Galicia: Laura Sánchez Piñón garante os concertos coa ensinanza privada

Galicia: Laura Sánchez Piñón garante os concertos coa ensinanza privada

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, quixo saír onte ó paso da polémica creada sobre os concertos de educación, dicindo que se manterán, aínda que se estudarán aspectos como as dispoñibilidades orzamentarias ou os prazos, por exemplo.

"Non temos ningún problema para que se executen tal e como están para o curso 2005-2006", dixo.

Segundo Sánchez Piñón, a polémica xerouse tras se coñecer uns datos macroeconómicos da Consellería que comprometían o seu orzamento durante os próximos catro anos e que, nese contexto, o seu departamento "adoptou a decisión de ver ónde estaban os compromisos para os próximos anos, non só no ensino concertado senón tamén noutros aspectos da consellería".

Sánchez Piñón apuntou que o novo curso comezará "sen problemas" e que, para os próximos "se chegou ó acordo de estudar conxuntamente distintos aspectos que poidan optimizar os recursos" xa concertados.

A conselleira reuniuse onte –"nun clima de "diálogo e entendemento"– con organizacións empresariais de ensino concertado en Galicia, entre os que estaban Educación e Xestión, CECE Galicia e UGETAG-ACES.

José Luis Baños, secretario rexional da patronal Educación e Xestión, asegurou tras a reunión de hoxe que as declaracións da conselleira de Educación sobre os concertos, cuxo efecto foi definido por el como de "alarma social", foron malinterpretadas" e que a súa intención non era revisar os concertos para suprimir algún, senón estudar os acordos xa asinados. Baños sinalou que a conselleira lles asegurou que "se van respectar os acordos xa firmados e que se van revisar ou estudar os concertos" e xa que logo por parte das patronais non ven "ningún problema de base".

Pola súa parte o presidente da patronal de ensino privado Confederación Española de Centros Concertados en Galicia (CECE) de Galicia, Xosé Antonio Moar, manifestou que a conselleira deixara claro que "as ordes de concertos xa publicadas se van respectar e revisar en caso de que algunha unidade non reúna os requirimentos necesarios e poida perder o concerto". "En ningún momento se nos dixo que se vaian suprimir algúns dos acordos xa firmados", dixo.

Cinco millóns de alumnos volven ás aulas

Arredor de cinco millóns de alumnos de Infantil e Primaria volverán ás aulas a partir desta semana, mentres que a maior parte dos tres millóns de estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), Bacharelato e Formación Profesional (FP) iniciará o curso desde o 12 de setembro. Os primeiros serán canarios, rioxanos, cántabros, melilleses e valencianos, que empezan entre mañá e o venres.

En Galicia, arrincará o ano escolar o próximo luns en Infantil, Primaria e Especial, mentres que as clases de ESO e Bacharelato atrasaranse ata o 19 de setembro e as restantes, ó 30 de setembro.

3.641 unidades e 200 millóns

O orzamento dos concertos ascende a 200 millóns de euros para este curso 2005-2006. A conselleira informou de que na etapa de Educación Infantil hai un acordo asinado para este curso que inclúe un total de 615 unidades concertadas, con 137 máis, o que supón un aumento do 28,9%. En Educación Primaria, ESO, Educación Especial e Formación Profesional o número total de unidades é de 3.026, cunha diminución de 12 unidades.

Galicia Hoxe, 06/09/05