Manoel Santos: Estados Executores de América

Manoel Santos: Estados Executores de América

Tortura instantánea. Castigo extremista, extremo. Radicalismo. Integrismo. Martirio irreversíbel. Tormento xudicial. Xogar a ser Deus. Verdugos de Estado. Xulgar a vida. Deshumanización. Corredor da morte. Décadas de agonía. Pena de morte.

Estados Unidos. Outra vez o imperio. É imposíbel canear a presenza da superpotencia cando un fala das grandes eivas da humanidade. Non é manía, non. Nin antiamericanismo gratuíto. É que sempre están aí, no cumio da pirámide trófica, a que debuxa cómo a especie humana se devora a si mesma, cómo se autofagocita. E que non me digan que é o goberno e non o pobo, porque houbo outros e sempre foi o mesmo conto, sempre esa teima pola dominación e a conquista. Cada presidente ianqui ten a súa guerra, o seu encontrón co resto do mundo, a súa falta de respecto polo medio natural. Porén, "o pobo é quen mais ordena", que diría o Zeca. E o pobo asinte, cala, outorga, manca.

Kioto e o cambio climático, a Antártida, a paz mundial, o comercio xusto, a deforestación da Amazonía, os alimentos transxénicos, os dereitos humanos, os prezos do petróleo, o comercio de armas, o terrorismo de Estado… a pena de morte. Sempre a contramundo, coa súa egoísta visión da comunidade internacional. Estamós nós, nós e nós; e logo uns cativos aliados, doadamente manipulábeis, febles de máis, e os do eixo do mal, o resto. Así ven o mundo os norteamericanos. Velaí a súa contribución, a súa necia e lixosa pegada na historia. A soberanía da tiranía.

Segundo Amnístía Internacional, en 1994 o 97% das execucións por condena a morte das que se tivo noticia foron en China, Estados Unidos, Irán e Vietnam. Dende 1990 polo menos foron executados "legalmente" no mundo 39 menores de idade en oito países, e deles Estados Unidos executou máis que os outros sete xuntos (Iemen, Paquistán, Arabia Saudí, China, Nixeria, R.D. do Congo e Irán).

De todo o mundo industrializado, de todo o mundo demócrata, ese que dita as leis do ben e o mal no planeta, só Estados Unidos mantén e emprega con regularidade a pena de morte. De media un executado cada 10 días. Trinta e oito estados de 50 fan uso desta abominación por mor dun apoio popular do 65% (o bo é que hai unha década era do 76%). Só doce prohiben a execución, neste caso exterminio, de enfermos mentais (até 35 casos documentados). Curiosamente os que non prevén a pena de morte como unha opción son estados estremeiros con Canadá, como Dakota do Norte, Minessota ou Maine, ademais de Alasca e Hawai.

E ata son orixinais e diversos ao faceren de verdugos. Os métodos que dita a lei deixan a un abraiado, pois van dende a inxección letal, esa que mata nuns 15 minutos os condenados de Nova York, Colorado ou Oregón ata a cámara de gas de Wyoming. Tamén hai combinados macabros, como a inxección e a forca (segundo conveña, ou se cadra segundo a moda) en Wáshington ou a inxección, a electrocución e o pelotón de fusilamento en Oklahoma.

En Estados Unidos non se cuestiona a pena de morte, só se esta é máis ou menos aséptica. Matar sen salpicar parece a consigna. E iso que dende 1973 máis de 122 presos condenados fuxiron da morte por xurdiren novas probas que demostraban a súa inocencia. O número de executados inocentes nunca se saberá, pero si o dos que esperan, ás veces décadas, nos corredores da morte, disque 3.500.

Mal mes para a humanidade. Sobre todo se temos en conta que esta virtude esquecida, a de ter humanidade, debería ser a máxima dun país como os Estados Unidos. O día 3 Kenneth Boyd foi executado en Carolina do Norte. Era o número 1.000 dende que os norteamericanos restableceran a pena de morte en 1976. Mil mortos, tantos como días de ocupación de Iraq se acaban de cumprir.

E por suposto o da rehabilitación nin se pensa, nin sequera o do caso máis antigo, que espera dende 1979. En Estados Unidos a lei ten máis que ver coa vinganza que coa xustiza. Hai catro días foi executado tamén Stanley Tookie Williams, un condenado a morte en 1981 que pasou de crear unha banda de rúa nos Ánxeles a pregoar a non violencia dende a cadea por medio de libros para nenos. Mesmo elaborou un protocolo de paz para axudar as bandas a abandonar a violencia. Arrepentimento e rehabilitación en estado puro que mesmo lle valeron para ser nominado varias veces ao Nobel da Paz. Como ao final no imperio os indultos dependen só dunha persoa, que desta vez era ademais un Terminator (=máquina que non pensa, só executa), este nunca chegou. Si, mal mes para a humanidade.

Galicia Hoxe, 18/12/05