Alfonso García Tobío e Juan Carlos Pardo Pérez: Acordo PUP/UA: o futuro da USC?

Alfonso García Tobío e Juan Carlos Pardo Pérez: Acordo PUP/UA: o futuro da USC?

Por fin, a través da lista de difusión de A Trabe, conseguimos o anhelado texto do acordo entre as plataformas de profesores PUP e UA. Non nolo remitiron os seus asinantes*, respondendo á solicitude que lles fixemos hai uns días [Alfonso García Tobío e Juan Carlos Pardo Pérez: Carta aberta a Jaime Barreiro (PUP) e Elías Torres (UA)]. Seguiremos agardando con impaciencia a que nos envíen as análises e os documentos que fundamentan o texto do acordo, porque por si mesmo resulta un tanto vago, impreciso, borroso, inconcreto, confuso, carente de contido.

Algunhas cousas si que parecen definidas. Os dous grupos entenden que o Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) é un reto ao que hai que facerlle fronte, polo que deciden presentar unha candidatura única, encabezada polo actual Reitor, que dea paso a un goberno integrador, forte, de ampla base, de consenso. Parece claro tamén que o reparto de vicerreitorías se fará de xeito "equilibrado". E a partir de aquí, as cousas están menos claras (ou non o están en absoluto). Trataremos, no que segue, de facer unha interpretación do texto do acordo, procurando limpalo para achegarnos ao seu contido real (resulta aquí de interese a lectura do artigo de Wietse de Vries Para salvarnos de nosotros mismos, porque tamén nós sospeitamos que en algures estea a funcionar xa un "xerador de discursos de modernización").

Para empezar, e dado que a candidatura se conforma tendo como eixo o EEES: o EEES é bo per se, de calquera forma, en calquera circunstancia, a calquera custo, con calesquera características? É todo bo no EEES? Non ten nada negativo, non ten custos, carece de riscos? A USC debe "adaptarse" pasivamente ao EEES, asumíndoo tal como nos ven dado? Ou debe buscar tamén que o EEES se adapte ao que as Universidades decidan ser? Non temos nada que dicir ao respeito? A autonomía da USC non queda en entredito cando se nos impoñen rumbos definidos desde fora dela? Outras moitas preguntas deste tenor, todas elas pertinentes, se poderían facer. Parece que os asinantes do acordo asumen "tal cal" o EEES, sen unha mínima análise crítica.

Pero tampouco queda claro que por esta vía se vaia a chegar a un goberno de ampla base, de consenso, integrador. Non sabemos moi ben a quen representan estes dous grupos de profesores, porque o seu grao de visibilidade é francamente escaso (ver Alfonso García Tobío e Juan Carlos Pardo Pérez: Pois xa que o sabes, voucho a decir). É ben posible, sen embargo, que a candidatura que avalan a PUP e UA arrase nas eleccións (a lectura do artigo de Frei Betto Se venden candidatos resulta, no noso parecer, moi recomendable para interpretar tales efectos). Non é que dubidemos da lexitimidade dun potencial resultado electoral. Pero si cuestionamos que "democracia" sexa estrictamente equiparable a "votación". Cremos que é moito máis. E procesos micropolíticos como este do acordo entre a PUP e UA supoñen de facto a exclusión da participación política e do debate democrático dun número significativo (tal vez da maioría?) de persoas da comunidade universitaria. Nunha recente entrevista publicada en El Correo Gallego, a nova decana da Facultade de Xeografía e Historia, Mar Llinares García, expresaba isto con nitidez:

- ¿Que opina da negociación entre a Plataforma Universitaria Progresista e Universidade Aberta de cara a presentar unha candidatura conxunta ás eleccións a reitor de maio?

- A miña opinión é bastante crítica respecto de todo este tipo de procesos de pseudoparlamentarismo. Na universidade non nos podemos comportar como se estivese formada por partidos.

- Entre os que non se adscriben a ningunha das plataformas hai quen lamenta que iso supoña quedar desprazado.

- Si, a miña opinión persoal é que quedas excluído.

Cónstanos que algunhas outras persoas coas que temos falado comparten totalmente esta apreciación.

Pero o que máis asombro nos causa do texto do acordo son os "compromisos" aos que chegan as dúas plataformas de profesores, especialmente o primeiro deles. Se se comprometen a "dispor de obxectivos definidos, explícitos, avaliábeis e amplamente respaldados pola comunidade universitaria" será porque actualmente non dispoñen deles. Se esta lectura é correcta (pódese facer outra?), iso debe querer dicir que as dúas plataformas acordan conformar unha candidatura para, con posterioridade, definir os seus obxectivos. A nós seméllanos que o proceso lóxico debera ser o inverso, pero en fin, pode que esteamos equivocados, e do que se trate sexa de "como conquistamos (ou mantemos) o poder para ver despois que facemos con el" . A mesma indefinición afecta a outros dous dos compromisos, que destacamos pola súa particular relevancia actual. As dúas plataformas comprométense: Punto 2: a "impulsar novas políticas". Nada din acerca do contido de tales "novas políticas". Parecera que por ser "novas" tiveran necesariamente que ser "boas". Punto 10: a "dotarnos de liñas propias para a incorporación ao EEES". Tampouco nada de nada de en que van consistir esas "liñas". Graves eivas, ao noso ver. Mentres non nolo aclaren, non poderemos decidir o noso voto.

Un importante compromiso é o recollido no Punto 4: "preservar o carácter público da Institución", intención coa que nos declaramos totalmente de acordo. O que non entendemos é que ten que ver tal propósito con "regular a realización de labores de investigación e docencia realizados polo cadro de personal", por moito "rigor e transparencia" que se imprima a tal regulación. Ao noso entender, a Universidade debe ser pública porque é un ben común que ten que garantir o Estado, polo que non debe estar sometida a condicións de mercado. Non nos parece que a medida que se propón ("regular...") se corresponda no máis mínimo co propósito anunciado.

En diversos puntos refírense ao goberno da USC. Así, no Punto 3: "Garantir requerimentos de eficiencia e transparencia na elaboración e cumprimento dos criterios de goberno". No punto 7: "Reactivar os órganos de goberno e representación, cunha clara delimitación das súas responsabilidades". No punto 8: "Impulsar a implicación dos órgaos de goberno (...)  na proposta e organización de estudos e titulación". E no punto 11: "diferenciar funcións e competencias entre os órgaos de goberno e os de xestión profesional". Combinando todo isto, o que propoñen é "reactivar os órganos de goberno e representación, garantindo a eficiencia e a transparencia na elaboración e cumprimento dos seus criterios, delimitando as súas responsabilidades e impulsando a súa implicación na proposta e organización de estudos e titulacións".

Sobre investigación e docencia dinse, de xeito espallado, varias cousas. No mencionado Punto 4: "regular con rigor e transparencia a realización de labores de investigación e docencia realizados polo cadro de personal". No Punto 5: "Reforzar os fins básicos da USC: docencia, investigación e [aquí cólase tamén] transferencia de coñecemento". No Punto 6: "Garantir o acceso equitativo aos recursos disponíbeis para os labores de docencia e investigación". E no Punto 8: "Impulsar a implicación dos órgaos de goberno con responsabilidades na organización da docencia, na proposta e organización de estudos e titulacións". Inferimos que o que pretenden é reforzar a investigación e a docencia, para o que se propoñen regulalas contando cos órganos de goberno e distribuír equitativamente os recursos. Non nos parecen medidas moi elaboradas.

A "xestión administrativa" parece ser outra grave preocupación dos asinantes do acordo, posto que a ela se refiren repetidamente. No Punto 3: "eficiencia e transparencia dos procedementos de xestión administrativa". No Punto 11: "promover a profesionalización da xestión administrativa". E no Punto 12: "racionalizar e modernizar os procedementos tendentes á simplificación da xestión". Xuntando todo, parece que pretenden "racionalizar, modernizar e profesionalizar a xestión facéndoa máis simple, eficiente e transparente". Queda por precisar que se quere dicir con eses termos: racionalizar, modernizar, profesionalizar, eficiente e transparente. Tal vez non todos entendamos o mesmo.

A limpeza do texto condúcenos á seguinte reconstrucción:

As dúas plataformas deciden presentarse xuntas ás eleccións, comprometéndose a:

  1. Preservar o carácter público da Institución.
  2. Reforzar a presenza da USC.
  3. Reactivar os órganos de goberno e representación.
  4. Definir obxectivos, novas políticas de Profesorado, Investigación e Titulacións e liñas propias para a incorporación da USC ao EEES.
  5. Reforzar a investigación e a docencia, regulalas e distribuír equitativamente os recursos.
  6. Racionalizar, modernizar e profesionalizar a xestión.
  7. Tratar de xeito diferenciado ao Campus de Lugo.

Non nos parece que isto aclare moito o futuro da USC. Na nosa opinión, queda moito traballo por facer.


* Pouco despois de publicarmos o presente artigo en fírgoa, o profesor Elías Torres, coordinador de UA, enviounos un correo electrónico, en contestación ao que nós lle remitimos, no que nos adxunta o texto do acordo. Ao tempo que de novo lle agradecemos a súa deferencia, e para máxima transparencia, reproducimos íntegramente o correo do profesor Torres:

Estimados colegas:

Junto envio o texto do acordo entre PUP e UA tal como solicitades. Este texto foi repartido à imprensa no dia 23 e só El Correo Gallego realizou umha síntese do mesmo, na sua ediçom impressa. O texto recolhe as grandes linhas programáticas que nos comprometemos a desenvolver nos próximos meses, e que serám plasmadas num programa de governo  para o conhecimento de toda a comunidade universitária.

Um cordial abraço e feliz ano 2006

Elias J. Torres Feijó