Carlos Taibo: Explotación e inxustiza

Carlos Taibo: Explotación e inxustiza

Nos últimos dias, e como tantos outros, procurei pescudar nas razóns que veñen explicar o que ocorre en moitas localidades francesas. Falei con colegas, lin unha chea de artigos, escoitei un bo feixe de entrevistas, perdin-me en Internet e repasei, en fin, o que xa cria saber.

A dicir verdade, non atopei ningún pensamento particularmente orixinal. Isto, que nunha primeira ollada é un estímulo para o desacougo, pareceu-me, porén, rechamante: as teses orixinais faltan porque, por unha vez, o que acontece en Fráncia está razoabelmente claro e non soergue dúbidas maiores. Se cadra queda pendente de resposta unha pregunta de interese menor: a que se interroga polas razóns que explicarian por que o que temos entre mans estoupou agora e non hai uns anos. É certo, si, que, da man do vello Marcuse, poderiamos outorgar-lle á pregunta un relevo imprevisto. O filósofo alemán adoitaba afirmar que o raro nas nosas sociedades non é que a loucura se achegue a uns poucos dos nosos concidadáns: o realmente estraño é que a maioria destes consiga ficar lonxe daquela. Iso, e non outra cousa, é o que mereceria unha explicación.

Quen mais e quen menos, mesmo os pouco propensos a asumiren estas explicacións, acepta hoxe que nos nosos empórios de prosperidade e civilización son moitos os problemas que quedan por resolver. Estariamos, se así se quere, diante dun trasunto local do que algúns albiscamos no magma xeral da idolatrada globalización capitalista. É importante lembrar como moitos expertos que hai só media dúcia de anos defendian sen receo o proxecto correspondente seica empezasen a ver-lle as orellas ao lobo e arribasen paseniño a unha conclusión inquietante: de perseverar unha poxa inmoderada en proveito da xestación dun paraíso fiscal de escala planetária, de tal xeito que os capitais haberán de mover-se sen ningunha pexa, acantoando aos poderes políticos tradicionais e prescindindo de calquera consideración de cariz humano, social e ecolóxico, ben podemos adentrar-nos nun escenário de caos xeneralizado que escape do control, e tamén dos intereses, de quen puxeron en marcha as prácticas invocadas.

Describamos os feitos así ou botemos man doutros termos similares, haberá que convir que o discurso da direita conservadora --curiosa redundáncia esta-- algo ten de suicida e prepotente. O esforzo, inocultado, encamiñado a obter o máximo benefício no menor tempo posíbel ve-se decote acompañado da firme aseveración de que os problemas conseguintes se enfrontan de maneira suficiente con disciplina e orde. Polo que vexo, hai quen, nesta póla, se contenta con agardar presuntos prémios eleitorais a costa de ignorar que o mais sinxelo é que, con eses vímbios, as cousas empeoren.

É verdade que entre os representantes desa direita non faltan quen gozan dun feliz sentido do humor. Velaí está, por exemplo, o alcalde de Marsella, quen, preguntado polas razóns que daban conta de por que na sua cidade as algaradas nocturnas semellaban menores, non dubidou en responder que conseguiran controlar saudabelmente a información sobre os incidentes, tanto mais canto que en Marsella se queiman carros todo o ano... Jean-Claude Gaudin engadia, mesmo así, que na sua cidade dispuñan dun arma secreta: o Olympique de Marsella --de infeliz lembranza na Coruña-- permitia rebaixar, rapidamente, eventuais diferéncias de critério en proveito dun san horizonte común.

Cheguemos, sen embargo, ao que, ao meu entender, é o principal de canto temos entre mans. Que o que acontece en Fráncia nestas horas moito lle debe aos avatares dos inmigrantes e dos seus descendentes parece fóra de discusión. Nada seria mais equivocado, porén, que esquecer que hai moitas xentes que padecen a mesma miséria e que non son nin inmigrantes, nin fillos nin netos destes. Neste terreo o diagnóstico ten que ser firme: se nos liberamos dos floriléxios retóricos ao uso, o que tantas análises subliñan é que só os inmigrantes, en virtude das suas presuntas taras culturais e formacionais, e se cadra dos nosos prexuizos, vivirian na marxinación e protagonizarian, de resultas, altercados. Esquece-se que o que se albisca é, por riba de todo, a lacra dunha explotación cotián que non remite en exclusiva á condición dos inmigrantes, senón á mais xeral, claro, dos explotados.

Os nosos gobernantes gustan de tolerar, magnánimos, as diferéncias --étnicas, relixiosas...--, mas non mostran maior preocupación, en troques, polas inxustizas e a desigualdade. Tal vez porque a contestación dos intereses que están detrás destas duas reclaman dunha enerxia, e dunha asunción de riscos, moi afastadas das demandadas polo tratamento das diferéncias étnicas ou culturais. Non nos enganemos: son a explotación e a desigualdade as que dificultan a 'integración', e non a existéncia desas diferéncias.

Como quer que o problema radica, xa que logo, non na inmigración, senón na condición, profundamente inxusta, das nosas sociedades, a conclusión parece servida: hai poucos motivos para ser optimistas no que respecta á resolución razoábel dos problemas de fondo que explican a revolta francesa destes dias.

Vieiros, 14/11/05