USC: Liñas para a conformación dunha candidatura conxunta para a elección do Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

USC: Liñas para a conformación dunha candidatura conxunta para a elección do Reitor da Universidade de Santiago de Compostela entre a Plataforma Universitaria Progresista (PUP) e Universidade Aberta (UA)

(Recibido por correo electrónico da lista de difusión de A Trabe)

A Plataforma Universitaria Progresista (PUP) e Universidade Aberta (UA), de cara ás próximas eleccións de reitor, que se han de celebrar en 2006, acordan concertar a formación dunha candidatura conxunta e encabezada polo profesor doutor SENÉN BARRO AMENEIRO.

A devandita candidatura estará sustentada na representación equilibrada e a corresponsabilidade, co fin de fornecer á USC do impulso preciso para lle facer frente aos retos inmediatos que representan, principalmente, a constitución do Espazo Europeo de Educación Superior e a potenciación da USC como referente universitario en todos os niveis, nun contexto educativo máis aberto e competitivo.

Os asinantes aspiramos a constituir un novo goberno da USC integrador, forte, de amplia base e capaz de concitar o maior consenso posíbel entre a comunidade universitaria, coincidindo en valorar como compromisos principais desta candidatura conxunta os seguintes:

  1. Dispor de obxectivos definidos, explícitos, avaliábeis e amplamente respaldados pola comunidade universitaria.
  2. Impulsar, con determinación conxunta, novas políticas acaídas aos novos retos, en materia de Profesorado, Investigación e Titulacións.
  3. Garantir requerimentos de eficiencia e transparencia na elaboración e cumprimento dos criterios de goberno e dos procedementos de xestión administrativa na USC.
  4. Preservar o carácter público da Institución, regulando con rigor e transparencia a realización de labores de investigación e docencia realizados polo seu cadro de personal.
  5. Reforzar a centralidade das accións e liñas estratéxicas da USC nos seus fins básicos: docencia, investigación e transferencia de coñecemento, subordinando a elas calquera outras accións institucionais.
  6. Garantir á comunidade universitaria un acceso equitativo aos recursos disponíbeis para os labores de docencia e investigación.
  7. Reactivar os órganos de goberno e representación, cunha clara delimitación das súas responsabilidades, em prol dunha vida universitaria máis comprometida e participativa.
  8. Impulsar a implicación dos órgaos de goberno con responsabilidades na organización da docencia (Centros e Departamentos, fundamentalmente), na proposta e organización de estudos e titulacións.
  9. Reforzar a presenza da USC como universidade de referencia ante sociedade e no sistema universitario en particular.
  10. Dotarnos de liñas propias para a incorporación da USC ao Espazo Europeo de Educación Superior, subliñando os nosos sinais de identidade diferenciais.
  11. Promover a profesionalización da xestión administrativa, cunha clara asignación e diferenciación de funcións e competencias entre os órgaos de goberno e os de xestión profesional.
  12. Racionalizar e modernizar os procedementos tendentes á simplificación da xestión.
  13. Corrixir as asimetrías, particularmente as que afectan á singularidade do campus de Lugo.