Duro alegato de Pinter contra Bush e Blair no discurso do Nobel

Duro alegato de Pinter contra Bush e Blair no discurso do Nobel
¿Cantos seres humanos deben morrer para que cualifiquemos os seus responsables como criminais de guerra?

O silencio dos aludidos e o xúbilo da gran masa de esquerda. Así recibiron onte o crítico discurso que o Premio Nobel de Literatura 2005, Harold Pinter, pronunciou o mércores en Estocolmo contra a política de Bush e os Estados Unidos.

Ausente por prescrición médica, debido ao tratamento contra un cancro ao que está a ser sometido, Pinter recorreu, como estaba previsto, a unha gravación en vídeo, pero non por iso a súa voz soou menos contundente na sede da Real Academia Sueca, e fixo honra á súa coñecida fama de escritor comprometido. Arte, verdade e política foi o título do discurso, que se inicia cunha análise sobre a verdade no drama e a vida real: no primeiro caso, o que importa é a súa busca e dá igual o falso e o verdadeiro, o irreal e o real; no outro, si, e é preciso distinguilos. Pinter confesou que as súas obras nacían "dunha liña, unha palabra, unha imaxe" e que entendía o proceso de creación de personaxes literarios como "incerto, mesmo alucinatorio, aínda que ás veces poida ser unha avalancha imparable".

A maioría dos políticos, segundo indicou o Nobel, non están interesados na verdade, senón no poder e no seu mantemento, "para o que é esencial que a xente permaneza na ignorancia", mesmo sobre as súas vidas; "por iso o que nos rodea é un vasto tapiz de mentiras do que nos alimentamos".

Sobre a evidencia dos "falsos" motivos que orixinaron a guerra de Iraq, Pinter fixo un repaso descarnado pola política exterior de Estados Unidos tras a Segunda Guerra Mundial, cuxos "crimes", a diferenza das "atrocidades" da URSS, non só non foron documentados, senón que "de ningún modo son considerados como tales". Boa parte deste repaso histórico centrouse na "traxedia" de Nicaragua na época da Revolución sandinista, que o dramaturgo considera un caso significativo da política de EEUU.

Aínda que criticou a arrogancia e as contradicións dos sandinistas, Pinter defendeu os seus logros na reforma agraria e a gratuidade da educación e a sanidade, e como a súa condición de "exemplo perigoso" xustificou os esforzos estadounidenses. Como mostra de "tapiz de mentiras", citou a acusación do ex presidente Ronald Reagan a Nicaragua de ser unha "cela totalitaria", cando non había escuadróns da morte nin tortura, e contrapúxoo ao asasinato no Salvador de monseñor Óscar Romero a mans dun grupo militar adestrado por Estados Unidos. Pinter citou outros exemplos desa "política que se estendeu por todo o mundo", como o caso de Grecia, Uruguai ou Chile.

Harold Pinter preguntouse se realmente existían a sensibilidade moral e a conciencia, á vista de casos como o dos presuntos terroristas detidos na base de Guantánamo ou a invasión de Iraq, "un acto de terrorismo de Estado". De Estados Unidos dixo tamén que "lle importan unha figa" a ONU, a legalidade internacional ou as voces críticas, e que contaba cun "añiño patético e submiso" chamado Gran Bretaña, e convidou con sorna á Corte Penal Internacional (CPI) a procesar a Tony Blair, xa que George Bush foi "máis listo" ao non recoñecer a autoridade dese tribunal.

Despois recitou uns versos de Explico algunhas cousas, de Neruda, sobre a Guerra Civil española, porque "na poesía contemporánea non lín outra descrición tan poderosa e visceral do bombardeo de civís".

Pinter pechou o seu discurso cunha chamada ao deber cidadán de "definir a auténtica verdade das nosas vidas e as nosas sociedades", "unha obriga crucial que nos concirne a todos". Se isto non entra a formar parte da nosa visión política, "non haberá esperanza de restaurar o que case perdemos, a dignidade do home".

Galicia Hoxe, 09/12/05