Miguel Anxo Fernán Vello: Os novos donos do mundo

Miguel Anxo Fernán Vello: Os novos donos do mundo

Sostén Leonardo Boff que se houbese un pouco de humanidade e compaixón entre os humanos abondaría con que se retirase o 4 por cento das 225 maiores fortunas do mundo para dar comida, auga, saúde e educación a toda a humanidade.

E engade o teólogo franciscano que este cálculo está extraído de datos fornecidos pola ONU no ano 2004. O tema, en verdade, dá para pensar. Porque o certo é que as 200 empresas multinacionais máis grandes do planeta –manexando datos tamén do ano 2004– concentran o 29 por cento da actividade económica mundial. E aí están a petroleira BP, que é a segunda empresa máis grande do mundo –a primeira é a Wal-Mart–, e, como non, Exxon Mobil, Shell, General Motors, Daimler Chrysler, Toyota Motor, Ford Motor, General Electric, Total, Chevron e mesmo poderíamos citar a Carrefour, Nestlé, o Grupo Altria, IBM, Hewlett Packard e Sony. E a verdade é que todas estas multinacionais, xunto a outras que aquí non se citan, co seu gran poder económico e a súa potencia propagandística, chegan a condicionar a vida dos cidadáns de boa parte do planeta, converténdoos en súbditos consumidores, en meros peóns pasivos e alienados. Todo isto é indubidábel. Mais eu estou de acordo co xornalista francés Pierre Kalfon cando afirma que os novos donos do mundo son os donos das "comunicacións" –véxase, por exemplo, o caso de America On Line ou News Corporation–, que tenden a concentrar os medios actuantes nunhas poucas mans. Non cabe dúbida de que a información é un instrumento extraordinario de poder, e o que Chomsky denomina "prensa empresarial" a gran escala funciona, cada vez máis, baixo un "sistema de indoctrinación e propaganda". É dicir: a elite empresarial elabora a mensaxe e os cidadáns —"ferramentas obedientes"— consúmena. O pensador estadounidense tense referido ao control do pensamento nas sociedades democráticas, non lonxe das ideas de Foucault sobre a "tecnoloxía do poder". Os donos do mundo hoxe, nesta liña, serían as grandes corporacións mediáticas. A linguaxe única e o pensamento único.

Galicia Hoxe, 24/01/06