Miguel Anxo Fernán Vello: O discurso de Harold Pinter e Condoleezza Rice

Miguel Anxo Fernán Vello: O discurso de Harold Pinter e Condoleezza Rice

O poeta e dramaturgo Harold Pinter non puido acudir a Estocolmo para pronunciar de viva voz e de corpo presente o "discurso de aceptación" do Premio Nobel de Literatura 2005 –o cancro tenlle dado un ultimato–, mais si se proxectou un vídeo que recollía gravada a súa alocución e que foi seguido na Academia Sueca por numeroso público. Foi mágoa, todo hai que dicilo, que entre os convidados ao acto da Academia máis emblemática do mundo non estivese a secretaria de Estado estadounidense, Condoleezza Rice, de xira por Europa. E vén isto a conto porque o Premio Nobel dixo entre outras cousas que "é unha obriga para todos definir a verdade real das nosas vidas e das nosas sociedades" e a señora Rice, cousas da vida, aínda non conseguiu explicar todo ese gran escándalo dos avións secretos da CIA –máis de 400 voos rexistrados en Alemaña– e toda esa gran panoplia de cárceres clandestinos estadounidenses repartidos por medio mundo. A secretaria de Estado dos EE UU manifestou, cun sorriso antigo e tardo a lle inflar as meixelas, que as forzas antiterroristas do seu país, a CIA en primeiro lugar, teñen ordes de respectar os dereitos humanos dos detidos. En fin, xa pode ir pensando Benedito XVI na canonización da señora. Porque hai que recoñecer que esta dama tan afecta a Bush cultiva unha inocencia admirábel, marca un estilo político-moral envexoso, e moitos gobernantes en Europa baixan diante dela a cabeza e esquecen os compromisos democráticos. Harold Pinter, un dos máis grandes dramaturgos de todos os tempos, deixouno claro na Academia: "A invasión de Iraq foi un acto de bandidismo, un acto patente de terrorismo de Estado, de desacato total ao concepto de lei internacional". (...) "O xusto sería que Bush e Blair fosen convocados diante do Tribunal Penal Internacional". E rematou afirmando –non sei se sabía que Condoleezza Rice nos visitaba– que esta Europa que vivimos non deixa de ser "estúpida" e "patética". Palabras de ferro que alertan duramente aos Gobernos europeos indolentes e despistados.

Galicia Hoxe, 09/12/05