3.1. Pequenas cousas que impulsan unha dinámica de cambio

3.1. Pequenas cousas que impulsan unha dinámica de cambio

Se quixeramos entender por qué dous profesores deciden acometer un proceso de innovación e cambio nas súas prácticas docentes, habería que facer un verdadeiro exercicio da memoria, tanto individual como colectiva, para recuperar, de entre os sedimentos do tempo, recordos que nos falan doutra época, doutras circunstancias históricas, doutros ambientes institucionais, doutras historias e situacións persoais e interpersoais. Quizais non paga a pena tal esforzo, e para os nosos obxectivos é suficiente dicir que esta experiencia se inicia no curso 1989-1990, despois de ter colaborado en investigacións desde o ano 1983. O feito de coincidir como profesores no mesmo centro e de compartir a mesma materia (en diferentes grupos), non fixo máis que prolongar a tendencia de colaboración e proxectala sobre a actividade docente.

É posible que, de entrada, non houbera máis que un intento de consensuar un programa. Pero, a pouco que un programa vaia máis alá da descrición dun conxunto de temas, a necesidade de discutir (coa finalidade de chegar a acordos) sobre os múltiples elementos que conforman unha programación pode ser o comezo dunha ruptura ou dunha intensa colaboración, que é o caso, que se convertiu pouco a pouco nun verdadeiro proxecto de investigación na acción.