USC: Universidade Aberta: As razóns para un acordo e as razóns dun desacordo

USC: Universidade Aberta: As razóns para un acordo e as razóns dun desacordo

(Recibido por correo electrónico)

A Universidade de Santiago de Compostela ten que afrontar nos próximos anos diferentes retos de enorme transcendencia para consolidar a súa situación referencial no entramado universitario europeo. Retos que teñen que ver, fundamentalmente, coa necesaria integración no Espazo europeo de educación superior, co proceso, xa en marcha, de reforma das titulacións, coa definición de políticas de persoal que dean cumprida resposta ás demandas dos actuais profesores contratados e que abran portas ás demandas do persoal contratado con cargo aos programas Ramón y Cajal e Parga Pondal, e co desenvolvemento dunha política económica que permita recuperar a situación financeira que, cando menos, non impida o crecemento da USC. Máis tamén a USC debe recuperar o seu peso no sistema universitario galego. Debemos ser conscientes da perda de posición que vimos sufrindo nos últimos dez anos, que ficou en evidencia no proceso de elaboración do novo Plano de financiamento universitario e que se concretou no illamento da USC e na incapacidade para xerar espazos de consenso coas outras dúas universidades que reforzaran as nosas posicións diante do goberno galego.

Por outra banda, e en clave interna, e como consecuencia dos procesos electorais habidos dende o ano 1994,e resoltos todos por moi estreita marxe, a USC atópase partida en dúas metades, sendo gobernada por unha metade con claros procesos de discriminación para todos os que non apoiaron os sucesivos gobernos. Esta situación, mantida ininterrompidamente nos últimos once anos, propiciou a existencia dun clima de desencontro e desconfianza moi importante na comunidade universitaria. Acrecentado por problemas importantes na xestión e planificación en ámbitos tan sensíbeis como as políticas de profesorado, investigación ou da adaptación á nova realidade do espazo europeo de educación superior.

Por todo elo, Universidade Aberta, e na liña de integración que sempre desenvolvemos co conxunto da universidade decidiu abrir un marco de diálogo co actual Consello de Dirección que, logo de diversos contactos, cristalizou na presentación dunha proposta para a conformación dun novo goberno, baseada nos seguintes piares:

  1. Construír un novo goberno universitario, de todos, con todos e para todos, que poda afrontar os retos anteriormente expostos cun amplo respaldo da comunidade universitaria, confeccionado dende a lóxica das medidas políticas que ten que desenvolver e non dende a óptica do reparto de postos entre os apoios do mesmo.

  2. Restablecer o clima de confianza interna dende a certeza da construción dun novo goberno que garanta o respecto ás normas e regras de xogo das que nos dotamos e que desterre da USC as medidas arbitrarias, discriminatorias e clientelares que temos coñecido nos últimos anos.

  3. Auspiciar a necesaria recuperación da posición da USC no conxunto do sistema universitario galego, español e europeo.

  4. Por elo e para dar estabilidade ao goberno da Universidade no ano que resta de lexislatura e deseñar un futuro máis sólido para os catro anos seguintes, propoñemos un acordo 1+4, que implica necesariamente acordos en tres aspectos: composición do equipo de goberno para finalizar a actual lexislatura, liñas estratéxicas a desenvolver nos cinco anos de vixencia do acordo e formulación dunha candidatura conxunta para o próximo proceso electoral.

Así, e con data 2 de maio formulamos a nosa proposta ao Consello de Dirección nos termos xa coñecidos pola Comunidade Universitaria. A proposta alternativa recibida do Consello de Dirección, apoiada pola Plataforma Universitaria Progresista e Converxencia Universitaria, formulada coa lóxica de reparto presente na confección dos tres últimos equipos reitorais e que non entra a considerar as razóns que nos levaron a facer a nosa proposta, respondeu só ao obxectivo de facer visíbel diante da comunidade universitaria a incorporación de UA ao goberno e non aos aspectos anteriormente sinalados e non responde á confianza e ás expectativas que nos depositaramos no proceso de diálogo iniciado no pasado mes de decembro. É unha proposta que non garante a necesaria corrección das políticas, na nosa opinión, equivocadas, impulsadas desde certas áreas de goberno da Universidade e que, por tanto, non permite seguir avanzando na construción do goberno sólido e de amplo respaldo que Universidade Aberta considera necesario para afrontar, na mellor das disposicións, os importantes tempos que se aveciñan na nosa Universidade.

Malia o resultado negativo deste proceso, Universidade Aberta quere transmitir ao conxunto da comunidade universitaria a reafirmación da necesidade de construír un novo modo de goberno que faga dos valores do diálogo e da integración os seus piares principais e que permita, de novo e por primeira vez en moitos anos, un goberno amplamente representativo e participativo, capaz de aproveitar todos os mellores impulsos que xera esta universidade. Só dende estes postulados poderemos poñer as bases necesarias para facer da Universidade de Santiago de Compostela a universidade de referencia e calidade que todos desexamos que sexa. A prol disto comprometemos o noso traballo desde mañá mesmo.

UNIVERSIDADE ABERTA
Santiago de Compostela 27 de maio de 2005