Reunión en Santiago do Grupo de Traballo de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións da CRUE

Reunión en Santiago do Grupo de Traballo de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións da Conferencia de Rectores de Universidades Españolas (CRUE)

Baixo a presidencia do Prof. Senén Barro Ameneiro (presidente do Grupo de Traballo e Rector da USC), reuníuse recentemente en Santiago o Grupo de Traballo de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións da Conferencia de Rectores de Universidades Españolas (CRUE).

Segundo recolle El Correo Gallego (9/12/03), na reunión abordáronse diversas cuestións relacionadas co desenvolvemento das Tecnoloxía da Información e das Comunicacións nas universidades. A profesora Angélica González, da Universidade de Salamanca, presentou o proxecto Certicap, unha ferramenta para a certificación de competencias de acción profesional lanzada desde Universia, o portal das universidades españolas e hispanoamericanas. Este proxecto, que desenvolveu no mes de novembro a súa primeira experiencia piloto universitaria na propia USC, propón un mecanismo de certificación mediante unha ferramenta informática accesible a través de internet para que as universidades poidan acreditar coñecementos nas áreas de tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC), idiomas e habilidades transversais.

No mesmo encontro o rector da USC presentou un borrador de proposta do proxecto UNI-WI-FI, que pretende impulsar a extensión das redes sen fíos nas universidades españolas. Neste sentido estableceuse unha comisión formada por seis universidades coa secretaría executiva da USC para definir e traballar no desenvolvemento do proxecto. O obxecto desta iniciativa será potenciar o despregamento da infraestructura e equipamentos necesarios sen fíos nos campus, e facilitar a adquisición de computadores ós membros da comunidade universitaria, en particular, ós estudiantes, a formación para a súa utilización e o impulso dos contidos en liña.

Outros dos aspectos abordados polo Grupo da CRUE foi o de revisar e relanzar a enquisa sobre os recursos TIC nas universidades españolas, co obxectivo de dispor de información suficiente para elaborar unha primeira diagnose da situación actual, e, especialmente, dos proxectos de maior interese para as universidades españolas.