Sobre redes sen fíos

Senén Barro Ameneiro, Reitor da USC: Carta

(Recibido por correo electrónico)

Estimado decano/a, director/a:

Dentro do compromiso de incentivar o uso das TIC no proceso de ensino-aprendizaxe e, máis en xeral, en todos os procesos da actividade universitaria, acabamos de despregar durante o 2004 unha infraestrutura sen fíos nos campus de nosa universidade que permite o acceso ás redes de comunicación da USC mediante dispositivos sen fíos. Polo de agora déuselle prioridade ao despregue en zonas comúns onde non existe infraestrutura con fíos ou a existente é insuficiente para atender toda a demanda, especialmente dos estudantes. Foron instalados xa un total de 429 puntos de acceso en todos os edificios da USC (ver detalle en <http://www.usc.es/gl/servizos/atic/senfios/index.jsp>) e o servizo está plenamente operativo, con máis de 1000 usuarios xa activos nesta rede sen fíos. Este proceso de alta, que garante que a rede non é usada por persoal alleo á USC, é moi sinxelo e vén descrito no enderezo web antes indicado.

Durante o 2005 procuraremos mellorar a cobertura, así como traballar en definir distintos perfís de seguridade, itinerancia (roaming) entre universidades, etc., e colaborar coa campaña que permite mercar portátiles con conectividade sen fíos en condicións vantaxosas (en marzo iniciarase unha nova campaña).

Con este escrito queremos poñer no teu coñecemento estas actuacións, co gallo de que poidas difundilo, cos medios que consideres oportunos, no teu centro. Calquera dúbida pode ser encamiñada a wifi@usc.es <mailto:wifi@usc.es>, ou se fose necesario a través da Área TIC. Existen puntos de soporte, atendidos por técnicos de dita Área, nos seguintes centros: Campus de Santiago (Aula de Informática da Facultade de Física, Aula de Informática da Escola Superior de Enxeñaría, Aula de Informática da Facultade de Química, Aula de Informática da Facultade de CC. Económicas e Empresariais, Aula de Informática da Facultade de Ciencias da Comunicación, Aula de Informática da Facultade de Matemáticas, Servizo de Atención de Usuarios, Pavillón de Servizos); Campus de Lugo (Aula de Informática da Escola Politécnica, Aula de Informática da Facultade de Veterinaria, Aula de Informática da Facultade de Ciencias, Biblioteca Intercentros -Vicexerencia-).

Infórmoche así mesmo que existen distribuídas nas bibliotecas dos centros tarxetas de rede sen fíos para aqueles usuarios que tendo portátil non teñan esta tarxeta. No caso de que fose necesario poñeriamos un maior número de unidades á vosa disposición.

Somos pioneiros no despregue desta rede a nivel nacional. De feito, o pasado día 3 de marzo recibimos o primeiro premio por este motivo na modalidade institucional, convocado por PriceWaterHouseCoopers e Computing España. En todo caso, entendemos que o máis importante é o emprego que se faga desta tecnoloxía, no que resulta esencial a colaboración dos centros, especialmente dos profesores, incentivando o emprego educativo das TIC, facendo uso de ferramentas como o campus virtual da USC (www.virtual.usc.es <http://www.virtual.usc.es> ) e, en xeral, potenciando o proceso de ensino-aprendizaxe a través de redes e ferramentas de comunicacións.

Neste senso solicítoche o teu apoio para, máis aló de difundir esta nova rede, potenciar os servizos e os contidos que estimulen a súa utilización por parte da comunidade universitaria.

Recibe un cordial saúdo.

Senén Barro Ameneiro
Reitor

Outras novas sobre redes sen fíos recollidas en fírgoa: