Galicia: As escolas rurais unitarias loitan por sobrevivir ante o descenso de alumnos
Galicia: As escolas rurais unitarias loitan por sobrevivir ante o descenso de alumnos
Nos derradeiros catro anos pecharon en Galicia 100 centros e agora só quedan 281
Educación promove o modelo de centro rural agrupado para garantir a súa continuidade
O fantasma do peche non deixa de ameazar a moitas das escolas unitarias que perviven en Galicia. O número de escolares de infantil e primaria na comunidade diminúe. Hoxe nas aulas, tanto das escolas públicas como privadas, estudan 181.684 rapaces, o que significa unha perda respecto ao curso pasado de 2.857 escolares.
Esta perda de alumnado é moi preocupante para as escolas unitarias, onde a caída de estudantes ten consecuencias drásticas. Trátase de centros semellantes ás vellas escolas de antes, situadas nas parroquias e cun só mestre. Nas unitarias, o descenso de matrícula tradúcese no peche do centro. As estatísticas non enganan. Se no año 2001 había 385 unitarias, hoxe son 281.
Para evitar a desaparición da escola rural, xurdiu en Galicia a figura dos colexios rurais agrupados (CRA), que intentan manter as unitarias pese ao descenso de alumnos.
Trátase da suma de unitarias da parroquia, que comparten os mestres de especialidades, como música, educación física, ou idiomas. A sede do CRA ubícase na localidade máis céntrica, e neste local realízanse as reunións de mestres e instálase o material de oficina (ordenadores, impresora, despachos...).
En Galicia, o ano pasado había vinte CRA. A fórmula xurdiu en Galicia, e outras comunidades, como Castela e León e Asturias, tentaron levar a cabo un modelo semellante. Estes centros, nos que se comparte ao profesorado especialista, son a única solución para ter máis recursos humanos. As escolas unitarias que non forman parte dun CRA en Galicia teñen que conformarse co esforzo dun único mestre, aínda que nalgúns casos o profesor de Relixión imparte clases de modo itinerante.
Apoios
Os mestres apoian este tipo de centros. Margarita Lema cre que «a mezcla de nenos de varias idades nunha aula é positiva». A súa compañeira Mercedes Riego engade que nestas escolas xurde «moitísima máis relación cos pais».
Cando o acompañante escolar nos autobuses estea totalmente implantado, o futuro destes centros empeorará. Actualmente moitas destas escolas perviven pola necesidade de escolarizar aos alumnos de tres anos, que non poden ir en autocar.
As zonas rurais afastadas das cidades enfróntanse a unha perda de poboación inevitable. Nos concellos próximos a núcleos urbanos outro factor xoga en contra. As urbanizacións de xente que traballa nas cidades levan aos nenos a colexios grandes.
Os recursos cos que se dota ás unitarias son suficientes en canto a material didáctico e incorporación das novas tecnoloxías. No entanto, adoitan situarse en vellas escolas ás que non lles viría mal unha man de pintura.
En teoría, a Xunta toma como referencia unha matrícula de sete alumnos para determinar se unha escola segue adiante ou pecha. Pero, na práctica, se non existe unha fórmula para escolarizar a nenos de 3 anos, mantense o centro.
Outro sistema para escolarizar no rural é o programa Preescolar na Casa , pensado para que os pais se convertan nos educadores dos seus fillos. Os proxenitores asisten a reunións semanais ou quincenais nas que se lles orienta para impartir clases aos nenos.
O descenso de alumnos non se traduce unicamente no peche de unitarias, senón que o número de aulas dos colexios públicos e privados tamén baixou nos últimos tempos. Hai dous anos había en Galicia 19.670 unidades. Neste curso están abertas 19.209 aulas nos colexios públicos e privados.
La Voz de Galicia, 17/10/05
- 1858 lecturas

