Lourenzo Fernández Prieto: Fuga de cerebros

Lourenzo Fernández Prieto: Fuga de cerebros

O EXPERIMENTO do Goberno de Esperanza Aguirre para atraer aos millores estudantes de bacharelato á capital do Estado parece servir de chamada de atención sobre os deberes que Galicia ten que facer no terreo da investigación e das universidades. A debilidade do I+ D+i (investigación, desenvolvemento e innovación) na Galiza é tan clamorosa como recoñecido o seu papel como panca do cambio económico. O noso retraso obsérvase rápidamente. O gasto de Galiza en I+D foi no 2003 do 0,86% do PIB, por debaixo do 1,10% de España e moi lonxe do 1,93% da UE. Un aspecto central da nosa precariedade apréciase no escaso número de investigadores, cuns índices que veñen ser a mitade da UE e sensibelmente inferiores á media española e cunha excesiva concentración nas universidades que da conta da debilidade do I+D empresarial e da necesidade de robustecer esta ponla.

As imprescindibeis milloras neste terreo requiren dunha acción decidida, na que o incremento do orzamento debe ir acompañado da definición de novos criterios, mellor aproveitamento dos instrumentos e da capacidade para definir liñas propias. Nesta tarefa o papel da Administración é central, pois a ela compete a dirección e coordenación do sistema e a capacidade para definir prioridades e rachar inercias establecidas. Nunha publicación recente, o actual director xeral do ramo reclamaba, para crebar a tendencia actual, unha aposta gubernamental decidida e constante que agora pode estar en disposición de darse.

Mais a vía a executar pouco se parece á elitista iniciativa madrileña, que pode ser benvida se serve para obrigar a Galiza a xogar forte neste terreo, pero que en si mesma é un exemplo do que non debe facerse na formación de capital humano. De entrada supón reducir o número de axudas con criterios económicos para favorecer estrictamente os académicos, eliminando o valor que ten a educación universitaria como instrumento de nivelación social. Non é necesario lembrar que as medias académicas dos alumnos na fin do bacharelato non son independentes dos centros -públicos ou privados- nos que se cursaron os estudos e dos niveis de renda e cultura familiares. Esa igualación prodúcese por primeira vez na proba de selectividade e despois nas universidades públicas, pois as privadas españolas son na súa maioría fábricas de títulos, que non de cerebros. A lóxica deste programa é sen dúbida a da competencia por individuos que parten de condicións desiguais máis que a de favorecer a igualdade de oportunidades. Miseria competitiva máis que garantía de competencia.

Unha lóxica moi neoconservadora e desigualitaria, pero coherente con quen foron os máximos defensores da LOU, que se completa na obriga do bolseiro de colaborar (difícil entender en qué no primeiro ano de carreira) con profesores universitarios para poder cobrar toda a bolsa. Non parece esta vía a mellor para formar capital humano porque non constitúe un incentivo para que aparezan de verdade os mellores, senón unha selección de individuos que parten de condicións desiguais e que se produce xusto antes de darlles a oportunidade ao máximo número posibel de igualarse na formación. A formación de capital humano é social, non individual, e dase ao longo da vida, non aos 18 anos.

La Voz de Galicia, 21/09/05