5. Marco ideolóxico e sociopolítico: o neoliberalismo

Para poder entender o que se quere facer cunha mínima claridade, é preciso poñerse no punto de vista de quen propón as reformas (Michéa, 2002). Os poderes sociais mundiais foron facendo declaracións sobre o que queren facer e fan para someter todas as dimensións da vida humana aos criterios do libre mercado. Hoxe son hexemónicas en todo o mundo as políticas chamadas neoliberais, que constitúen a única doctrina admitida, a do pensamento único, autorizada por unha invisible e omnipresente policía de opinión.

Interésannos aquí especialmente a relación de tales políticas coas propostas que se están facendo sobre a educación en xeral e sobre a Educación Superior en particular. A educación é un potencial inmenso ao que pouco a pouco hai que ir sometendo aos criterios do mercado, tanto a educación formal inicial como a educación permanente. Estas posicións preséntanse en diversos documentos e propostas de diversas instancias de poder do mundo globalizado. A análise e coñecemento destas posicións poden axudarnos a entender os termos en que se concretan as políticas neoliberais nas actuais reformas educativas.