1. Introducción

1. Introducción

Esta experiencia de innovación educativa ten lugar desde o inicio do curso 1989-1990 e prosegue aínda hoxe, despois de transcurridos 12 cursos académicos. Os seus protagonistas son dous profesores do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación (Alfonso García Tobío e Juan Carlos Pardo Pérez) e os alumnos e alumnas que durante estes anos se comprometeron de forma activa nunha dinámica de cambio. Sen as ansias destes alumnos e alumnas por experimentar formas alternativas de traballar nas aulas, a experiencia que imos relatar aquí non sería posible. Sería, así mesmo, difícil se os equipos directivos da Facultade de Ciencias da Educación non facilitaran as condicións de espacio e de tempo que, como xa veremos, son indispensables para desenvolver determinadas fórmulas de ensinanza e aprendizaxe. 

A experiencia ten como escenario as aulas da Facultade de Ciencias da Educación, nas licenciaturas de Pedagoxía e de Psicopegoxía. No seu momento, tamén desenvolvemos esta experiencia na Facultade de Psicoloxía, na xa desaparecida especialidade de Psicoloxía escolar e infantil

Aínda que exposta en forma de narración, o relato que imos facer non segue unha secuencia temporal senón que se estructura en torno ós principios que, desde o noso punto de vista, informan a proposta docente e as actividades que se desenvolveron nas aulas.  Empezaremos por situar a orixe da experiencia (Punto de partida) nese momento singular do inicio da carreira dun profesor universitario que, polo xeral,  prodúcese como un reto, un desafío, que se encara en soidade, enfrontado a unha tarefa complexa -a de ensinar- para a que, tamén polo xeral, non existe na universidade un proceso institucionalizado de formación. Describiremos, a continuación, a experiencia, relatando os incidentes -azarosos en moitas ocasións, pero, ás veces, críticos- que explican o inicio dunha experiencia de cambio que se mantén e se desenvolve ó longo do tempo (Pequenas cousas que impulsan unha dinámica de cambio). Como diciamos, a partir de aquí articularemos esta descrición ó redor de sete principios que foron guiando as nosas prácticas educativas (Postulados que fundamentan a innovación). Remataremos cun apartado no que se fai referencia ó conxunto de documentos que, presentados como anexos, constitúen unha mostra do traballo que realizamos os profesores e os alumnos no conxunto das nosas materias.