USC: Intervención no Claustro do 1 de xuño de Xerardo G. Mera, en representación de Universidade Aberta

USC: Intervención no Claustro do 1 de xuño de Xerardo G. Mera, en representación de Universidade Aberta

(Recibido por correo electrónico)

Dende a toma de posesión do actual Consello de Dirección ata o día de hoxe transcorreron tres anos. Anos importantes que viñeron marcados por tres aspectos importantes:

  1. Desenvolvemento do Plano estratéxico da Universidade para o período 2000-2010.

  2. Realización da reforma estatutaria e do correspondente desenvolvemento normativo.

  3. Corrección da difícil situación económica xerada non so polo insuficiente financiamento do Sistema Universitario Galego senón tamén por un modelo de xestión financeira propio que resultou nefasto e polos excesivos gastos realizados no período 1994-2002, como xa manifestei na miña intervención do Claustro do 2 de decembro pasado.

Sobre todas estas cuestións tivemos, e así o fixemos no seu momento, ocasión de manifestar as nosas opinións, polo que non parece necesario repetilas de novo. So dicir que, diante dun tan detallado informe, fáiseme raro non atopar ningunha liña dedicada a explicar o escaso desenvolvemento normativo realizado após a aprobación dos Estatutos, ou sobre a incapacidade para iniciar accións tendentes a reestruturar a organización territorial da universidade ou sobre a falla de vontade para abordar diálogos sobre temas importantes, como por exemplo o deseño dos Campus. Tamén é ben coñecida a nosa idea de que todos os membros e sectores da comunidade universitaria participen na elaboración das directrices básicas de goberno da nosa universidade e tampouco sobre a construción deste marco de diálogo atopo referencia algunha, posibelmente pola política levada ata o pasado mes de decembro, dirixida máis a apartar do escenario das decisións a quen non apoiase a súa política que a procura das necesarias posicións de encontro entre as diferentes identidades existentes na USC.

Máis non tema Sr. Reitor, nin tampouco os Sres. Claustrais presentes, que non vou usar a miña intervención para facer aquí un relatorio de incumprimentos.

Prefiro dedicar os meus, os nosos, esforzos a realizar unha pequena aportación, xa que, ao meu xuízo, pode ser este punto da orde do día do Claustro, pola propia característica derivada da presentación dun informe que supera o espazo anual do mesmo e que comprende unha moi importante etapa do seu mandato, o momento apropiado para facer unha avaliación da situación política, interna e externa, da USC e, consecuentemente, da posición na que nos atopamos para abordar os próximos anos, dadas as importantes tarefas que, dentro da propia universidade pero tamén no Sistema Universitario Galego e Europeo, nos agardan.

Cumpre pois realizar un diagnóstico de situación e tamén unha proposta de actuación, se se nos permite e se se consideran boas as nosas cartas de presentación para poder facer aportacións ao debate. Agardo que si o sexan e desexo que, aqueles tempos nos que había quen se consideraba lexitimado para decidir quen tiña aura e quen non para realizar certos cometidos, teñan finalizado e non retornen de novo.

Varios e diferentes son os retos que temos que afrontar no futuro inmediato. Todos eles definiran o papel que xogará a USC no entramado universitario. Como xa dixemos recentemente, a necesaria integración no Espazo Europeo de Educación Superior conxuntamente coa reforma das titulacións e a definición das correspondentes políticas de investigación e persoal serán os piares fundamentais da nosa Universidade. Pero tamén a recuperación económica deberá ser un eixo inspirador do traballo de goberno.

A USC debe retomar a súa posición no sistema universitario galego. Para nós é moi manifesta a perda da posición de liderado da nosa universidade nos últimos dez anos. Debemos traballar para recuperala e debemos traballar para recompoñer a necesaria unidade coas universidades de Vigo e A Coruña en favor do sistema universitario galego.

Neste diagnóstico, necesariamente breve e rápido, non debe faltar unha mirada cara ao interior da nosa institución. Temos a obriga de elaborar políticas e modos de goberno que corrixan aquelas, aínda actualmente existentes, cualificadas como inaceptábeis por unha parte importante da comunidade universitaria. E non porque o digamos nós, senón porque é un clamor en toda a USC, parcelas como Profesorado, Terceiro Ciclo ou Investigación son xestionadas dun xeito, por dicilo piadosamente, desafortunado.

Hai determinadas prácticas que deben mudar na universidade e iso debe facerse con vontades e actitudes correctoras dos modos prepotentes e do sentido de patrimonialización da universidade existente en determinados sectores da comunidade universitaria.

Máis non é so aos que estiveron gobernando a USC dende o ano 1984 ata a actualidade, coa excepción do cuadrienio do reitor Villares, aos que lle debemos esixir esforzo para restaurar o clima de encontro e confianza necesario para poder dar acaída solución aos retos e problemas da USC. Tamén nos corresponde a nós, aqueles que estivemos case sempre na oposición, facer autocrítica e repasar as actitudes e posicións mantidas nestes anos e para intentar rematar cunha fractura moi consolidada. Froito desta autocrítica e do debate tranquilo tomamos unha importante decisión, facilitada, compre recoñecelo, pola actitude de diálogo do Reitor: construír nestes últimos meses un espazo de encontro que permitira o diálogo necesario para poñer en común ideas e políticas. Aínda máis, decidimos dar outro paso e apostar pola conformación dun novo goberno que tivera un amplo respaldo da comunidade universitaria, para rachar coa lóxica dos últimos procesos electorais que manifestaban claramente a existencia dunha universidade partida en dúas metades. Consecuentemente con esta decisión presentamos unha proposta, arriscada e anovadora, fiel a ese espírito emprendedor que debe ilustrar a actividade universitaria, para gobernar a USC nos próximos cinco anos, o que resta de lexislatura e os catro seguintes, de ser o caso e decidilo así a comunidade universitaria no próximo proceso electoral.

Unha proposta que implicaba de entrada varias renunciAS pola nosa parte: facer do liderado do goberno universitario para estes anos a cuestión clave desta proposta, aceptar un marco de xogo e de relacións previamente establecido e unha participación acoutada e reducida no goberno universitario.

A cambio albergabamos e depositabamos neste difícil proceso moitas esperanzas: conformar un novo goberno dotado dun amplo respaldo da comunidade universitario que poda afrontar dun xeito solvente os importantes retos que nos agardan nos próximos anos, tamén xerar unha maioría de apoio, ao novo goberno, sólida e representativa das dúas identidades existentes na USC e con capacidade para definir os proxectos e políticas necesarias que serán executados desde o novo goberno no marco do funcionamento autónomo do mesmo.

Por iso fixemos a proposta que fixemos. Unha proposta cun eixo central: conformar un novo goberno que corrixise políticas e modos que sempre criticamos, por arbitrarios e discriminadores que restablecera o necesario clima de confianza interno e que fose respectuoso coas normas das que nos dotamos. Calquera consideración que supuxese manter as actuais políticas e aos responsábeis da mala xestión ou simplemente negociar a nosa incrustación no actual goberno so suporía avalar coa nosa presenza no equipo unhas políticas e uns modos cos que non estamos de acordo e, deste xeito, defraudar as expectativas de rexeneración, impulso e renovación que a comunidade universitaria tiña e ten depositadas nun acordo deste tipo.

Máis a realidade é que este proceso non cristalizou adecuadamente. Non seremos nós os que entremos a dirimir responsabilidades, recoñecemos a nosa incapacidade para ser xuíz e parte, nin a poñer cualificativos aos modos da outra parte implicada neste proceso. Cualificacións como maniqueos, inmobilistas, precipitados, non fiábeis, e outras que nos foron adxudicadas en nada contribúen a manter os necesarios e respectuosos canles de diálogo que algúns, nomeadamente vostede máis eu, temos construído, con moito esforzo, nos últimos tempos. Nós si queremos mantelos e, xa que o futuro non está escrito, comprometemos o noso traballo, dende mañá mesmo, para construír esa nova maioría que permita camiñar cara adiante coa solvencia e a garantía debida, todo elo para o ben da nosa Universidade.

01/06/05