USC: Comunicado de Universidade Aberta

Comunicado de Universidade Aberta

O colectivo de profesores/as Universidade Aberta quer expresar ao conxunto da comunidade universitaria a súa preocupación pola actual situación financieira da USC e as consecuencias que ten para un desenvolvemento adecuado das súas funcións.

Que o estado económico da USC é preocupante é coñecido de todos/as. Manifestado en diversas ocasións polo Rector ao cualificalo de "delicado, pero non grave", levou a que no ano 2003 se explicitase nos orzamentos unha operación de endebedamento por 9.5 millóns de euros, apesar das advertencias de que incumpría a lexislación vixente e por tanto dificilmente sería autorizada pola Xunta de Galiza.

Non é obxecto deste texto entrar na revisión das cifras. Sí cómpre, sen embargo, expresar cal son as condicións que entendemos necesarias para encarar e superar esta situación, e nas que estamos en disposición de colaborar desde a plena responsabilidade coa institución.

En primeiro lugar, é imprescindíbel que a comunidade universitaria coñeza con exactitude cál é a situación e as causas que a provocaron. A inadecuación do último plano de financiamento (aprobado, lembremos, co acordo do entón Rector) non xustifica por si só o déficit actual, pois sendo coñecidos os seus termos, tería que ter dado lugar a unha política orzamentaria axustada ás disponibilidades reais. É preciso coñecer non só a contía do déficit acumulado, senón tamén qué parte deste ten unha orixe conxuntural e qué parte a ten estrutural, xa que as medidas correctoras han ser necesariamente distintas nun ou noutro caso.

Mentres non exista un diagnóstico fundamentado e un plano global de actuación, non é aceptábel a adopción de medidas parciais de reestruturación do gasto, como as que se apuntan no "Plano do P.A.S., 2003-04" ou na redución do 30% no orzamento da Biblioteca para publicacións periódicas.

Con este obxecto propuxemos, no Consello de Governo do pasado 13 de novembro, a constitución dunha Comisión de expertos independentes que fixese o diagnóstico da situación e formulase, a partir del, as solucións máis axeitadas. Esta moción foi desestimada e derivada á proposta ao Consello Social dunha comisión para o estudo do marco de financiamento, que non resposta ao obxectivo que se propoñía, e parece querer eludir a análise das causas da actual situación.

As medidas que cómpra adoptar para o reequilibrio financieiro da USC e o afrontamento dos retos que se lle presentan no inmediato futuro deben contar co consenso do conxunto da comunidade universitaria. É o único modo de que as demandas da Universidade diante das institucións responsábeis do seu financiamento se poidan presentar con todo o respaldo e a solvencia necesaria, e que non deterioren a imaxe da Universidade diante da sociedade. Este consenso require que sexan determinadas coa participación de todos/as, desde o adecuado coñecemento da realidade e desde o compromiso de que os axustes que sexan necesarios non se van facer ao custo de manter ou incrementar os desequilibrios entre as áreas ou de drenar servizos necesarios para o correcto funcionamento da universidade.

Compostela, 3 de decembro de 2003