4.3. Exemplos de traballos elaborados por grupos cooperativos

4.3.  Exemplos de traballos elaborados por grupos cooperativos

Como xa dixemos, cada grupo ha de elaborar un informe escrito que responda ó problema que se formula no programa, facendo uso para este propósito dun conxunto de materiais que aparecen relacionados no anexo I do programa. Para facilitar a elaboración deste informe, propoñemos que os grupos se axuden de técnicas básicas de traballo, entre as que destacan fichas resumo e fichas conceptuais que lles permiten organizar a información: as fichas resumo en forma de sínteses breves dos contidos tratados por cada un dos textos; as fichas conceptuais en forma de análise de cada concepto relevante que se trata en cada texto. A información organizada nun ficheiro permite ós grupos confeccionar o índice (esquema ou estructura) do seu informe, e redactalo. Xunto co informe e co ficheiro, os grupos han de entregar tamén un libro de actas, no que o secretario recolle tódalas incidencias acontecidas nas reunións do grupo: data da sesión, asistentes e actividades desenvolvidas na sesión.

A mostra de traballos de grupo que se acompañan están limitados por varias razóns. En primeiro lugar, todos os traballos son devoltos trala avaliación que se realiza a finais de curso, polo que non dispoñemos máis que de exemplos do curso que agora remata. En segundo lugar, en xeral entrénganse en papel (non en diskette), polo que só podemos facer uso dos traballos daqueles grupos que tiveron a amabilidade de proporcionárnolos en diskette para poder presentalos a esta convocatoria. Aínda así, e na medida en que a maior parte dos grupos elaboran os seus ficheiros a man, a penas se podemos contar con mostras representativas deste tipo de traballo que realizan os grupos nas nosas materias.