Juan Carlos Pardo Pérez e Alfonso García Tobío: Sobre modificacións no calendario escolar na universidade

Vamos a cambiarlo todo...Juan Carlos Pardo Pérez e Alfonso García Tobío: Sobre modificacións no calendario escolar na universidade

A mediados dos noventa, cando se empezaron a elaborar os actuais planos de estudios universitarios, alén das críticas ao procedemento -que tamén as expresamos cando tivemos oportunidade de facelo- advertiamos que a organización cuatrimestral iba a supoñer unha intensificación extraordinaria do traballo dos alumnos e dos profesores. Agora, por razón desta forma de organización curricular, están comprimidos dous cursos no espacio dun ano académico (1).  Todo un exemplo das formas de producción “toyotista” que poñen ao ser humano ao servizo da producción industrial , e que, aplicadas á universidade, entrañan para profesores e estudiantes horarios intensos de planificación, de docencia, de estudio, de revisión de traballos académicos, etc. Como calquera persoa avisada sabe, non hai  carreira universitaria que permita aos estudiantes implicarse noutras actividades formativas distintas (actividades culturais, formación en linguas estranxeiras, en  informática, etc.) das estrictamente académicas; impide, incluso, a profundización reflexiva dos contidos das asignaturas da titulación que cursan. En conversas de corredores e de cafeterías –espazos universitarios nos que acostuma a expresarse o verdadeiro sentir dos profesores- exteriorizamos as nosas queixas pola sobrecarga horaria, pola falta de tempo, pola cantidade abrumadora de tarefas burocráticas ás que o sistema nos somete, pola velocidade que debemos imprimir aos nosos planos e aos nosos traballos, etc. Un signo dos tempos que nos entregan á chantaxe da urxencia ("deprisa, deprisa": a fin de contas, time is money), que nos empuxan ao consumo de “comida rápida” (unha forma suave de denominar á “comida lixo”), de “información rápida” (fragmentos, retazos de información que, pese a crear a aparencia de cidadáns informados, agocha unha superficial trivialidade), dun “currículum rápido” que aprema aos profesores a depositar grandes cantidades de información sobre as cabezas dos nosos estudiantes. En fin, un despropósito para actividades que, como aprender, ensinar, investigar, piden lentitude, pausa, acougo, pacencia, continuidade, perseverencia… O contrario do que as universidades calcadas sobre o modelo empresarial nos demandan.

Parece que a este desatino pretende engadirse outro desatino. Desde hai uns meses, os medios de comunicación veñen facéndose eco da idea que o Rector da Universidade de Vigo ven propoñendo en medios académicos, segundo a cal os cursos na Universidade deben empezar o 1 de setembro. Un esperaría que unha proposta desta natureza, que xa está sendo asumida por algúns outros responsables universitarios, tivera tras de si unha análise seria e rigurosa, apoiada por sesudos estudios e complexos argumentos pedagóxicos, didácticos, psicolóxicos, económicos, antropolóxicos, sociais... dignos de ser tomados en consideración pola comunidade educativa. Sen embargo, qué contrariedade, porque a realidade é máis cativa. O único que coñecemos (hai máis?) sobre este particular é un documento de 5 páxinas titulado “Un novo calendario académico no Espazo Europeo de Educación Superior” que se limita a comparar o calendario tradicional e o calendario alternativo, concluíndo que este último é máis razoable porque é máis equilibrado en termos temporais. Noutras palabras, o único argumento de relevo é que os dous cuadrimestres teñan unha configuración temporal semellante. Parece ser, segundo os autores do documento, que este novo calendario se axusta mellor aos criterios do Espazo Europeo de Educación Superior (?), permitindo incluso que os alumnos disfruten de vacacións no mes de agosto. Xullo viría a substituír a setembro como o "mes dos exames", unha vez rematado o curso en xuño, pouco tempo despois de rematados os "exames" do segundo cuatrimestre.

Esta proposta de calendario pretende ser, como moitas outras que se propugnan, unha vía innovadora para alcanzar a calidade que se reclama ás Universidades. Polo que aos profesores se refire –protagonistas e actores de calquera proposta de mellora que se prece- non vemos cómo é posible que rematen de "examinar" en xullo, revisen os traballos dos estudiantes, rematen o mes poñendo as cualificacións e asinando as actas, collan o mes oficial de vacacións no mes de agosto (supoñemos que a mesma consideración que se ten cos estudiantes para que non queden sen vacacións en agosto, se quere ter tamén cos profesores), e apenas sen desfacer as maletas inicien a súas clases o 1 de setembro, sen tempo material para a planificación dun novo curso.

¿Non será que aos que defenden estas propostas os traiciona o inconsciente? A pesar de que falen en nome do sacrosanto valor da “calidade, ¿non será que asumen a idea estendida de que non é necesario preparar os cursos, planificalos, alén do que habitualmente se entende por preparar o "programa", é dicir, un listado de temas e unha bibliografía? ¿Non será que se pensa que abonda que os profesores veñan o primeiro de setembro cos seus apuntes, elaborados dunha vez por todas, e os dicten mecanicamente para que os alumnos, tamén mecánica e pasivamente, os recollan para despois reproducir a información tal como lles é proporcionada? Se este é o obxectivo, teñen razón: calquera calendario vale… o mesmo que o ensaiado nunha época pasada por aquel eximio Ministro de Educación franquista, Julio Rodríguez, que quixo pasar á historia dando nome ao calendario universitario: o Calendario Juliano (2).


(1) O segundo paso na intensificación do tempo (na "eficiencia", din: facer máis con menos de cara a maximizar os beneficios; tamén lle chaman optimización) xa está en marcha: trátase de obter un título en tres anos. En realidade, a dous cursos por ano, cada titulación "custaría" seis cursos, só que temporalmente comprimidos. Algúns chámanlle a isto The McDonaldization of Higher Education  ou a MacDonalización da educación.

(2) "El curso 73-74 es celebrado en España por la implantación del llamado "Calendario Juliano" (por el ministro de educación, Julio Rodríguez) que hacía comenzar el curso con el año natural. Así que, para regocijo de la chiquillería, el curso comenzó en enero (curiosamente el experimento sólo duró un año, así que el curso aquel sólo duró cinco meses)". (Antonio Ruiz Vega, Reseña do libro de Pilar Urbano: Garzón: El hombre que veía amanecer)

Novas sobre o calendario escolar: