Miguel Anxo Fernán Vello: Evo Morales, sexa vostede benvido

Miguel Anxo Fernán Vello: Evo Morales, sexa vostede benvido

O presidente electo de Bolivia, Evo Morales, está de visita en España e o líder da oposición, Mariano Rajoy, ao parecer, non quere manter con el encontro ou contacto ningún. O presidente boliviano mantivo xuntanzas cos ministros de Asuntos Exteriores e de Industria, Moratinos e Montilla; e, como é lóxico, foi recibido polo presidente Zapatero e polo rei Xoán Carlos I.

Tamén o líder andino e aimara boliviano levou a cabo unha reunión co presidente de Repsol-YPF –hai temas importantes que tratar– e participou nun xantar coa dirección da CEOE. Evo Morales viaxará, unha vez remate a súa estancia en Madrid, a Bélxica, Franza, Sudáfrica, China e Brasil, completando así unha xira de gran importancia e transcendencia política. Mais Rajoy, estrañamente, non amosou ningún interese en saudar ao dirixente americano e celebrar con el, como sería lóxico, unha reunión de carácter diplomático e, como non, político. Eu, que queren que lles diga, sinto unha gran tenrura solidaria, unha fraternidade sen límites e unha admiración ben definida, en particular, polos pobos indíxenas de América. Irmáns humanos golpeados pola historia, desherdados do seu, tantas veces masacrados, vítimas do xenocidio e do etnocidio, e velaí resistentes e presentes no tempo de hoxe, mantendo, contra todo, a súa dignidade e o seu espírito. Non sei por que se tecen en min lazos invisíbeis de afecto, establecidos e confirmados, que se proxectan cara os homes e as mulleres da gran constelación popular indíxena que conforman os vellos e entrañábeis pobos americanos. Evo Morales, sen dúbida, é un dos seus representantes. Democrático. Elixido por unha gran maioría. E velaí a súa elegancia persoal, unha elegancia interior, un xesto que está escrito no perfil admirábel do seu pobo. Cando estivo en Pontevedra, participando na XXI Semana Galega de Filosofía, Evo Morales falou de "refundar" Bolivia. Ignacio Ramonet proclamouno naquela altura como unha das grandes alternativas de esquerdas en Latinoamérica. Sexa vostede benvido, presidente.

Galicia Hoxe, 05/01/06