Alfonso García Tobío e Juan Carlos Pardo Pérez: Patentes: a mercantilización do coñecemento

Alfonso García Tobío e Juan Carlos Pardo Pérez: Patentes: a mercantilización do coñecemento

Patentado

Do mesmo xeito que a sanidade, a cultura, a educación, a biosfera e moitos outros sectores que forman parte da categoría de ben público e colectivo, a investigación prégase cada vez máis ás esixencias dos mercados financeiros: mercantilización de saberes e coñecementos, flexibilización e precarización do seu persoal, contratos por obxectivos e de rendibilidade ao servizo dos intereses privados, sumisión á competencia e á concorrencia. Se a investigación non foi nunca neutra, as orientacións e mutacións que sufríu nas dúas últimas décadas está a alonxala radicalmente das súas misións iniciais (producción de saberes e coñecementos, preservación dun marco de independencia) sen que por iso se producira nunca un debate sobre as súas misións actuais e futuras.

A idea de que o progreso científico vai acompañado automaticamente dun progreso moral, humano e social é hoxe en día cuestionada. A humanidade afronta as crises e problemas en virtude ou a pesar deste progreso: a pobreza e a fame seguen sen ser combatidas, as armas nucleares proliferan, as catástrofes ambientais multiplícanse, a inxustiza social aumenta, etc. A mercantilización neoliberal privilexia os intereses dos laboratorios farmacéuticos, por diante dos dos enfermos, os das firmas agroalimentarias aos de agricultores e consumidores... As políticas públicas de investigación non fixeron senon acompañar ese proceso de "valorización" económica no que os resultados das investigacións son cada vez máis xulgados a partir dos mercados financeiros.

O sistema de patentado sistemático do coñecemento e da biosfera imponse así a todo o planeta por medio dos acordos da OMC de 1994 sobre a propiedade intelectual. En moitos sectores, son hoxe as empresas privadas as que orientan a investigación, e as Universidades vense empurradas a venderlles os seus servizos, a patentar os coñecementos, a comercializar os saberes.

Esta supremacía das lóxicas de rendibilidade financeira a curto prazo sobre a investigación, limita a capacidade colectiva das nosas sociedades de producir coñecementos libres e desenvolver innovacións de interese xeral (saúde pública, desenvolvemento e agricultura sostibles, software libre, etc.). As actividades técnicas e económicas humanas invadiron o conxunto da biosfera. O diñeiro chegou a ser a medida de todas as cousas. Tamén da investigación e do coñecemento.