UV: A Universidade rexistrou 62 patentes en catro anos

UV: A Universidade rexistrou 62 patentes en catro anos
Abranguen inventos e procedementos

Dende un sistema de aforro enerxético para o uso de auga quente ata unha capota ríxida despregable para cadeiras de rodas. As achegas patentadas pola Universidade abranguen múltiples usos e ámbitos de traballo, provindo de todos os ámbitos de saber, mesmo das Humanidades. Dende o inicio da tramitación dos logros dos laboratorios dos tres campus, no 1992, rexistráronse 75 patentes nacionais xunto a 3 marcas e 10 modelos de utilidade. Do total de licenzas acadadas, soamente 3 contan na actualidade con explotación comercial. Porén, o responsable da Área de Patentes da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación, Anxo Moreiras, precisa que a baixa porcentaxe de comercialización dos enxeños universitarios explícase polo mesmo carácter da investigación, non dirixida exclusivamente á rendibilidade económica e pola exención de taxas das descubertas universitarias á hora de rexistrarse na Oficina Española de Patentes e Marcas. “o que provoca que non se faga, como acontece cos inventos privados, un estudo da viabilidade no mercado da idea nin das súas posibles aplicacións na industria”.

Por departamentos, o maior número de patentes corresponde á Física Aplicada, responsable de 29 licenzas, seguida de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía máis Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos, ambos con 9. No último ano, no que en Galicia inscribíronse 220 descubrimentos, tramitáronse 15 solicitudes de propiedade industrial, sendo de dous anos a espera media ata acadar a concesión. Malia constatar un crecente interese nos investigadores por obter a protección das súas descubertas, Moreira sinala que frecuentemente esta se malogra por mero descoñecemento do procedemento a seguir. “Dado que o requirimento primordial é a novidade, a súa publicación científica previa do aparello ou metodoloxía proposta invalida a patente”, apón.

Beneficios

No caso de seren explotadas comercialmente, os beneficios dos rexistros universitarios repártense nun 50% para o grupo de investigación, o 25 % para o departamento ao que pertenza e o outro 25% para a Universidade, xa que cómpre non esquecer que a institución é a propietaria destas achegas.

Da cifra total de invencións 8 acadaron a patente internacional e 3 a europea, o que favorece a súa comercialización no estranxeiro pero que, segundo subliña Moreira, esixe o pago dun canon.

Aparte da tramitación de patentes, os investigadores xestionan marcas e modelos de utilidade, que fronte á invención ofrecen unha mellora de produtos ou métodos xa existentes. Arestora, dúas marcas universitarias funcionan no mercado galego, Imatia, no eido dos sistemas da información, e Sontitum, dentro da enxeñería acústica.

DUVI, 25/10/05