Alfonso García Tobío e Juan Carlos Pardo Pérez: Carta aberta a Jaime Barreiro (PUP) e Elías Torres (UA)

USC
Alfonso García Tobío e Juan Carlos Pardo Pérez: Carta aberta a Jaime Barreiro (PUP) e Elías Torres (UA)

Jaime Barreiro e Elías Torres

Estimados colegas:

Onte enterámonos pola prensa (Barro cambia de socios para continuar como rector) de que, como representantes da Plataforma Universitaria Progresista (PUP) e de Universidade Aberta (UA), chegastes a un acordo para concorrer xuntos ás vindeiras eleccións á Reitoría da Universidade de Santiago de Compostela cunha candidatura encabezada polo actual Reitor, o profesor Senén Barro.

Segundo a nota de prensa, parece que redactastes "unhas liñas de acordo con trece puntos" que sentan as bases do goberno da USC, e que tal acordo "quere reforzar a participación, os procesos de transparencia e os distintos órganos de representación universitaria para un goberno novo, de ampla base e que produza as mudanzas que precise a USC”.

No día de onte, desde primeira hora da mañá e ata altas horas da noite, puxémonos en contacto con diversas persoas próximas á PUP, a UA e ao colectivo de PAS "A Trabe" co obxecto de que nos facilitaran o texto do acordo. Sorprendentemente, ninguén dispuña del. Quedaron de enviárnolo por correo electrónico tan pronto como o tiveran nas súas mans, e aínda hoxe non fomos quen de conseguilo. Tiñamos a esperanza, tamén, de que hoxe se publicara na prensa (único medio polo que nos facedes chegar información), pero tampouco. Todos aqueles cos que falamos coñecían a existencia do texto, pero ninguén o leu.

Acudimos a vós para que, se non tedes inconveniente, nolo fagades chegar e poidamos facérmonos unha idea do que pretendedes para a USC. Tamén sería bo, en aras da transparencia que pregonades, que nos proporcionárades información acerca de como transcorreron as negociacións: cantas reunións houbo, quen participou nelas,  en representación de quen, cales foron as ordes do día, que documentación barallastes, que argumentos se utilizaron, a favor ou en contra do acordo... Se fixerades públicas as actas das reunións habidas, sería perfecto. Non é desexable, na nosa opinión, que os rumores de cafetería desvirtúen as vosas intencións.

Damos por suposto que eses "trece puntos" do acordo se sustentan (como non podería ser doutro xeito) en serias, rigorosas e profundas reflexións e análises sobre o presente e o futuro da Universidade en xeral e da USC en particular, sobre o significado do Espazo Europeo de Educación Superior, sobre os actuais procesos de mercantilización do coñecemento e da educación superior, sobre a progresiva e intensísima empresarialización da Universidade, sobre as implicacións do Acordo Xeral de Comercialización de Servizos para as Universidades, sobre as políticas neoliberais de avaliación e calidade e o impacto que suporán para o persoal das Universidades, sobre o futuro das titulacións, sobre as perspectivas financeiras... Agradeceríamosvos moito que nos remitírades os vosos documentos de análise da situación, e moi especialmente aqueles que se refiran ás "mudanzas que precisa a USC", que serán os que mellor reflictan os vosos plans de futuro.

Estamos totalmente de acordo coa vosa intención de "reforzar a participación". As vindeiras eleccións deben, na nosa opinión (e esperamos que tamén na vosa), constituír un marco privilexiado para o debate democrático e informado sobre a Universidade. Desde fírgoa faremos todo o que estea nas nosas mans para que así sexa.

Agradecémosvos de antemán a vosa contestación e toda a documentación que consideredes oportuno remitirnos.

Feliz Nadal, e que o Novo Ano nos traiga un mellor futuro para a USC.

Alfonso García Tobío e Juan Carlos Pardo Pérez

Outras novas relacionadas: