Galicia: As tres universidades patentan un de cada cinco inventos de Galicia

Galicia: As tres universidades patentan un de cada cinco inventos de Galicia
As empresas rexistran o 30% dos descubrimentos, pero con moita colaboración dos campus
O ano pasado contabilizáronse na comunidade 222 invencións e modelos de utilidade

A competividade baséase na capacidade de innovación. O xerme moitas veces está nun pequeno curruncho da Universidade, na soidade do microscopio. Durante o ano pasado, rexistráronse en Galicia 222 inventos e modelos de utilidade fronte aos 165 do 2001. No conxunto de España o ano pasado houbo 5.648 inventos.

Segundo o Servizo Galego de Propiedade Industrial, o 50% das solicitudes de inventos foron presentadas por persoas físicas, o 30% polas empresas e 20% polas universidades. Non obstante, moitos inventos rexistrados polas empresas non existirían sen o traballo dos investigadores das facultades. O que ocorre é que os convenios sinalan que é a empresa a que rexistra a patente.

No ámbito dos campus galegos, o de Compostela rexistrou 18 patentes no 2004. Un terzo delas son na área de Biomedicina e Farmacia, o resto repártese en materiais, acuicultura e tecnoloxía ambiental. No campus de Vigo contabilizáronse 14 inventos só no ano pasado. O resto ata a corentena corresponden á Universidade da Coruña.

Os inventos débense rexistrar na oficina do Servizo Galego da Propiedade Industrial, que se atopa en Santiago.

O monopolio da explotación das patentes está limitado a 20 anos dende a presentación da solicitude. No caso dos modelos de utilidade, caducan aos 10 anos. Estes non son inventos propiamente ditos senón innovacións sobre algún deles que presentan vantaxe en canto a súa utilidade.

Durante o período de monopolio hai que pagar cada ano unha taxa de renovación.

Nos deseños industriais está limitado a 25 anos. Para marcas non existe limite temporal, é dicir, non caducan, coa condición de pagar cada 10 anos unha taxa de renovación.

Custo

O Servizo Galego da Propiedade Industrial actúa como delegación da Oficina de Patentes e Marcas, xa que o rexistro e explotación das marcas e unha competencia do Estado. A obtención do rexistro dunha marca custa 143 euros, dun deseño, 83; dun modelo de utilidade, 111, e dunha patente, 1.100. Para inscribir unha marca no ámbito da Unión Europea hai que acudir á Oficina da Armonización do Mercado Interior. A consecución dunha marca no ámbito europeo custa 2.075 euros e un deseño comunitario, 350. É básico para as empresas a inscrición europea porque en caso de que queiran exportar necesitan esta patente.

Dende a Universidade galega creáronse centos de modelos de utilidade e patentes que teñen unha grande aplicación na vida económica de Galicia. Por exemplo, hai dous anos os investigadores determinaron un sistema para a detección precoz das mareas vemellas que, de cando en vez, impiden o marisqueo nas rías. Outro exemplo é o deseño de mellores próteses sanitarias. Todos eles redundarán na economía nos seus termos máis amplos.

La Voz de Galicia, 24/10/05