4.5 Servicios e intermediarios educativos
Xa falamos anteriormente de Scottish Knowledge, un intermediario educativo. Outros exemplos son a Western Governors’ University (WGU) nos EEUU ou Learndirect no Reino Unido.
A WGU realizou diversas asociacións para distribuír novos tipos de programas (baseados nun modelo de competencia) a novos grupos de estudiantes. A WGU traballa en asociación con empresas como IBM, AT&T, Cisco e Microsoft, e outorga diplomas “sen empregar a profesores e sen preparar cursos. O contido da ensinanza é elaborado por profesores externos que traballan para outras institucións públicas ou privadas” (IE/ISP, 2000). Os cursos son desenvoltos e distribuídos por máis de 30 organizacións participantes, que inclúen universidades e compañías comerciais tales como Apple, KPMG e Microsoft. WGU ofrece cursos en liña, prové acceso a servicios de avaliación a través de Sylvan Learning Systems e posibilita que os estudiantes acumulen créditos que resulten en titulacións, ben a través de cursos formais ou de aprendizaxe experiencial. A WGU asegura a calidade dos productos e servicios combinados por medio de tres consellos. O consello de programas regula a integridade do contido académico; o consello de provedores revisa e aproba os provedores individuais (institucións e provedores de formación que aportan o persoal de ensinanza); e o consello de avaliación supervisa a fiabilidade dos instrumentos de avaliación.
Learndirect, que naceu como “the University for Industry”, é unha iniciativa nacional do Reino Unido (cunha organización escocesa separada), financiada polo goberno e por investimentos privados. Actúa como intermediario entre os aprendices e as empresas e provedores, dando acceso a “paquetes de cursos e aprendizaxe” a través de centros de aprendizaxe equipados electronicamente e distribuídos por todo o país. Un servicio de orientación nacional axuda a sintonizar aos aprendices coa provisión de educación. Learndirect pretende incrementar a demanda de aprendizaxe e facilitar o acceso á aprendizaxe ao conxunto da poboación, incluíndo a aqueles que presentan desvantaxes.
Tamén aparecen no escenario algúns provedores de apoio no contexto da educación superior “virtual”: por exemplo, organizacións con función de brokers, como a Globewide Network Academy ou a Electronic University Network, que ofrecen o servicio de vincular a oferta e a demanda desta clase de educación. Así mesmo existen varias organizacións que son “portais” para informar a posibles estudiantes da oferta de programas e cursos on-line en determinada rexión, como por exemplo o California Virtual Campus.
O equipo australiano que investigou sobre a “educación borderless” (Cunningham et al, 2000) sinalou o enorme crecemento de intermediarios educativos de todos os tipos. Tamén informou da expansión dos servicios educativos, incluíndo entre eles os servicios de orientación educativa, de tests e avaliación, de apoio á aprendizaxe e bibliotecas electrónicas, e de acreditación. Os vendedores de tecnoloxías (tanto empresas de hardware como de software) están tamén fortemente implicadas neste campo, dado que todos estes tipos de servicios dependen cada vez máis de medios electrónicos. Moitas universidades corporativas manteñen contratos con empresas de desenvolvemento de software e de deseño, ao tempo que aparecen empresas de servicios educativos que ofrecen soporte completo para o despregamento global de universidades corporativas, aportando sistemas de matriculación e servicios de administración. Tamén as universidades tradicionais están investindo en redes de aprendizaxe co fin de desenvolver “contornos de aprendizaxe electrónicos”, polo que cada vez máis dependen de provedores de servicios educativos comerciais.
- Versión para impresión
- Inicie sesión ou rexístrese para enviar comentarios
- 1043 lecturas

