Benedicto García: Ordenadores, ¿na aula?

Benedicto García: Ordenadores, ¿na aula?

A xulgar polos resultados do orzamento da UE aprobado en Bruxelas e o compromiso dos gobernos central e autonómico, o próximo ano debe representar o inicio dun período no que os diñeiros para I+D+i van ser moi importantes.

Tanto que, se non se preparan xeracións de cidadáns tecnoloxicamente competentes, podemos perder definitivamente o tren dun desenvolvemento que nos equipare ós veciños máis adiantados. E para que iso non suceda hai que empezar pola base, pola escola.

Non se trata de meter ordenadores en cada aula como algúns propuxeron na Administración anterior. É máis operativo, eficiente e económico dotar os centros de primaria e secundaria cun número dabondo de portátiles e desprazalos ás aulas e non desprazar os alumnos, como agora, a aulas especiais que, ademais, quedarían así liberadas para outros usos. Os equipos conéctanse ás redes sen fíos que xa existen ou se están instalando. Así está funcionando, con éxito en varias comunidades autónomas.

Nesas comunidades existe un docente responsable de todo o equipamento, tanto informático como audiovisual. Este profesorado ten que ter unha formación inicial e continua específica para cumprir os obxectivos educativos e técnicos que lle son propios. Do mesmo xeito, habería que formar urxentemente a todo o profesorado con elementos básicos de uso do ordenador, hoxe máis importante que o dunha enciclopedia.

E, por último, os responsables deberían contar coas experiencias de tantos profesionais do ensino que nunca en anos foron consultados por uns xestores ignorantes e prepotentes.

El Correo Gallego, 22/12/05