Lourenzo Fernández Prieto: A riqueza das universidades

Lourenzo Fernández Prieto: A riqueza das universidades

Co financiamento público que reciben as universidades galegas, en comparación cos niveis europeos ou cataláns, é necesario recoñecer que temos unhas universidades mui rendibeis. Sendo das peor financiadas do Estado, a USC logra manterse no top ten universitario español e as outras dúas suben postos a mata cabalos.

Co financiamento público que reciben as universidades galegas, en comparación cos niveis europeos ou cataláns, é necesario recoñecer que temos unhas universidades mui rendibeis. Sendo das peor financiadas do Estado, a USC logra manterse no top ten universitario español e as outras dúas suben postos a mata cabalos.

A Universidade xa non é descoñecida para a sociedade. Tanta xente pasou pola Universidade galega que profesionais, políticos ou xornalistas teñen ideas propias sobre as súas debilidades e fortalezas. Pero é de cote unha imaxe enganosa, parada no tempo, no quinquenio da súa carreira. A universidade non deixou de mudar nos últimos anos e é non só unha fábrica de títulos.

Hai vintecinco anos, chegamos tantos a Compostela que non tiñamos sillas nin profesores, pasamos unha semana na aula magna, atendidos por algúns voluntariosos cátedros. A maioría dos bedeis eran daquela gardas civís retirados. Os docentes contaban que nas universidades modernas se financiaba a investigación e se valoraba a carreira académica en función de méritos investigadores. Aquí aínda tiñamos catedráticos por méritos de guerra. Aquela sociedade reverenciaba á universidade como intocabel. A actual, por ventura, esíxelle cada vez máis. Todo mudou dentro e fóra.

A universidade galega é hoxe rica en resultados e pobre en recursos. Está empobrecida. A compostelana ata extremos altamente preocupantes e a súa crise xa é pregoada polo Orfeón Donostiarra. Non pode pasarse polo asunto sen un debate social e universitario.

A grande pregunta, ¿por que a USC chegou a esta grave creba financeira? segue sen resposta que ofreza seguridade cara o futuro. Habendo xa un Plan de Equilibrio non se entrou aínda no cerne da deboura. Non é o mesmo ter un Plan para saír do tobo que unha solución de futuro. ¿Son tan ruíns os poderes públicos coa universidade? ¿Gastouse máis do orzamentado?

As respostas coñecidas non serven. O descenso de alumnos era previsibel e a marxe de erro non podía ser tan grande como para provocar esta debacle. Se hai dezaoito anos naceron menos crianzas é doado prever a caída do alumnado. A imprevisión clama ao ceo. O actual Plano de Financiamento recoñécese agora como inadecuado por Xunta e Universidade pero naceu abenzoado por uns e outros. Outro erro manifesto. ¿Ulo a responsabilidade?

Nos últimos vinte anos houbo unha continuidade na xestión política e financeira da USC, agás catro dentro -Rectorado de Villares- e tres fóra -goberno tripartito-, que acrecenta a obriga dos xestores de ofrecer explicacións. En troques, os mesmos que levaron a esta situación pactan unha solución dubidosa. A esixencia social de que as universidades sexan panca do I+D, da formación de cadros, da producción do coñecemento, ten que ir acompañada de medios e de rendición de contas. Mal andamos nos dous sentidos.

La Voz de Galicia, 10/02/04