
  • The NASA Astrophysics Data System
    The Astrophysics Data System (ADS) é un proxecto financiado e mantido pola NASA, composto por catro bases de datos bibliográficas que conteñen máis de 3.6 millóns de rexistros. Consiste nun buscador de resumos en Internet sobre astrofísica, ciencias planetarias e física solar. Está organizado segundo as seguintes áreas: 1) astronomía e astrofísica / ciencias planetarias / física solar 2) instrumentación 3) física e xeofísica 4) servidor de preprints de Los Alamos Cada área pode ser rastreada buscando por autor, nome do obxecto (só en astronomía), título, ou palabras pertencentes ao texto do resumo. Ademáis, o servizo de resumos abarca o texto completo dos artigos que aparecen na maioría das revistas de astronomía. Finalmente, o recurso proporciona acceso ou enlaces a catálogos de datos astronómicos e bases de datos, permitindo así que os datos recopilados pola NASA se atopen a disposición dos astrónomos.
  • The WWW Virtual Library
    Catálogo multidisciplinar mantido por expertos de cada materia tratada (agricultura, informática, economía, comunicación, educación, ciencia, humanidades, enxeñería, dereito, bibliotecas, estudios rexionais, asuntos internacionais, etc)

Aspectos técnicos

Software de xestión de repositorios

  • Allen Track
    Allen Track utilízase para a busca de manuscritos e correspondencia anexa a través de todas as fases de entrega, preparación e publicación. A aplicación en rede convertirá tamén arquivos desde calquera formato de texto en calquera outro visible na web.
  • Author2reader
    Author2reader ofrece solucións a moitas das maiores publicacións internacionais en distintas materias como análise de información, xestión editorial e de producción, suscrición de libros e periódicos física e dixital, etc.
  • Bench press
    Bench press é un sistema de xestión de manuscritos que inclúe a utilidade de peer review. Pode desenvolverse por calquera revista e xerará informes e estatísticas nun proceso editorial. Bench press pode preparar manuscritos escritos ou en publicación en liña.
  • Cadmus - Rapid Review
    Software para xestión de revistas electrónicas. Desenvolvemento en liña para a entrega, rexistro e peer-review dirixidas a profesionais.
  • C-Elect
    Software para xestión de revistas electrónicas. Desenvolvemento en liña para a entrega, rexistro e peer-review dirixidas a profesionais.
  • EdiKit®
    EdiKit é un sistema que permite aos redactores manexar de forma eficiente as súas tarefas. As funcións rutineiras tales como control de entrada de artigos, peticións da revisión, correspondencia, realización de criterios de aceptación e control de calidade, e revisión dos artigos, manéxanse con esta ferramenta.
  • Editorial Express
    Editorial Express contén software para a xestión de revistas electrónicas, que permite acceder a documentos gratuítamente.
  • Editorial Manager, Aries Systems Corp.
    Este producto é un sistema en liña para a entrega e busca de manuscritos. Proporciona un conxunto de ferramentas persoalizadas para a busca de manuscritos e para realizar informes destinada a autores, críticos, editores e persoal das publicacións, desde a fase de peer review ata a súa producción.
  • EPrints.org
    Páxina web dedicada a abrir o acceso á literatura de investigación en liña a través do auto-arquivo por parte dos autores e institucións. Software gratuíto para xestión de revistas electrónicas. Desenvolvemento en liña para a entrega, rexistro e peer-review dirixidas a profesionais.
  • ESPERE
    Software para xestión de revistas electrónicas. Desenvolvemento en liña para a entrega e peer-review dirixidas a profesionais.
  • GNU EPrints Archive Software
    Software gratuíto para a creación de arquivos en liña.
  • Greenstone
    Software gratuíto para xestión de revistas electrónicas. Desenvolvemento en liña para a entrega, rexistro e peer-review dirixidas a profesionais.
  • Manuscript Central - ScholarOne
    Software para xestión de revistas electrónicas. Desenvolvemento en liña para a entrega, rexistro e peer-review dirixidas a profesionais.
  • Open Journal Systems (OJS)
    Open Journal Systems (OJS) é un sistema gratuíto para a xestión de revistas e publicacións electrónicas en xeral desenvolvido polo Public Knowledge Project e liberado baixo licencia de código aberto.
  • Scholarly Publishing Office
    Software para xestión de revistas electrónicas. Desenvolvemento en liña para a entrega, rexistro e peer-review dirixidas a profesionais.
  • SPIP
    Software gratuíto para xestión de revistas electrónicas. Desenvolvemento en liña para a entrega, rexistro e peer-review dirixidas a profesionais.
  • XpressTrack
    XpressTrack acelera o proceso editorial controlando continuamente o estado da revista e os acontecementos que lle afecten, incluso despois de que rematara. Controla o proceso de análise "entre colegas" agrupando o fluxo de información facendo que sempre estea onde se necesite.

Outros contidos abertos