Senén Barro Ameneiro, Reitor da USC, sobre a mercantilización da Universidade

Senén Barro Ameneiro, Reitor da USC, sobre a mercantilización da Universidade

"...a influenza da externalización da educación superior e a disxuntiva sobre se a educación debe ser entendida como ben público ou como servizo mercantil non resultan inocuos, non xa para a propia consolidación da universidade pública, senón, incluso, para lograr un desenvolvemento sostible, o crecemento en igualdade e maiores cotas de calidade política e institucional nos países. Sendo un tema non secundario para nós, a colonización externa da educación superior é un motivo de especial preocupación en países cun sistema universitario público menos desenvolvido ca o noso, como ocorre coa maioría dos países irmáns latinoamericanos. Estes países corren o risco de “descapitalizar” a medio-longo prazo o sector da educación superior e depender do comportamento volátil das empresas transnacionais de educación. Son países nos que a I+D é aínda unha quimera e, polo tanto, o seu principal obxectivo debe ser potenciar a E+D, a educación e o desenvolvemento. De non facelo así, a célebre cita a Unamuno: “que inventen eles”, podería trocarse nun “que formen eles”, de consecuencias aínda máis nefastas. A USC pode e debe colaborar con estes países na medida das súas posibilidades, e as vías para facelo son múltiples: desde desenvolver iniciativas de formación in situ, de capacitación técnica ou de formación de formadores, ata impulsar proxectos técnicos de cooperación para o desenvolvemento en colaboración coas universidades locais.

O problema da mercantilización da educación non é en absoluto menor. Neste sentido, a comunidade académica internacional –no marco da “Conferencia Mundial de la Educación Superior”, organizada pola UNESCO en 1998–, ratificou o compromiso de defensa da universidade pública, alertando á sociedade e aos gobernos ante as pretensións da Organización Mundial de Comercio (OMC) para incluír a educación superior como unha mercancía máis, susceptible de ser regulada no contexto do “Acordo Xeral sobre o Comercio de Servizos” (AXCS).

Por suposto, na formulación deste debate non se cuestiona a actividade de institucións de dereito privado que actúen con total lexitimidade no campo da educación superior a teor da lexislación vixente. Tampouco se somete a discusión, máis ben ao contrario, o desenvolvemento fluído da educación superior “sen fronteiras”, favorecido polo crecemento das redes de cooperación ou o desenvolvemento da educación virtual. Pero estou convencido de que o investimento privado externo na educación superior dun país debe coexistir cunha adecuada planificación e regulamentación estatal".  (Senén Barro Ameneiro: Autonomía + Responsabilidade = Ética, 10 de Outubro de 2005).

Enlaces USC:

Unha universidade completa e emprendedora con campus de crecemento equilibrado para dar resposta ás demandas da sociedade a través de servizos de calidade. (Lema da web institucional da USC)