Cume Mundial Sobre a Sociedade da Información: Túnez, 16-18 de Novembro

Cume Mundial Sobre a Sociedade da Información: Túnez, 16-18 de Novembro

 CMSI

Líderes mundiais e executivos de corporacións globais debaterán en Túnez, entre o 16 e o 18 de novembro, o precario acceso dos países subdesenvolvidos á información e ás tecnoloxías da información e da comunicación.

Polo menos 45 xefes de Estado e ministros confirmaron a súa participación no encontro, que constitúe a segunda e última fase do Cume Mundial sobre a Sociedade da Información, cuxa primeira fase se celebrou en Xenebra en 2003.

De acordo con Arthur Levin, un dos funcionarios da ONU a cargo da preparación deste encontro, entre os temas neurálxicos na axenda de debates figura o goberno de Internet.

Estados Unidos négase a que esa responsabilidade sexa asumida por ningún organismo da ONU, o que permite prever agrias discusións ao respecto.

"Aínda non está claro cal será o resultado dos debates en Túnez sobre o goberno de Internet, aínda que hai un acordo relativamente amplo sobre unha definición dese asunto", comentou Levin.

Para o xefe de relacións públicas da Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT), "as preocupacións de algúns ante un presunto control da ONU sobre Internet non reflicten a realidade".

Outros asuntos que serán sometidos a debate entre representantes de gobernos, xefes de corporacións e altos funcionarios dos sectores públicos e privados inclúen o financiamiento e o cumprimento dos compromisos contraídos na cita de Xenebra.

"O proxecto de declaración final da reunión en Túnez insiste na necesidade dun mecanismo de financiamento para axudar ao despregamento de infraestructuras de comunicación no mundo subdesenvolvido", dixo Levin.

De acordo con estimacións da UIT, 800 mil poboacións do mundo subdesenvolvido aínda carecen de conexión por liña telefónica, Internet ou outra moderna tecnoloxía de comunicación e información.

Ademáis, os 942 millóns de persoas que viven en países desenvolvidos teñen cinco veces mellor acceso aos servizos de teléfono móbil e fixo, así como nove veces mellor acceso a Internet que o 85 por cento da poboación subdesenvolvida.

Outras novas relacionadas: