Lourenzo F. Prieto: Benvidos ao ensino público

Lourenzo F. Prieto: Benvidos ao ensino público

A PRESENZA do presidente Touriño no colexio público dun barrio de Santiago para inaugurar o curso quixo ser un indicador das novas prioridades da administración: a educación e o público. Ogallá sexa certo, porque a recepción dos pais e as nais de alumnos da etapa de 3 a 5 anos, noutro centro público da mesma cidade nese mesmo día foi unha representación completa das carencias do ensino público, da que os país, por contraste, deduciron as vantaxes do privado. Este segundo ciclo da educación infantil, non obrigatorio pero garantido polo sistema público e gratuito, constitúe na práctica a primeira etapa de escolarización e o momento no que os país escollen centro. Pero a capacidade de elección dos que apostan pola pública está mui condicionada pola limitacións do sistema público. Esta opción está inzada de custes indirectos para os pais, por mor dos horarios, dotacións e servizos da maioría dos centros públicos. Son as ANPAS, por exemplo, en ocasións coa colaboración dos concellos, as que se ocupan de establecer os comedores que foron desmantelados en muitos centros. Son tamén pais e nais quen promoven e financian os servizos de transporte e as actividades extraescolares, demostrando unha apreciabel capacidade de organización social.

É un lugar común decir que o PP apostou polo ensino privado e concertado. Iso na práctica significa un desequilibrio notabel entre o público e o privado e unha viraxe no uso dos recursos cara o ensino concertado que perxudica aos alumnos dos centros públicos e aos seus pais, baixo a excusa da libre elección de centro. O panorama que se presenta nun centro calquera, nun grupo de nenos e nenas de 3 anos recén chegados dunha gardería é máis ou menos o que segue: 25 alumnos por aula atendidos por un só docente; sen coidadores que apoien ao docente na atención dos cativiños; un mestre de psicomotoricidade que como atende ademais guardas e baixas, ocúpase desta tarefa cando pode; non se ofrece nin música nin idioma estranxeiro e do contacto das crianzas cos ordenadores nin se fala. En troques, a docencia da relixión está perfectamente garantida na pública, convertendo o accesorio en esencial. Tampouco se garante, por certo, o ensino en galego. Un vello e irresolto problema que ven demostrar como a tan loubada capacidade de elección é pouco máis que un alibí ideolóxico.

Eses alumnos da segunda etapa de preescolar, non teñen dereito a comedor nin transporte público -alí onde existen estes servizos- o que xera unha discriminación territorial e afecta especialmente ás familias con menos recursos. E mentres isto acontecía, e acontece, o anterior Goberno foi pioneiro na subvención do ensino privado para esta etapa de infantil que, lembremos, non é obrigatoria. Antes do inicio do curso anunciouse a revisión dos convenios cos centros concertados e, aparentemente, o asunto quedou en nada ou, máis ben, tapado polo anuncio da gratuidade dos libros de texto. Medida que se aplica universalmente, incluidos os centros concertados e con independencia dos ingresos dos proxenitores, e que non resolve os auténticos problemas do ensino público, alén de que pode contribuir a desvalorizar o libro.

La Voz de Galicia, 13/09/05