USC: Senén Barro: «Tenderé la mano para formar un gobierno de coalición en la USC»

USC: Senén Barro: «Tenderé la mano para formar un gobierno de coalición en la USC»

Leva á fronte da Universidade de Santiago de Compostela (USC) algo máis de tres anos, un tempo no que o seu principal reto foi reconducir a delicada situación económica da institución, que obrigou á posta en marcha dun milimétrico plan de axuste.

O vindeiro ano será o último deste marco de contención do gasto, pero tamén será ano electoral. Barro volverá ser candidato, pero desta vez téndelle a man á oposición para lograr un goberno de coalición, “ampliando apoios”, para acadar unha Reitoría de pleno consenso. Os retos do espazo europeo, que esixen un máximo nivel tanto en docencia, como en investigación e servizos á sociedade, así o requiren, recalca.

- A licitación do aulario do Campus da Saúde saíu a concurso esta semana, ¿que prazos se barallan para o resto do proxecto?

- En 2006 rematarase o aulario e iniciarase a construción doutros centros, entre eles o de Investigación en Medicina (Cimus), e previsiblemente Enfermería e Odontoloxía, algo que teremos que concretar con centros implicados e ao fío do proxecto do arquitecto Manuel Gallego, que é enormemente interesante pero con dificultades polas limitacións de solo. Avanzamos moito dende 2002; entón só dispuñamos de 9.000 metros cadrados e agora temos uns 55.000, pero aínda así non é dabondo para facer un deseño libre de ataduras dadas as propias limitacións de espazo que hai no contorno do campus e do hospital. Pero temos un proxecto que non é un simple traslado de centros, é un proxecto para as próximas décadas, que engarza perfectamente co complexo hospitalario, un proxecto de grande envergadura porque estamos convencidos de que a USC e Galicia nos estamos xogando moito no ámbito das ciencias da saúde.

- Podería ser todo un motor económico grazas a centros como o de Ciencias da Vida, que porán en marcha co CSIC e coa Xunta...

- Si, nuns poucos anos deberiamos dar un gran salto cualitativo e constituír un biopolo de envergadura, atreveríame a dicir que mesmo internacional.

- O ano que vén a USC finaliza o plan de axuste económico e financeiro. A súa execución parece ir ben, ¿permitirá que 2006 sexa máis flexible no que ás contas se refire?

- Creo que estamos claramente nun proceso exitoso de recondución da situación, pero o ano que vén aínda vai supoñer un esforzo grande de contención do gasto porque hai que presentar un orzamento equilibrado, sen recorrer ao endebedamento. En calquera caso, asumímolo con ilusión e co estímulo de que estamos con claridade saíndo da crise, que foi o noso principal reto durante estes anos.

- ¿Pero o 2007 permitirá xa máis recursos para os moitos proxectos que se poidan abordar?

- Teño que dicir que, sen dúbida, unha vez concluída a execución plena do plan de equilibrio, a situación vai mellorar progresivamente para a USC.

- ¿E unha vez superada a crise económica, cal sería o reto da USC para os próximos catro anos?

- Por primeira vez haberá que facer unha aposta rotunda ao mesmo tempo en todas as dimensións universitarias. Nalgúns momentos pasouse por unha situación cun claro reto centrado en docencia e reforma dos plans de estudos; noutros, entendeuse que a aposta firme tiña que centrarse na investigación. Agora o reto é integral porque nos vindeiros catro anos se conformará en boa medida a nosa integración no espazo europeo de educación superior. Temos que asumir a reorganización da oferta de títulos de grao e a construción dos posgraos, que vai supoñer un esforzo titánico. Pero a USC tamén debe apostar firmemente pola investigación e a conexión co seu contorno, axudando a crear riqueza e atraer investimentos externos, reafirmando o concepto de universidade emprendedora no social.

- E vostede xa está decidido a presentarse á reelección para encabezar estes retos...

- Si, por suposto. Estou á disposición da comunidade universitaria para seguir sendo reitor porque creo que se pode facer moito pola USC desde esta posición e porque despois de tres longos anos liderando un proceso de franca recuperación económica, e dunha mellora substancial da percepción social da USC, un gaña moita experiencia. E creo que podo desempeñar ben ese papel, así que me gustaría seguir á fronte da USC neses catro anos cruciais, xa sen a lousa do que supuxo unha depresión económica enorme.

- A primavera pasada houbo un intento fallido de integrar no goberno a Universidade Aberta (UA), o grupo do profesorado na oposición, ¿hai novos contactos para analizar unha candidatura conxunta?

- Eu sempre intensifiquei os contactos con todos os sectores de toda a comunidade universitaria, e en particular con Universidade Aberta como referente da oposición. E desde logo creo que esa é unha das bazas que poden facilitar que haxa unha candidatura de consenso. Agora hai contactos desde o punto de vista do ofrecemento de conformala, algo que sempre mantiven, claro hai que entender que hai tempo dabondo ata as eleccións para que os contactos poidan callar. Pero insisto en que estou plenamente convencido de que é o momento idóneo para que a USC teña un goberno de coalición precisamente polo que dixen antes, porque nunca imos ter que apostar de forma global por cada un dos vectores da universidade.

- ¿E non cre que así pode perder apoios pola banda de Converxencia Universitaria?

- Eu non podo falar por boca de ningún grupo, pero estou seguro de que non será así. Nestes anos Converxencia foi un importante apoio e a miña aposta é ampliar socios, en ningún momento substituílos. Buscamos un goberno máis representativo. Coido que non hai mellor maneira de afrontar os retos da USC que cun goberno formado por todos.

Catedrático e xestor tamén precoz

Senén Barro (As Pontes) fixo esta semana 43 anos. Coas rendas da USC fíxose antes dos 40, aínda que nun dos períodos recentes máis críticos da institución. A experiencia foi dura, pero considera que a universidade está a superar a crise económica con éxito e encara un futuro esperanzador que espera liderar catro anos máis. A cambio, terá que seguir nun segundo plano o seu labor na cátedra de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial -en Física- que gañou con só 32 anos

El Correo Gallego, 27/11/05