Alfonso García Tobío e Juan Carlos Pardo Pérez: Reitores

Alfonso García Tobío e Juan Carlos Pardo Pérez: Reitores

(Versión en español)

Hoxe enteirámonos de varias cousas. O informe de Onusida avísanos de que nun ano hai cinco millóns máis de infectados de sida e que a enfermidade medra a un ritmo de 14.000 novas infeccións ao día, o 64% delas na África subsahariana. No norleste de Delhi, preto de 500 nenos de entre 7 e 15 anos foron liberados da escravitude que sufrían nunha decena de fábricas. O informe da FAO di que seis millóns de nenos morren cada ano porque os seus sistemas inmunes están debilitados pola fame e a malnutrición, o que lles fai incapaces de superar enfermidades infecciosas curables como a diarrea, o sarampelo ou a malaria. En México, o subsecretario de Seguridade Pública federal, Miguel Ángel Yunes, invita aos empresarios a investir en cárceres como "...unha posibilidade de facer negocio en materia de seguridade". En Níger, segundo a organización Oxfam, máis de 3 millóns de persoas, dunha poboación total de 11 millóns, se enfrontan á fame . De aquelas, 800.000 son nenos. O karoshi (morte por exceso de traballo), que apareceu en Xapón hai décadas, chegou a China, onde millóns de persoas están en perigo por agotamento acumulado, ao non poder seguir o ritmo que marca a trepidante economía asiática. E o presidente do Consello Pontificio para a saúde, cardeal Javier Lozano Barragán, asegurou que a Santísima Trinidade se atopa dentro do ADN.

Fronte a estes problemas (uns moito máis serios que outros) o da privatización das universidades parece empequenecer. Non é, sen embargo, na nosa opinión, un problema menor, porque en definitiva do que se trata é de decidir como, neste contexto, formamos ás novas xeracións. E para iso hai que decidir se debemos facer a mellor universidade para formar aos nosos fillos ou a a mellor universidade para vender. Son dous modelos de universidade radicalmente distintos (1).

Hai uns cantos anos que as universidades están embarcadas no denominado "proceso de Boloña", que foi asumido desde o primeiro momento polos Reitores das universidades españolas de forma entusiástica e sen un mínimo de reflexión crítica, e que, en sintonía coas políticas neoliberais dirixidas á "liberalización" dos servizos (2), supón a creación dun gran supermercado europeo de educación superior. Aínda hoxe, Pello Salaburu, ex Reitor da Universidade do País Vasco, nun artigo publicado no Diario Vasco, amósase sorprendido de que alguén poida dicir "Boloña non", dado que as súas bondades parecen ser máis evidentes que "as propiedades nutritivas da espinaca". Ao seu xuízo, manter que se está a privatizar, a mercantilizar, a empresarializar, a elitizar a universidade, que se van suprimir as carreiras pouco rendibles (3), son crenzas que están "máis preto da relixión que da realidade". E para argumentar tales asertos tan só repite o sonsonete da propaganda oficial: Boloña "quere impulsar cambios paulatinos nos sistemas universitarios de cada país de forma que se estableza un sistema comprensible e comparable de diplomas e títulos en toda Europa". É curioso: parece non decatarse de que ese "sistema comprensible e comparable de diplomas e títulos" tan só pode xustificarse pola pretensión de constituír un mercado de educación superior.

Esta foi e segue a ser a posición abrumadoramente dominante entre os Reitores en España (hai algunha excepción?). Tal vez, enleados no día a día, descoñezan as políticas de desmantelamento da Universidade Pública impulsada pola Organización Mundial de Comercio, o Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional, a European Round Table...; acaso non estean ao tanto das negociacións en torno ao Acordo Xeral de Comercialización de Servizos; pode que ignoren os movementos que están a acometer as grandes empresas multinacionais da educación; tal vez non saiban interpretar o significado das políticas de estrangulamento presupostario combinadas con políticas de "calidade", de avaliación, de acreditación, de pago por incentivos, de suba das taxas, de créditos ao estudio...; quizáis non estean ao tanto do que xa ocorreu noutros países que levan máis adiantado o proceso. Ou pode que coñezan todo iso e, sen embargo, estean firmemente de acordo coa mercantilización da Universidade.

Non hai moito tempo comentabámoslle a un profesor moi comprometido co proceso de Boloña que, na nosa opinión, o establecemento dos posgraos significaba a privatización dos actuais segundos ciclos, o custo dos cales pasaría a ser pagado integramente polos estudiantes. O tal profesor, en tono displicente, contestou: "Que va¡ Van ser a prezos públicos¡". A prezos públicos. Que significa iso? Que non haberá que pagalos? Nin moito menos. O que quere dicir é que a administración correspondente acreditará cada curso a un prezo determinado, que haberá que pagar. Pero estarán subvencionados? Iso dependerá de cada administración (¡mentres a OMC non "liberalice" totalmente a educación superior, prohibindo as subvencións!). Por exemplo, a Comunidade de Murcia non os subvencionará. Segundo o consejero de Educación, Juan Ramón Medina Precioso, "los cursos de posgrado nunca han sido subvencionados. No es enseñanza obligatoria y cada Universidad los pone porque quiere". O reitor da UMU, José Ballesta, amosouse moi preocupado, porque "serán los estudiantes los que se tendrán que hacer cargo de la totalidad del coste de estos cursos". O señor Medina Precioso teno claro: "las universidades tienen que demostrar ahora que son competitivas". É dicir, teñen que funcionar en condicións de mercado: que vendan o que lles compren.

O temor á privatización empeza a estenderse entre os reitores, que lle ven as orellas ao lobo cando xa o lobo está completamente á vista, e así hoxe mesmo o reitor da Universidade de Valladolid, Jesús María Sanz Serna, manifestaba as súas angurias ao respecto. Temendo que a administración, como no caso de Murcia, tampouco financie os másters (é dicir, os actuais segundos ciclos), quere manter a esperanza de que finalmente as institucións encargadas de soster con fondos públicos a educación de calidade non caigan no erro de interpretar os novos programas para reducir recursos, "por ejemplo para sufragar el primer ciclo, pero no el segundo, y dejar la carga en los alumnos".

O problema da privatización da universidade fora pouco antes enfocado polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro Ameneiro, para quen "a disxuntiva sobre se a educación debe ser entendida como ben público ou como servizo mercantil non resultan inocuos, non xa para a propia consolidación da universidade pública, senón, incluso, para lograr un desenvolvemento sostible, o crecemento en igualdade e maiores cotas de calidade política e institucional nos países. Sendo un tema non secundario para nós, a colonización externa da educación superior é un motivo de especial preocupación en países cun sistema universitario público menos desenvolvido ca o noso, como ocorre coa maioría dos países irmáns latinoamericanos". Da explicación do señor Reitor non nos queda claro que é o que se propón facer ao respecto (4).

Parece que cada vez somos máis os que pensamos que a privatización da universidade é un serio e grave problema, e non unha mera "crenza relixiosa". Xa se pronunciaron neste sentido, de forma reiterada, os reitores latinoamericanos (5), sindicatos de profesores e estudiantes de América Latina (6), 2522 profesores de universidades europeas que asinaron o manifesto ¿Que educación superior europea? (7), os estudiantes que o pasado día 16 se manifestaron en diversas cidades en contra da  mercantilización da educación (8) e outras múltiples persoas e ámbitos institucionais (9). A lista faríase inacabable. O último en pronunciarse neste sentido, hoxe mesmo, foi o Claustro da Universidade de La Laguna, que expresou a súa oposición á Lei Orgánica de Universidades (LOU), por considerar que dita normativa é "regresiva y privatizadora, así como decepcionante, mal escrita y ambigua".

Parece que vai chegando o momento de debater todo isto en serio e en profundidade. Cada quen, desde o seu ámbito ou desde o posto que ocupe, terá que asumir a súa responsabilidade.

Notas:

(1) Pode consultarse: Juan Carlos Pardo Pérez e Alfonso García Tobío (1999): Transicións sociais, sociedade da información e educación escolar, Juan Carlos Pardo Pérez e Alfonso García Tobío: Neoliberalismo e educación (outubro de 2001), Alfonso García Tobío e Juan Carlos Pardo Pérez: As políticas neoliberais na Universidade (28/02/04), Juan Carlos Pardo Pérez e Alfonso García Tobío: O significado das políticas de calidade na Universidade (27/05/05), especial fírgoa: Sobre calidade da educación (19/01/05).

(2) Pode consultarse Monografías fírgoa nº 1: Privatización da educaciónMonografías fírgoa nº 2: AXCS: Acordo Xeral sobre o Comercio de Servicios (30/07/04), e as seccións de fírgoa Acordo Xeral sobre Comercio de Servicios, Empresarialización e Privatización.

(3) Pode consultarse o especial fírgoa O Catálogo de Titulacións e o "axuste" universitario (02/05/05).

(4) O caso da USC resulta paradigmático dun xeito de actualización do discurso oficial que choca frontalmente coas actuacións reais: a promoción da cultura empresarial (retoricamente denominada "emprendedora") a través dunha enorme gama de propostas e actividades, a continuada externalización de procesos e servizos, a penetración en actividades netamente empresariais (Unitenda, Uninvest, Unirisco, promoción urbanística de Galeras,...), o despregamento dunha política de calidade de corte nidiamente neoliberal (enquisas de satisfacción do cliente, certificacións de calidade por instancias externas, pago por rendemento...). Pode consultarse Juan Carlos Pardo Pérez e Alfonso García Tobío: Apuntes sobre o “Plano Estratéxico” e sobre as liñas de acción do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación (27/04/04), Alfonso García Tobío e Juan Carlos Pardo Pérez: A Universidade: ¿Servicio Público ou negocio? Carta aberta a Senén Barro Ameneiro, Reitor da USC (31/05/04) e o especial fírgoa Senén Barro Ameneiro, Reitor da USC, sobre a mercantilización da Universidade (14/10/05), ademáis da sección de fírgoa Novas USC.

(5) Entre outras moitas novas recollidas en fírgoa, poden consultarse as seguintes: IV Cumbre Iberoamericana de Rectores de Universidades Públicas: Carta de San Salvador (12/12/03), Rectores de 17 países alertan del riesgo de tratar la universidad como una mercancía (20/02/04), Rectores de América Latina y Caribe, contra el neoliberalismo (02/05/04), Rectores latinoamericanos se unirán para combatir el neoliberalismo (29/05/04), etc., etc.

(6) Declaración de Bogotá: I Encuentro Nacional de Universidades Públicas (03/11/01), etc.

(7) Pode consultarse a web da Universidade Complutense de Madrid: Debate sobre la Convergencia Europea, levada polo colectivo Profesores por el Conocimiento.

(8) Manifestaciones contra la reforma universitaria en toda Europa (16/11/05).

(9) Pode consultarse o especial fírgoa: O supermercado de Boloña (05/11/05).