Lourenzo Fernández Prieto: Letras humanas

Lourenzo Fernández Prieto: Letras humanas

A REFORMA das titulacións universitarias que se está a debater e á vez a protestar non se sabe moi ben o que é. Sábese si da ausencia de criterios e de explicacións sobre as propostas coñecidas e, sobre todo, tendo en conta as reaccións, da importancia funcionarial que no Estado español se lle segue dando ás directrices ministeriais fronte ás decisións autónomas das universidades ou das comunidades. Exactamente o contrario do que acontece no sistema norteamericano que, por ser o que triunfa no mundo, a reforma europea pretende imitar. Porque este lío das titulacións deriva, aparentemente, de decisións que en España se queren tomar para avanzar no proceso de Bologna. Pero Europa non é Norteamérica e por onde imos semella que España tampouco vai ser Europa. A ausencia dun proxecto universitario é máis grave na actual sociedade do coñecemento, na que a Universidade adquiríu un protagonismo decisivo. O sistema de investigación universitario é crucial no proceso de cambio tecnolóxico e non parece haber dúbidas sobre cómo a productividade e a competitividade das economías derivan precisamente da capacidade innovadora e da de producción de coñecemento.

Isto, traducido ao español, significou entre outras cousas reducir a importancia desas Humanidades que antes chamábamos sen complexos Letras . Nun tránsito necesario que sen embargo acabou impondo a idea tecnocrática e badoca de que o progreso social e económico deriva de que se estuden máis matemáticas e enxeñerías. Caeuse no extremo contrario e o número de titulados anuais en Humanidades está en España por baixo de países centrais europeos, das medias da UE e da OCDE e cinco punto debaixo de Estados Unidos. Como é propio dunha sociedade farturenta, os países máis avanzados teñen máis titulados en Letras porque o que sobra é o que mantén. Tamén porque a formación universitaria non pode rendibilizarse no curto prazo, nin visibilizarse na evolución das macromagnitudes o coñecemento de Góngora. A obsesión por sair do atraso levounos ao desprezo das Humanidades. Ese é o problema.

Tamén determinar en que consiste a capacidade de innovación. A incorrecta traducción desa necesidade, leva a propoñer formar nas universidades técnicos e profesionais que teñan acceso directo ao mercado laboral. Misión imposíbel no pasado porque nunca foi ese o fin da Universidade en ningún dos seus modelos. E agora porque a velocidade do cambio tecnolóxico impede, máis que nunca antes, un deseño educativo que atenda directamente as cambiantes necesidades do mercado laboral. O que hai que formar son titulados capaces de aprender nun mundo que cambia axiña. Autocapacitación. As mudanzas son tan vertixinosas (TIC, Biotecnoloxía) que é imposibel intentar reproducir máis que nas grandes liñas os avances, que han de repercutir máis nos curricula que nas titulos. Desa necesidade, mal interpretada, deriva a tolemia española dos últimos 15 anos, con tres cambios de plans de estudio, e dous no catálogo de titulacións, contando o que está en marcha. Mentres tal pasou, os gobernos de Fraga fomentaron a Formación Profesional co reaccionario argumento de que «non todo o mundo ten que ir á universidade».

La Voz de Galicia, 24/05/05