Manoel Santos: ONU, coma irreversíbel

Manoel Santos: ONU, coma irreversíbel

Se ao Cumio Mundial das Nacións Unidas celebrado entre os días 14 e 16 en Nova York asistira Valle-Inclán o mundo tería decenas, miles, de obras como Luces de Bohemia e Tirano Banderas amoreadas nas bibliotecas.

A "reunión máis grande de xefes de Estado da historia" navegou tanto polo esperpento, polo absurdo esperpento –permitídeme redundar–, que nin os espellos máis cóncavos imaxinados por don Ramón serían quen de deformar tanto a realidade. Que realidade? Pois a da organización, a da ONU, que ten tanto que ver co espírito da súa carta fundacional como Bush con Greenpeace.

A Asamblea Xeral debía centrarse nos males do mundo, obxectivo primario da alianza que un día berrou "Nós, os pobos…". Tratábase de falar da pobreza, da fame, do analfabetismo, do comercio internacional e os seus inxustos subsidios agrícolas, do cambio climático…, e por suposto da súa reestruturación –todos a ven necesaria pero non se poñen de acordo nas reformas–, sobre todo logo dos escándalos protagonizados polo fillo do Secretario Xeral, que petiscou de máis nun programa Petróleo por Alimentos que xa de por si era un esperpento, unha indecencia humanitaria. Pero a cousa comezou mal e rematou peor.

Á xuntanza chegouse cun ridículo documento previo argallado por 15 selectos países, cando alí se reuniron 175 líderes dos 191 países membros. Un panfleto que só fala de protexer aos civís nos casos de xenocidio –eu pensaba que isto era obvio–, de aumentar un chisquiño as axudas ao desenvolvemento –agora o do 0,7% xa non é un compromiso, senón unha recomendación– ou de engordar o fondo de emerxencia para catástrofes, e isto despois do Katrina, non do Tsunami. Só Cuba e Venezuela rexeitaron ese sistema antidemocrático de proceder. Porén, o texto aprobouse por "consenso", porque iso de votar na ONU xa non se fai ao descuberto.

O dito documento, insuficiente ata para Kofi Annan, foi o único que se sacou en claro porque Estados Unidos saboteou a última hora o que debía ser un avance no compromiso para acadar os Obxectivos do Milenio, pois a reunión foi orixinalmente convocada para pasar balance a estes. O imperio redirixiu o debate cara á loita contra o terrorismo (ata se fracasou no intento de definir o termo), contra o que eles chaman "forzas escuras e de caos que desafían o espírito humano", e cara ás políticas en favor da promoción do libre comercio. Neoliberalismo ou morte.

Foi así como, unha vez máis, se demostrou que a ONU, como ente orientado á paz, atravesa unha agonía irreversíbel dende que a caída da URSS en 1991 deixara unha soa superpotencia no mundo, e especialmente dende que esta lle dera o disparo de gracia coa invasión de Iraq en 2003 e a propia organización se suicidara posteriormente recoñecendo un goberno imposto contra unha das súas resolucións.

Cando se cumpren 60 anos da creación da ONU máis se achega a súa idade de xubilación. A organización que nacera en 1945, con só 50 países independentes no planeta, para que o da II Guerra Mundial non se repetira; aquela que rexeitaba os ataques preventivos que a súa predecesora, a Liga das Nacións, non fora quen de impedir en Albania, Abisinia ou Polonia por parte de italianos e alemáns, hogano xoga coa paranoia duns Estados que xa estudan a posibilidade de actuar contra outros considerados perigosos aínda cando estes non agrediran a ninguén. Bush dixit. E é que, ao cabo, as a-
sembleas esas non son máis que un escaparate no que o comedebalde de turno espera ansioso para gabear á tribuna e falar de boca para fóra sobre concordia, sobre unidade contra a pobreza, sobre alianzas de civilizacións…, mais logo, nos despachos, a única preocupación que teñen é a de mellorar o seu status no órgano que posúe o poder real da ONU, ese Consello de Seguridade co que os cinco vencedores dunha guerra de hai seis décadas (aínda membros permanentes e con dereito a veto!) dominan un mundo que pouco ten que ver co de entón.

E mentres, os Obxectivos do Milenio (que eran para 2015) van camiño de se cumprir…, pois iso, en mil anos, se é que daquela existe a humanidade, ou o planeta. Din que a este ritmo o de reducir á metade os 840 millóns de famentos non se logrará ata 2215 e o de acadar o ensino primario universal xa queda para 2100. No que durou o Cumio, no planeta morreron 86.400 nenos –tres cada segundo– por mor da miseria. É por estas cousas polas que a esperpéntica Organización das Nacións Unidas segue en caída libre cara o abismo da súa desaparición, en coma irreversíbel.

Galicia Hoxe, 25/09/05