Manifesto: Unir voces en defensa do ensino público

Manifesto: Unir voces en defensa do ensino público

Podes adherirte a este Manifesto a título persoal ou en nome da organización ou entidade que representas asinando en liña ou a través do correo electrónico defensaensinopublico@cig-ensino.com 

Como docentes, pais, nais, estudantes..., cidadáns e cidadás temos demasiadas razóns para unir voces en defensa do ensino público:

Preocúpanos que a política educativa da Xunta de Galiza incremente constantemente as subvencións ao ensino privado, mentres desatende necesidades e servizos no ensino público.

Preocúpanos que o anteproxecto da Lei Orgánica de Educación, presentado polo actual goberno do Estado se reafirme no mantemento dos concertos educativos no ensino non obrigatorio e non se tome ningunha medida para reducilos no obrigatorio.

Preocúpanos que o diñeiro público desviado aos centros privados en Galiza desde o ano 1989 se incrementara nun 421,4%.

Preocúpanos que as subvencións destinadas ao ensino privado para o ano 2005 aumentaran nun 10,5% respeito ás do ano 2004, mentres os orzamentos da Consellaría de Educación só o fixeron nun 6,01%.

Preocúpanos que máis do 11% do gasto total da Consellaría de Educación para o ano 2005 (198 millóns de euros, dos cales 44.984.800 euros corresponden ao ensino non obrigatorio) sexan para subvencionar o ensino privado concertado. Esta cantidade supera o diñeiro destinado para o transporte escolar, formación do profesorado, gastos de funcionamento dos centros de todos os niveis educativos, construcións de centros, reparacións, ampliacións e melloras, investimentos reais, etc. para o ensino público.

Preocúpanos que se realice a planificación educativa en función dos intereses do ensino privado concertado. Só iso explica que hoxe haxa máis alumnado de Infantil e Primaria escolarizado no ensino privado concertado que no público en Santiago, A Coruña, Ferrol, Ourense e Vigo.

Preocúpanos que se continúen concertando unidades que non son necesarias por haber prazas suficientes na rede pública; que se pechen unidades na pública para continuar incrementándoas na privada concertada ou concertar ciclos formativos en concellos nos que non hai oferta nos centros públicos ou que non se imparte no ensino público.

Preocúpanos que desde o ano 1998 a Consellaría de Educación pechara 1.263 unidades de Primaria e Infantil no ensino público en Galiza, mentres no ensino concertado, pagado por todos nós, neste período só se suprimiron 32. Preocúpanos que se despilfarre o diñeiro público en beneficio do negocio do ensino privado porque máis de 1.000 unidades do ensino concertado poden ser absorbidas polo público.

Preocúpanos que haxa centros privados concertados que viven do diñeiro público e actúen fraudulentamente: superando as ratios, alterando o calendario escolar, seleccionando o alumnado, cobrando actividades, funcionando con máis unidades das que teñen concertadas, impedindo a escolarización mixta, etc.

Preocúpanos que o ensino privado concertado poida impor un ideario de centro, estea ausente a xestión democrática e o profesorado sexa seleccionado polo/a titular do centro.

Preocúpanos, en definitiva, que o ensino público sexa subsidiario do privado, que se lle outorguen os mesmos dereitos e recursos e que, non obstante, non estea suxeito ás mesmas obrigas, malia estar pagado por todos/as nós.

Por iso:

  • Reclamamos un cambio de rumbo para defender inequivocamente o ensino público.

  • Reclamamos a modificación da lexislación para unha planificación tendente á desaparición dos concertos educativos e a supresión inmediata dos concertos educativos e/ou subvencións ao ensino non obrigatorio.

  • Reclamamos un ensino público con maiores investimentos para o funcionamento dos centros, e para dotalos de máis recursos, infraestruturas e dos medios necesarios.

  • Reclamamos un ensino público con ratios máis reducidas, no que se contabilice o alumnado repetidor para formar grupos e se reduza a ratio nas unidades que escolaricen alumnado con necesidades educativas especiais.

  • Reclamamos máis profesorado para garantir un ensino de calidade, atender a diversidade, facilitar un ensino máis personalizado e reducir o fracaso escolar.

  • Reclamamos un ensino público con transporte escolar, comedor e actividades extraescolares gratuítas.

  • Reclamamos un ensino público cunha oferta de ciclos formativos de Formación Profesional que contribúa ao desenvolvemento socio-económico do País e satisfaga a demanda existente.

  • Reclamamos a asunción por parte da Consellaría de Educación do ciclo de 0-3 anos de Educación Infantil con oferta suficiente de prazas para este ciclo.

  • Reclamamos un sistema de selección público e transparente para a contratación de profesorado dos centros concertados e a obriga de rexerse polas mesmas normas do ensino público.

  • Reclamamos, en definitiva, un ensino galego e público da máxima calidade e equidade que oferte as prazas suficientes. Reafirmámonos en que o ensino público é o único que pode garantir a xestión democrática, o laicismo e a pluralidade; é dicir, a igualdade de oportunidades.

Galiza, abril de 2005

CIG Ensino