Isaac Díaz Pardo: Relixión e petróleo no Oriente Medio

Isaac Díaz Pardo: Relixión e petróleo no Oriente Medio

O PRESIDENTE iraní Mahmud Ahmadineyad fixo hai pouco unhas declaracións incendiarias contra Israel calificando de mito o holocausto do pobo xudeu. Non sabemos por que filtros pasou esta noticia, para alarmar e mostrar ao mundo como pensan estos bárbaros persas, país que o meteu USA no «eixo do mal». Así vaise xustificando por adiantado o que probablemente pensan facer, mentras Europa distraémonos con problemiñas domésticos.

A manipulación das noticias dende os grandes centros de transmisión, segundo os intereses dos seus propietarios, é o mal da deformación da información do noso tempo. Enchéronnos o mundo de redes onde tiñamos metidas as nosas cabezas cuxas protestas non recolle esa rede, que sirve só aos intereses dos seus propietarios, que as queren limpas de problemas, de causas xustas e da liberdade non comercial, para que circule ben por elas a liberdade de comercio.

Non me parece moi creíble que todo un presidente que remata de ser o alcalde dunha das grandes cidades do mundo deixe de coñecer que nas vicisitudes polas que ten pasado Palestina, os xudeus non teñan algún dereito a estar alí. Outra cousa é que utilizando o prestixio co que o pobo xudeu saiu do holocausto nazi este pobo sexa utilizado como o gardián do petróleo logo de armalo ata os dentes e con poder nuclear, por se alguén tenta invertir nesta área. A Arabia Saudí xa ten unha boa defensa con eses dous mil príncipes, extraordinariamente ben pagados, pero aínda así non invalida ao «can de presa» que se asenta a carón, por se algo falla na vida regalada deses príncipes. É contra este «can de presa» que representa Israel contra o que o presidente iraní invita a que o leven a Norteamérica ou a Europa. E a mesma acusación de ser un mito o do holocausto xudeu, suponse que o iraní diría algo máis como que o holocausto nazi non foi só unha exterminación dos xudeus, senón de todo o que se opuxera ao nazismo e ao fascismo (non hai por que sacarlle méritos aos xudeus, que sen dúbida eran antinazis, mais o certo é que pouco ou nada se falou da gran cantidade de comunistas e antifascistas que foron gaseados nos campos de exterminio. Moitos dos gaseados foron republicanos españois que loitaron na Península, en Francia, para rematar gaseados en Alemania. Entre eles había tamén moitos galegos, un deles foi o inesquecible profesor coruñés Juan González del Valle, que nin pinga tiña de xudeu).

Todo fai desconfiar que as informacións están manipuladas. O que si está claro é que entre a Arabia Saudita, o Iraq e o Irán fica a reserva de petróleo máis importante do planeta, e todas as armas, incluidas as invencións e as mentiras, as utilizan os que mandan para ver de controlar ese ouro preto, no que o mundo incivilizado basaron as sociedades do benestar, con intencións demagóxicas que empezan a presentar fisuras. Mais da a casualidade que riba desa riqueza fica, reproducíndose, un pobo cun fanatismo relixioso tal, como o que remata de suceder, que nunha avalancha para guindar pedras a unha lapidación de Satán, deixaron baixo os pes 345 mortos e outros tantos feridos.

Irán non escoita, e se propón levar a cabo o seu programa nuclear. Estados Unidos e Europa condean o programa, sen máis razóns. O feito de que teñan petróleo lles está prohibido defenderse. Bush non se vai do Iraq, e a Rice poucas dúbidas deixou das intencións dos seus mandantes. Unha bomba nuclear sobre un punto de Irán elixido podería rematar cos dous conflitos; ou despertar un inverno nuclear para rematar co mundo, cando chegue el Madhi, como agarda Ahmadineyad, como unha advertencia de por onde irán as cousas.

La Voz de Galicia, 16/01/0606