Xosé Manuel Beiras: Estado social? Non, grazas: estado penal

Xosé Manuel Beiras: Estado social? Non, grazas: estado penal

Esa sería a resposta da dereita ultraliberal á pregunta que a suscita. Imaxínense ao dirixente político desa tribo interpelado polo inxenuo cidadán humilde: "Estará vostede a prol do Estado social, non si?. "Non, obrigado: compre un Estado penal". E o que pregunta fica castigado, claro.

Celtiberia, que nunca pode ser menos, fai surf nesa vaga que asolaga hoxe as sociedades máis civilizadas. Só que o fai no seu léxico peculiar. "¿Estado providencia?". "Non, por-amor-de-dios: Estado penitencia". E quen non asuma a penitencia é un descreído. E quen non aplique o Estado penal, é un cobarde, cómplice ademais do terrorismo. Tamén Bush fala "en cristiano", como nos esixía o franquismo. Fronte ao terrorismo, predica a prática do amor –e vai e bombardea choupanas pakistanís onde mulleres e nenos se amparan do frio invernal: hai amores que matan, xa se sabe.

Vai algo máis de un lustro dende que Loïc Wacquant, un sociólogo culto e veraz, publicara un libriño que bateu nas conciencias dos leitores como unha badalada da campana de Anllóns pondalián na memoria do "mozo de aldea" preso en Orán. Na fidel versión galega de hai tres anos tidúase As prisións da miseria, e a sua leitura ou releitura paréceme hoxe máis necesaria se cadra que cando fora escrito. Nel analisa e diagnostica a contraditoria metamorfose que se opera nas funcións do Estado, como instrumento do exercicio do poder, co retorno da ideoloxía "liberal" a unha posición hexemónica na orientación da prática política. Metamorfose contraditoria, porque vai en direición oposta, precisamente, aos principios filosóficos e políticos que dotan de contido ao ideario liberal, históricamente fillo da ilustración no século das luces. Daquela, ese ideario formulaba un pensamento revolucionario fronte ao absolutismo. Hoxe, os novos déspotas absolutistas sóno os neo-liberais, de xeito análogo a como os sionistas israelís, fillos dos xudeus martirizados polos nazis, veñen ser os nazis de arestora –anque non só iles.

Aguniados polos altos índices de obesidade nas opulentas sociedades do centro do sistema, eses "liberais" ultraístas deron en predicar a terapia do adelgazamento, non para os cidadáns ricos, senón para o Estado. E –do dito ao feito- aplicáronlle férreas dietas de adelgazamento ás institucións do Estado do benestar construído na Europa máis próspera na segunda metade do s. XX. Naturalmente, quen adelgazaron drásticamente foron as maiorías sociais traballadoras. Cos solcalcos máis baixos da clase obreira a dieta pasouse da raia, e comezaron a padecer distrofia –forma larvada da fame por malnutrición– a engrosaren as "bolsas de pobreza" e a ingresaren nos guetos da marxinación laboral, social e cultural. Algúns continxentes deses novos probes, xunto con marxinados "seniors", comezaron a mostrar o seu enfado. A resposta dos liberais ultraístas foi automática: criminalizalos. Mais non abondaba con iso, poisque a iso os probes e os marxinados están afeitos, e con epítetos non se dan malleiras. Daquela, os adalides do liberalismo descobriron a dieta de engorde para compensar os desequilibrios metabólicos provocados polo adelgazamento do Estado social, e procederon a engordar outros tecidos, órgaos e membros do mesmo Estado neo-liberal: os encarregados de rexir e executar as funcións represoras contra os disidentes –fosen marxinados ou non– do único pensamento correcto, é dicir, o "pensamento único" ultraliberal. Wacquant non o esprica así, senón de xeito máis serio, pero o fío do relato ven ser o mesmo: enfraquece o Estado socialmente benefactor e afortálase o Estado represor, nunha transición regresiva que conduce dende o Estado "providencia" ao Estado "penitencia", do "Estado social" ao "Estado penal". Velaí as "prisións da miséria" instaladas no corazón da sociedade.

A característica primordial do Estado penal consiste en que só reacciona meiante o castigo contra as vítimas da destrución do Estado social. Nunca tenta resolver os problemas sociais que provocan as protestas desas vítimas, sempre arremete contra as vítimas que ousan protestar. Porque no caletre dese Estado non existen problemas sociais, só existen problemas de orde pública. Venme ás mentes a vella canción de protesta de Luis Cília contra o salazarismo: "métense todos na prisión, e fica tudo como inantes". Resulta literalmente vixente: nos USA, a fins do s. XX, un de cada vinte cidadáns adultos achábase preso ou "en condicional". Con "equilibrio" racial, ademáis: na poboación negra a taxa era un de cada cinco. "No problem". Como o mercado resólveo todo, a construción e explotación de cárceres convirtíuse nun florecente negocio: xa entón os presos en cárceres privados ianquis equivalían a sete veces a poboación carcelaria francesa enteira. Porque Europa, nisto tamén, leva retraso "liberal", mais camiña na mesma direición. Cos discrepantes e desidentes compre ter man dura no poder. Se non, o lider liberal de turno acusaráte de seres cobarde. Na abordaxe política dos problemas, o quid non está en ser demócrata, senón en ter agallas –ou sexa, ao estilo celtíbero ancestral.

Estamos a vivir, e padecer, un constante proceso de conversión das nosas sociedades en campos de concentración virtuais, como corresponde á masificada cultura da imaxe, pero non menos realmente eficaces. Sen alambradas, pero non menos choídos. ¿Dixen sen alambradas? Estou pitoño. Derrubouse hai tres lustros o muro de Berlín, e derreteuse o telón de aceiro comunista. Mais da banda de acó, só por nostalxia, os ianquis construen un valado ao longo da fronteira mexicán, para faceren opaca "a fronteira de cristal" de Carlos Fuentes e visibilizaren, en clave surrealista macabra, que dunha e outra banda do valado están na mesma área de libre comercio. Dixen ben libre comercio, non libre tránsito. O exemplo cunde no seu protectorado de Xudá, onde os discípulos sionistas milloran aos seus mestres gringos: construen un muro, non nos lindes, senón no corazón de Palestina, polo meio dos campos de cultivo, polos rueiros dun mesmo vilar. Eiquí, non. Onda nós, nesta Europa, as cercas son aínda virtuais –agás Melilla.

Nós temos a idea e a imaxe dos campos de concentración na sua fasquía clásica e ostensíbel. A que nos describiran os exiliados republicáns supervivintes das duas guerras consecutivas que padeceran. A das imaxes que víramos cando nenos no NO-DO, ou daquela e máis dispois en documentais e filmes que aínda seguen a circular polas pantallas dos cines e a tele. Por iso non estamos aínda afeitos a identificarmos os campos de concentración virtuais nos que nos van confinando "por parroquias", os que construe incesantemente o Estado penal. Sen formigón nen alambradas: con normas xurídicas de diverso rango, dende leis orgánicas a ordenanzas municipais, con forzas de seguridade –públicas e privadas– e directrices policiais, mesmo con ordes xudiciais de fiscais e xuices que soterran os principios xerais do dereito e usan a lei contra a xustiza. Ao estilo do famoso sketch de Brecht ("En percura da xustiza") no seu "Gran-medo e miseria do IIIº Reich". Pero a maxistratura alemá rozáralle o camiño a aquela destrución da xustiza: está demostrado que o poder xudicial, nomenklatura nutrida maiormente de funcionarios que sobreviviran á queda do IIº Reich, fora a primordial institución desestabilizadora da República de Weimar, saboteadora da sua constitución, e rozadora do carreiro polo que os nazis chegaran –con eleicións libres– ao poder para, dende alí, aboliren república e constitución e instauraren un imperio totalitario.

Eu aviso –aínda non acuso, como Zola– se de algo val. Nos nosos estados europeus, estánse a decretar sucesivos estados de excepción fragmentarios. Como tais, implican suspensión de garantías constitucionais, só que para ámbitos temáticos e cívicos específicos e conxuntos limitados de normas. Nuns casos atinxen só a determinados grupos de cidadáns ou orgaizacións. Noutros a determinados tipos de feitos ou actividades. Mais non por iso son menos realmente estados de excepción –que ademais tenden a facerse duradeiros no tempo, e non circunstanciais: perduran aínda desaparecidas as circunstancias que os "xustificaron". Dous xuristas franceses de prestíxio acaban de denuncialo, con motivo da resposta do poder aos disturbios na periferia parisién. Avogado un diles e responsábel internacional de Dereito-Solidariedade; maxistrado o outro e co-presidente da Fundación Copérnico. "Descuartizamento das liberdades públicas": son íles, non eu, quen definen neses termos o fenómeno do que estou a falar. E din isto: "De feito, policía e xustiza son dende agora dous elos dunha soa cadea represiva" –que suspende de feito a vixencia do artigo 66 da Constitución francesa. A española, no seu primeiro artigo, proclama o Estado como "social e democrático de Dereito", e inclue a xustiza e a igualdade nos "valores superiores do seu ordeamento xurídico". Aos adalides desa constitución que cifran a acción constitucional de goberno nas agallas, compre facerlles respeitar e praticar eses valores –xa que non aprenderon ese texto.

Galicia Hoxe, 22/01/06