A fenda dixital ("digital divide")

A fenda dixital ("digital divide")

Que estamos vivindo un profundo proceso de transformación social que modifica os modos de producción, as relacións sociais, a organización política e as pautas culturais, xa ninguén parece poñelo en dúbida. Tamén parece haber consenso en torno ao papel central que na emerxente sociedade xogarán a información e o coñecemento. De aí a relevancia que para a educación teñen as tecnoloxías da información e da comunicación, e entre elas de modo moi especial as tecnoloxías informáticas en rede, que se atopan no cerne do debate social e educativo.

Dado que a información e o coñecemento están chegando aceleradamente a ser os principais factores de producción, pode afirmarse que en moi boa medida a configuración da sociedade estará determinada pola forma como socialmente se distribúa o control das fontes de producción e de distribución de información e coñecementos. O acceso a tales fontes está dando lugar a serias pugnas e conflictos sociais, que presumiblemente se incrementarán no inmediato futuro. O conflicto entre aqueles que entenden o coñecemento como ben común que debe estar públicamente disponible, e quen consideran que, en tanto que propiedade intelectual, debe estar sometido ás reglas do mercado, tradúcese en choques en diversas frontes (patentes, copyright, piratería, software open source, movemento open access, canon de bibliotecas e de material informático…educación pública/privada).

Se o coñecemento é un ben común, entón debe ser libre, aberto, construído comunitariamente, disponible por igual para todos. Se, pola contra, se entende que é un ben privado comercializable, entón debe ser pechado, xerado empresarialmente, accesible para quen o compre. A educación pública debera, no noso parecer, considerar seriamente e desenvolver usos social e democráticamente desexables das tecnoloxías.

Parécenos aquí relevante traer a colación o “aviso para navegantes” que tempo atrás facía Chomsky: "... se non facemos nada, internet e o cable estarán monopolizados dentro de dez ou quince anos polas megacorporacións empresariais, a xente non coñece que nas súas mans está a posibilidade de dispor destes instrumentos tecnolóxicos en vez de deixarllos ás grandes compañías. Para iso, fai falla coordinación entre os grupos que se opoñen a esa monopolización, utilizando a tecnoloxía con creatividade, intelixencia e iniciativa para promocionar, por exemplo, a educación" (citado en http://gaiaxxi.iespana.es/noam_chomsky.htm). E é que os usos que se fagan das tecnoloxías están por construír, e se desenvolverán de unha ou outra maneira en relación coas ideas que se teñan acerca do papel do coñecemento na sociedade e da presión que se faga para que a distribución das tecnoloxías asuma un carácter democrático, público.

Na Declaración do Milenio (8 de setembro de 2000) Nacións Unidas estableceu, entre outros principios, unha serie de decisións tomadas respecto á eliminación da pobreza no mundo. As accións a tomar consideran a eliminación dafenda dixital como un dos obxectivos importantes na loita contra o subdesenvolvemento.

Na Declaración recóllese:

I. Valores e principios:

6. Consideramos que determinados valores fundamentais son esenciais para as relacións internacionais no século XXI”:... (entre outros)

  • A igualdade. Non debe negarse a ningunha persoa nin a ningunha nación a posibilidade de beneficiarse do desenvolvemento. Debe garantirse a igualdade de dereitos e oportunidades de homes e mulleres.”

III. O desenvolvemento e a erradicación da pobreza:

11. Non escatimaremos esforzos para liberar aos nosos semellantes, homes, mulleres e nenos, das condicións abxectas e deshumanizadoras da pobreza extrema, á que na actualidade están sometidos máis de 1.000 millóns de seres humanos. Estamos empeñados en facer realidade para todos eles o dereito ao desenvolvemento e a poñer a toda a especie humana ao abeiro da necesidade.”…

20. Decidimos tamén:

  • Elaborar e aplicar estratexias que proporcionen aos xoves de todo o mundo a posibilidade real de atopar un traballo digno e productivo.” …
  • Velar por que todos poidan aproveitar os beneficios das novas tecnoloxías, en particular das tecnoloxías da información e das comunicacións, conforme ás recomendacións formuladas na Declaración Ministerial 2000 do Consello Económico e Social.”

A Resolución 73 da Conferencia de Plenipotenciarios da Unión Internacional das Telecomunicacións (UIT) (Minneapolis, 1998) resolveu encargar ao seu Secretario Xeral a celebración dun Cume Mundial sobre a Sociedade da Información. En 2001, o Consello da UIT decidíu celebrar o Cume en dúas etapas, a primeira en Xenebra (Suíza), do 10 ao 12 de decembre de 2003; e a segunda en Túnez, do 16 ao 18 de novembro de 2005.

Así, baixo os auspicios da ONU e da Unión Internacional das Telecomunicacións (IUT) celebrouse en Xenebra a primeira fase do Cume Mundial sobre a Sociedade da Información, cun obxectivo preciso: reducir a fenda dixital, ese abismo que separa aos países altamente equipados en informática e electrónica de aqueles que aínda están na prehistoria de Internet.

Lembremos algunhas cifras: máis de dous mil millóns de persoas -un tercio da humanidade- non dispoñen de electricidade; catro de cada cinco habitantes do planeta non utilizaron xamáis un teléfono (existen máis liñas telefónicas no barrio de Manhattan, en Nova Iork, que en toda a África sub-sahariana); os 400.000 habitantes de Luxemburgo comparten máis ancho de banda de Internet que os 760 millóns de habitantes de África; máis do 90% dos nosos contemporáneos nunca navegaron por Internet.

Nunha sociedade do coñecemento e do saber como a nosa, estas carencias resultan fatais e contribúen a manter o retraso de moitos países pobres. Por iso, o Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD) insistíu en que unha das maneiras de combater o atraso e a pobreza consiste en reducir esta fenda; cun progreso ideal, debería desaparecer no ano 2013. (Denis Gilhooly: Eliminación de la “brecha digital”).

O Cume de Xenebra centrouse na necesaria cooperación internacional e a indispensable solidaridade electrónica entre os pobos. A Declaración Final foi asinada polos 191 estados membros da ONU, e ten o valor dun solemne compromiso internacional. Constitúe unha especie de Carta magna da sociedade da información e propuxo un Plan de acción que debería ser posto en práctica nos dous anos seguintes, ata 2005.

A preparación deste Cume de Xenebra deu lugar a duros enfrontamentos entre estados, empresas e cidadáns. Foron necesarias tres conferencias preparatorias para limar en parte as fondas diverxencias entre eles. Os problemas xurdiron como consecuencia de que, por primeira vez, un cume da ONU convocou, con igual dereito, non só a Estados, senón tamén a actores privados (empresas e cidadáns) cuxas proposicións escandalizaron a algúns gobernos.

Cinco discrepancias centrais se puxeron de manifesto.

Primeiro, a cuestión do fondo de solidaridade destinado a axudar aos países en desenvolvemento a equiparse de infraestructuras de comunicación. Moitos estados pobres estiveronn dispostos a permitir que estas infraestructuras foran instaladas por empresas privadas que poderían explotalas logo e sacarlles todo o beneficio que quixeran. As ONG opuxéronse, denunciando un neocolonialismo dixital que agravaría, segundo dixeron, a fenda tecnolóxica entre ricos e pobres.

Segundo, os dereitos humanos. Tratouse de obter que, no preámbulo da declaración final, todos aceptaran que a comunicación fora considerada como un dereito do ser humano, e que se formulara que cada cidadán ten dereito de ser emisor e non só receptor de informacións.

Terceiro, o control das redes de información e de comunicación. O que, na xerga dos internautas, se chama a e-gobernancia e que concerne sobre todo a Internet. Hoxe Internet está controlado por unha autoridade privada, a Internet Corporation For Assigned Names and Numbers (ICANN), designada polos Estados Unidos, e moitos países desexaban que unha rede de comunicación e de saber tan fundamental como Internet estivera baixo o control internacional da ONU ou da UIT.

Cuarto, o problema das libertades públicas. No ambiente seguritario actual, moitos gobernos non respectan a vida privada dos usuarios, e a través das redes electrónicas vixilan aos seus cidadáns. As ONG denunciaron esta situación que se agravou despois dos atentados do 11 de setembro do 2001 en Nova Iork (e que recentemente, despois do atentado do 7 de xullo de 2005 en Londres, foron a máis).

E quinto, a cuestión da propiedade intelectual. Os Estados querían que este problema se tratara no seo da Organización Mundial de Comercio (OMC). Os cidadáns replicaron que, como a cultura, a comunicación e a información non son só mercadorías.

Como consecuencia dos desacordos, as ONG elaboraron un documento alternativo aos documentos oficiais producidos polos gobernos no: CMSI: Construír sociedades da información que atendan ás necesidades humanas.

Proximamente celebrarase en Túnez (do 16-18 de novembro de 2005) a segunda fase do Cume, que se centrará na análise das medidas adoptadas para superar a fenda dixital e conseguir máis rapidamente as metas dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio a través das TIC.

Polo camiño, parece estar a producirse un boicot estadounidense á proxima xuntanza da Asemblea Xeral da ONU, que se celebrará o vindeiro 14 de setembro, intentando recurtar os compromisos internacionais contra a pobreza e mesmo pretendendo suprimir da declaración final as referencias aos Obxetivos de Desenvolvemento do Milenio.

Educación tecnolóxica

Outros documentos relacionados:

Sitios web:

Estatísticas de internet:

Enlaces