4.1. Programas das materias

4.1. Programas das materias

Presentamos os programas das cinco asignaturas que impartimos na Facultade de Ciencias da Educación: o programa de Psicoloxía do Desenvolvemento e da Educación do primeiro curso da Licenciatura de Pedagoxía, e os programas de Modelos de Orientación e Intervención Psicopedagóxica, Psicoloxía da Instrucción, Interaccións no Ámbito Escolar, e Procesos Psicolóxicos da Aprendizaxe dos Contidos Escolares de primeiro e segundo curso da Licenciatura de Psicopedagoxía.

Como se ve, tódolos programas son amplos. Empezan cunha introducción que explica a qué responde o programa e formula o problema que, no contexto da materia, terán que resolver os alumnos en forma dun ensaio escrito. Formulan, a continuación, a fundamentación psicopedagóxica que serve de orientación a toda a proposta docente. Establece, en terceiro lugar, as finalidades educativas que se pretenden alcanzar ó final do proceso. Despois, no apartado sobre os contidos da materia, explícase o modelo de programa que se asume e enuméranse os bloques de contido sobre os que organiza o proceso de ensinanza-aprendizaxe. Segue a este apartado a definición máis precisa dos obxectivos do curso, a organización (o grupo-clase e os equipos de traballo como unidades organizativas de aula) e a dinámica de traballo que se pretende desenvolver (en forma de curso-seminario). Rematan coa concepción da avaliación que se sostén e, en consecuencia, as prácticas de avaliación que terán lugar no transcurso do proceso.

Os programas acompáñanse dunha serie de anexos. O primeiro establece o “plan de traballo” a realizar. A partir da formulación do problema, contémplanse os materiais didácticos de lectura obrigatoria e textos recomendados para cada un dos bloques de contido, así como unha temporalización pormenorizada que, para cada sesión, dispón o conxunto de actividades que desenvolverán na aula profesores e alumnos. O segundo anexo explica o concepto de “Seminario”, desde a súa orixe, pasando polas súas finalidades, obxectivos e dinámica, ata a descrición doutras técnicas de ensinanza en grupo. O terceiro, corresponde a unha “ficha do equipo de traballo”, na que cada grupo ha de anotar os membros que o compoñen e fan constar o nome das persoas que han de actuar de secretario, a función do cal é levantar acta das sesións que o grupo celebre, e de portavoz do grupo, que ha de representar ó grupo nas mesas redondas. O cuarto anexo é o “calendario do curso” e sinala as sesións previstas para a materia en cuestión.

Un apartado importante dos programas das materias de Psicoloxía do Desenvolvemento e da Educación (Licenciatura de Pedagoxía) e de Modelos de Orientación e Intervención Psicopedagóxica (Licenciatura de Psicopedagoxía)  é a “Guía para a realización dun informe escrito”, o obxectivo do cal é ofrecer ós alumnos algunhas guías que lles faciliten a construcción dun ensaio relativo ó problema que se formula no programa. Está articulado en torno a tres preguntas: ¿Que é un informe? ¿Por que facer un informe?  ¿Como se fai un informe? Esta última pregunta orienta ós alumnos no desenvolvemento dun informe, desde a selección do tema, pasando pola busca de materiais, lectura, organización da información, construcción da estructura do informe, ata a redacción do mesmo. Debemos aclarar que esta guía só aparece nos programas das materias citadas, porque son as primeiras materias que se cursan con nós. En Psicopedagoxía, unha vez que pasan pola experiencia de traballo  en Modelos de Orientación e Intervención Psicopedagóxica, non é necesario que os programas das demais materias insistan no mesmo asunto. Só no caso de que haxa alumnos e alumnas que non se teñan matriculado de Modelos de Orientación proporcionáselles unha guía, e explícaselles durante unha serie de sesións os pasos que han de dar para poder participar na elaboración do informe escrito.