4.4. Informes de avaliación

4.4.  Informes de avaliación

Por último, presentamos informes de avaliación que ilustran a valoración que se fai dos traballos que os grupos elaboran. Debemos indicar, como xa explicamos no apartado titulado “principio de avaliación dialogada”, que para nós a avaliación forma parte inseparable das actividades de ensinanza e aprendizaxe que teñen lugar na aula. O proceso de desenvolvemento do ensaio escrito é seguido con atención polos profesores, ben aclarando conceptos sobre os que os grupos teñan dúbidas, ben revisando as fichas que elaboran, esquemas, mapas de conceptos, ou incluso borradores do informe. Unha vez rematado, este informe merece pola nosa parte unha valoración cualitativa. O feito de non ter á nosa disposición modelos de valoración deste tipo obrigounos a deseñar a nosa propia proposta, que fomos perfeccionando no transcurso dos anos. Vexamos en qué consiste.

En primeiro lugar, examinamos a estructuración do traballo. Hai dous niveis da estructuración que resultan para nós especialmente relevantes: a macroestructura, representada polo esquema, guión ou índice do informe, que revela a orde, a xerarquización, dos temas e dos contidos da materia. En segundo lugar, a microestructura, que fai referencia á conexión entre os apartados e ó fío conductor que vai dando un sentido de continuidade ós parágrafos que compoñen cada apartado. Con respecto a esta segunda dimensión, repárase de forma especial nas rupturas non xustificadas do texto, nas dislocacións textuais, nas reiteracións non argumentadas, na falta de marcadores textuais que sinalen ó lector os temas que se están tratando, a capacidade dos autores do ensaio para dialogar co seu propio discurso (vinculando apartados distintos, recordando ó lector temas xa tratados, chamando a súa atención sobre novas perspectivas ou modos de enfocar conceptos definidos noutras partes do informe, etc.).

En segundo lugar, analizamos a comprensión conceptual. Interésanos o tratamento que o grupo fai dos conceptos importantes e, neste sentido, apúntanse os erros e as imprecisións conceptuais que o traballo expresa, así como a ausencia de contidos relevantes. Tamén son sometidas a discusión as opinións que os grupos expresan sobre os temas que están tratando. A redacción clara e fluída contribúe á comprensión conceptual, polo que o informe de avaliación faise eco das frases confusas, equívocas e mal redactadas, das palabras que alteran o significado do que se quere transmitir, etc.

Por último, faise unha valoración global do informe, que subliña os aspectos máis notables ou máis febles do traballo realizado.

Ó redor deste informe, ten lugar entre o grupo de alumnos e os profesores unha entrevista de duración variable (entre hora e media e dúas horas), na que teñen a oportunidade de examinar, en primeiro lugar, o proceso desenvolvido (que se reflicte nos documentos que se entregan para a súa valoración) e a calidade do ensaio elaborado: os profesores ofrecen ó grupo o seu punto de vista acerca do informe (nos termos xa comentados) e ofrecen ós alumnos a posibilidade de aclarar puntos de vista, opinións, argumentacións, conceptos, etc. Ó remate, os profesores piden ós membros do grupo, que á luz da valoración cualitativa feita polos profesores,  e en función da súa propia valoración acerca do traballo realizado desde o pirncipio de curso, procedan a propoñer unha calificación, tanto ó grupo como indiviualmente a cada membro se o consideran pertinente. Esta proposta de calificación contrástase coa nota prevista polos profesores. Despois de 12 anos de experiencia, cunha media aproximada de 50 grupos cada curso no conxunto das nosas materias, hai unha concordancia de máis dun 95% entre a nota proposta polos grupos e a proposta polos profesores. Preséntase, como documento, a gravación dunha sesión de avaliación realizada na asignatura de Modelos de Orientación e Intervención Psicopedagóxica.